Martes 16 Abril 2024

‘En Santiago fomos pioneiros en matemática industrial’

Compostela acollerá entre o 13 e o 17 de xuño un acontecemento científico de transcendencia internacional coa celebración da 19 edición da Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria (ECMI). O evento reunirá a preto de 350 poñentes, de 40 países e dos cinco continentes, para presentar e debater sobre os novos avances en investigación matemática e a súa aplicación aos procesos industriais. Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada da USC, é a presidenta do comité organizador e destaca as posibilidades de aplicación das matemáticas a campos tan diversos coma a electrónica, a química, a enerxía e ás administracións públicas. Quintela confía en que o evento servirá para dar visibilidade a esas aplicacións e tamén para que a facultade de Matemáticas da USC consolide a súa posición coma centro de referencia internacional, coma xa foi distinguida en diversas ocasións.

Peregrina Quintela. Foto: Anxo Iglesias.
Peregrina Quintela. Foto: Anxo Iglesias.

“Os relatorios que se debaterán durante o congreso están moi orientados ás aplicacións reais en diversos campos industriais, por iso haberá presencia de representantes de 50 empresas en Santiago”, explica Quintela, quen subliña que haberá dez invitados especiais entre os que se atopan catro científicos de universidades estadounidenses e dous españois. Un deles será Wenceslao González, profesor de Estatística na facultade de Matemáticas da USC, que presentará un relatorio no que falará sobre as súas investigacións para aplicar modelos matemáticos á produción de enerxía, e aos seus efectos sobre a contaminación atmosférica.

Publicidade

Entre as intervencións dos outros invitados que participan na Conferencia atopamos temas tan diversos coma a aplicación das matemáticas para realizar procesos de purificación de augas, producir envases lixeiros para líquidos ou conseguir que as baterías dos coches eléctricos podan cargarse dun xeito máis rápido. A participación galega, ademais da propia organización, se completa coa organización dun pequeno congreso dentro da propia ECMI no que se presentarán cinco casos de éxito na colaboración entre as matemáticas e as aplicacións desenvolvidas por cinco empresas: Ferroatlántica I+D, Inaer, Tecnova Noruega, Repsol e Inova.

‘Notamos menos os recortes porque tivemos investimentos de capital privado’

Quintela sinala que un dos aspectos que se pretenden potenciar con este evento é a divulgación científica, por iso o martes 14 de xuño, no Auditorio Abanca de Santiago, terá lugar unha xornada titulada “O camiño matemático cara ós Oscars”, no que intervirán, entre outros, Joseph M. Teran, da Universidade de California, que falará sobre a aplicación das matemáticas no proceso de creación dos efectos especiais da película Frozen. As aplicacións das matemáticas ao cine tamén serán o obxecto das presentación de Xenxo Alvarez, da empresa Ottiplanet, e Ignacio Vargas de Next Limit Technologies.

A presidenta do comité organizador agarda que a celebración da ECMI en Santiago permita abrir novas vías de colaboración entre os diversos grupos de investigación. A facultade de Matemáticas da USC tivo nos últimos anos diversos recoñecementos que a sitúan entre os centros universitarios máis importantes de Europa. Quintela lembra que o recoñecemento á calidade da formación impartida nesta facultade é consecuencia do traballo de moita xente. “Fomos pioneiros en moitas cousas, por exemplo no favorecemento da matemática industrial e a súa vinculación coa empresa”, indica Quintela, que tamén subliña a aposta pola investigación feita nun centro que obtivo unha repercusión “moi importante” dos seus traballos, tanto en España coma no estranxeiro.

“O apoio á investigación non é suficiente aínda que nós notamos menos os recortes porque tivemos investimentos do capital privado para financiar investigacións xa en marcha. Un dos problemas máis importantes é a falta de relevo xeracional na investigación e tamén o incremento da carga de traballo dos profesores que afecta á súa actividade investigadora”, conclúe Quintela.

1 comentario

  1. soy matemático, ptrofesor de secundaria, se puede asistir como oyente, al menso a la charla en el Auditorio Abanca?, gracias

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto

A calidade do aire en Santiago, no límite das recomendacións da OMS segundo un estudo

ConBici presenta os resultados dun proxecto no que colabora a USC e que mediu a calidade do aire en 18 cidades españolas durante dous anos

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Hai 100 anos, as vivendas galegas cubríanse de cal por cuestións hixiénicas e de illamento térmico, pero unha nova corrente estética do século XX reverteu a tendencia