Xoves 28 Marzo 2024

Sen ciencia non hai futuro: a investigación mobilízase fronte a precariedade constante

Científicos e científicas e numerosas institucións difunden por terceiro mércores seguido a súa protesta a través das redes sociais

“Deixei de participar en feiras de fomento das vocacións científicas porque sentía que enganaba ás nenas. Como se pode recomendar a alguén que dedique media vida a investigar se con 31 anos cobro 800 euros e volvín vivr coa miña familia? A mensaxe de Judit Gutiérrez de Armas, unha doutora en Historia, foi unha das que maior impacto acadou a semana pasada durante a mobilización que centos de científicas e científicos difundiron a través das redes sociais, baixo o lema “Sen ciencia non hai futuro”. Desde o 17 de xuño, cada mércores ás 12 da mañá, as redes inúndanse con numerosos exemplos da dificultade de ter un porvir en condicións neste sector en Galicia e España.

Esta mesma semana, a Rede Galega pola Investigación (Investigal) difundía un vídeo no que se expoñían as dificultades para consolidar e estabilizar a carreira investigadora en Galicia, “unha carreira de fondo extremadamente competitiva e de gran desgaste“, que moitas veces acaba co talento científico formado no país facendo as maletas cara a rexións onde o investimento é maior.

Publicidade

A propia rede Investigal está a realizar, no marco da campaña para as eleccións galegas do 12 de xullo, unha rolda de contactos cos principais partidos, que amosaron a vontade de tomar medidas para reducir a precariedade e temporalidade do colectivo. Neste sentido, varios dos candidatos á presidencia da Xunta de Galicia mencionaron durante as súas intervencións a necesidade de incrementar a aposta pola I+D+i, a ciencia e a innovación entre as súas propostas de goberno. Na actualidade, segundo datos da Fundación Cotec, Galicia mantense por baixo do 1% (0,94%) de investimento en I+D+i respecto ao total do seu PIB, fronte ao 1,24% da media española, e aínda lonxe da referencia estatal, o País Vasco (1,96%), ou da media europea, que xa supera o 2%.

A ciencia e investigación fanse un pequeno oco no debate das eleccións galegas

A mobilización tomou de novo forza ante a crise xerada pola Covid-19, que amosou casos paradigmáticos como o de Juan García Arriaza, un dos científicos que traballa no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC na procura dunha vacina contra a infección do SARS-CoV-2, e que leva media vida con contratos temporais, chegando a atoparse na situación de que  se lle acabara o actual contrato en poucos meses.  É un escenario moi habitual, tal e como denunciaron desde Galicia científicos que traballan no ámbito hospitalario, onde non existe unha carreira investigadora. Con todo, as malas condicións, segundo denuncian de forma periódica científicas e científicos que traballan na universidade e outros centros de investigación, son xerais: precariedade, incerteza, temporalidade e recursos escasos que lastran o día a día, e que sorprenden a colegas doutros países.

Ciencia nos hospitais: un sistema cheo de atrancos para investigar en saúde

Profunda crise no IEO

A mobilización “Sen ciencia non hai futuro”, que este 1 de xullo cumpre a súa terceira semana, coincide nesta ocasión cunha profunda crise no Instituto Español de Oceanografía, unha institución clave na investigación dos ecosistemas mariños e para o sector pesqueiro, e que conta en Galicia con centros en Vigo e na Coruña. Esta semana, segundo recolleu Materia, dimitiu a dirección do organismo, que tomara o relevo da anterior cúpula hai uns meses debido á parálise do instituto. En palabras dunha das autoras do informe encargado polo Ministerio de Ciencia para analizar a situación, “o IEO afundiu”. Este mesmo martes, o propio ministerio anunciaba unha nova partida de 4,5 millóns de euros e o desbloqueo de 99 contratos para intentar salvar o estado crítico da organización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana