Sara Mandiá Rubal, coa súa tese.
Sara Mandiá Rubal, coa súa tese.

Sara Mandiá: “Os investigadores máis activos en redes sociais científicas teñen maior impacto”

A doutora en Comunicación obtivo o premio da Real Academia de Doutores de España pola súa tese sobre a presenza e actividade en redes dos investigadores

Cada vez é máis habitual que, nas convocatorias ás que se presentan os equipos científicos para obter financiamento, un dos requisitos a ter en conta sexa o de divulgar e transmitir á sociedade o resultado e as implicacións das súas investigacións. Neste sentido, a explosión das redes sociais nos últimos lustros (algunhas delas enfocadas á comunidade científica) abriu un escaparate de gran potencial para que equipos de todo o mundo puxeran en común o seu traballo e, deste xeito, se axilizase o intercambio de coñecemento. Así aconteceu recentemente coa pandemia da Covid-19, na que feitos como a publicación do xenoma do SARS-CoV-2 nos primeiros días de xaneiro de 2020, ou a apertura das bases de datos dalgunhas editoriais permitiron que o estudo do virus e a enfermidade que causa fose máis rápido e redundase positivamente na contención da crise.

Sobre a actividade e a presenza en redes sociais científicas dos investigadores xirou a tese de doutoramento de Sara Mandiá Rubal (Cervo, 1990), graduada en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade da Coruña e doutora en Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. O traballo de Sara, que xa obtivera coa súa licenciatura o “Premio á excelencia académica Universidade da Coruña” e “Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia”, foi galardoada como a mellor tese por parte da Real Academia de Doutores de España, nun premio patrocinado pola Fundación Ignacio Larramendi.

Unha investigación “innovadora”

A investigación, segundo explica Mandiá, xirou sobre “tres temas de especial actualidade no mundo da comunicación científica”, como son “o acceso aberto ao coñecemento, a ponderación dos méritos académicos e de investigación e as novas plataformas dixitais que permiten a creación de perfís en redes sociais científicas, dando visibilidade a traballos e investigadores que doutro xeito se sepultarían no maremagnum de información vixente”.

Algunhas destas redes, como ResearchGate, Google Scholar ou ORCID, permiten aos investigadores compartir en aberto os seus traballos e achegarse ao tempo a colegas con liñas de investigación semellantes en todo o mundo. O traballo de Sara Mandiá centrouse en 2.257 autores españois do eido da comunicación que publicaron entre 2011 e 2016 en revistas indexadas na base de datos Scopus, e elaborouse unha ficha con cada un deles para avaliar a presenza e nivel de actividade nestas plataformas, dividíndoos en investigadores proactivos en redes e investigadores tradicionais, ou pasivos na Rede.

A tese da galega Sara Mandiá, premiada pola Real Academia de Doutores de España

É unha tese, segundo destaca Mandiá Rubal, “innovadora pola temática que aborda, aínda de plena actualidade, e porque non había nada no terreo da literatura gris que estudara o fenómeno cun universo tan amplo”. Xa existían, apunta, “artigos descritivos, que non fan senón dar a pauta para ver nesta realidade un interese real da poboación obxectiva ―investigadores e académicos― pero non una aproximación tan exhaustiva que permitira, a partir de casos concretos, afirmar ou desmentir o que ata o momento eran impresións”.

Maior presenza, maior índice ‘h’

A análise da información recollida permitiulle a Sara establecer varias conclusións, que confirmaron as hipóteses de partida, que apuntaban a que os investigadores que publican en revistas indexadas en Scopus e cun maior número de publicacións son máis proactivos nas redes científicas citadas. E en relación a isto, tamén se constatou o vínculo entre a actividade nestas redes e o índice ‘h’, un dos indicadores de relevancia máis usados na comunidade científica. “Os investigadores máis activos nas redes sociais científicas teñen maior impacto, é dicir, un índice significativamente ‘h’ máis alto”, expón a doutora.

Esta situación conduce tamén ás implicacións sociais do estudo. “Para a comunidade investigadora queda patente a necesidade de estar presente na Rede, máxime agora que a cantidade de información de calidade é exponencial; e para a Sociedade, que a vontade maioritaria fai que as cousas cambien, algo que é palpable nas medidas lexislativas e de presión encamiñadas a apertura da ciencia, e ao fomento da información en aberto”, di Mandiá Rubal.

Actividade limitada

Aínda que se observou esta relación entre a actividade de difusión e a maior relevancia, Sara Mandiá tamén advirte de que nalgúns casos non se mantén aberta esta xanela ao mundo. “En moitos casos créanse e mantéñense perfís por obriga dun terceiro ―da propia Universidade de adscrición, das revistas científicas ao publicar, da ANECA―, o que leva ao investigador a descoidar esta ventá ao exterior, non actualizándoa ou non cumprimentándoa como debería”, expón.

Ademais, fóra da academia obsérvase unha diferenza neste aspecto: “Os investigadores non vinculados laboralmente á Universidade son notablemente menos prolíficos, descoñecendo así mesmo o emprego da Web para facer visible a súa labor ―pese a que na comunicación hai grandes profesionais acostumados a publicar, o ámbito da publicación científica queda circunscrito case en exclusiva aos académicos, perdéndose unha parte moi importante do coñecemento da área―”, destaca Sara Mandiá.

Acceso aberto

En relación á crecente presenza das publicacións de acceso aberto, “pódese afirmar que a presenza e importancia desta modalidade de edición cotiza á alza, situándose ano tras ano en mellores posicións”, di a autora da tese. “Se publicas en aberto, tes cada vez máis visibilidade”, destaca Sara Mandiá. Isto foi palpable na crise do coronavirus, segundo lembra. ” O acceso aberto ao coñecemento é o que fixo posible que a ciencia avanzara a un ritmo vertixinoso no estudo e investigación da Covid-19. Os editores, a pesar de tratar de reter o seu modelo de negocio de pingües beneficios, son conscientes da importancia de acceder á información e ás descubertas, e durante os primeiros meses de 2020 abriron as súas bases de datos en favor dunha solución que chegou en menos dun ano”, polo que “este fito fainos pensar na cantidade de anos e esforzos investidos no estudo de outras enfermidades, tan pandémicas como esta, e das que sen embargo aínda non se coñece vacina”, resume.

Novos camiños

Este novo escenario no panorama do sistema de publicacións ten outras implicacións na carreira científica e en eidos próximos. “Os plans educativos deben deseñarse para entender e atender a esa segunda casa que é a Internet, sabendo operar coas súas potencialidades e lidar cos seus perigos; e por outro, as entidades avaliadoras son agora tampón para o avance da comunicación científica, favorecendo coas súas valoracións as prácticas tradicionais de subscrición”, advirte a autora da investigación.

Do mesmo xeito, o novo panorama abre “vías para a xeración de riqueza“. Di a autora: “Podemos afirmar que hai cabida para o deseño e elaboración de novos produtos e servizos orientados á publicación científica na rede; así como á aplicación de estratexias propias do márketing dixital e o poscionamento web nos perfís profesionais de investigadores e académicos”.


Referencia: Presencia y nivel de actividad en redes científicas de los investigadores españoles que publican en revistas de comunicación indexadas en Scopus (Elsevier): estudio de los perfiles en redes sociales y su posible impacto en los índices de citación. Tese dirixida por Miguel Túñez López (Universidade de Santiago de Compostela) e Maricela López Ornelas (Universidade Autónoma da Baixa California).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.