Venres 29 Marzo 2024

Por Santa Lucía, mingua a noite e medran… as tardes

Os seráns fanse máis tardíos a partir desta semana, pero haberá que esperar a finais de xaneiro para que comece a amencer máis cedo

O refraneiro amosa como a sabedoría popular, nacida da observación paciente e reflexiva da contorna, marca ás veces o camiño polo que despois discorre a ciencia. Nestes días, en Galicia escoitarase aquilo de que “por Santa Lucía, mingua a noite e medra o día”. E en parte, é certo, pero só polas tardes. Nesta latitude, os solpores xa comezaron a ser máis tardíos nesta semana. Porén, haberá que agardar ata que comece o mes de xaneiro para que vexamos o sol saír antes polas mañás.

Así, tomando como referencia central Santiago de Compostela (no resto de zonas de Galicia a situación varía apenas catro minutos tanto no orto como no ocaso), podemos observar que desde esta mesma semana as tardes están empezando a gañar minutos de luz solar. Así, no noreste de Lugo chegará a poñerse o Sol antes das 17.55 horas, para despois comezar a poñerse máis tarde.

Publicidade

Estas diferenzas débense a diversos factores, entre os que hai que ter en conta o eixo de rotación da Terra, inclinado 23,5º respecto ao Sol, as diferenzas na velocidade á que se move a Terra arredor do Sol ao longo do ano, e a latitude na que nos atopemos. Do mesmo xeito, outras variables, como as condicións atmosféricas, a refracción da luz solar e a altitude inflúen tamén nestes pequenos matices.

Fronte a esta situación no serán, os amenceres seguirán sendo máis tardíos ata comezos de xaneiro. Despois de varios días nos que o sol sairá pasadas as 9 da mañá, (chegando ás 9.08 na Costa da Morte a comezos de xaneiro) os raios comezarán a ser cada vez máis madrugadores.

O que si coincidirá cos días máis próximos ao solsticio é o mínimo de horas de sol, que só apenas serán 9 (entre as 8.57 de Ferrol e as 9.05 de Vigo, debido ás pequenas diferenzas de latitude) nos días arredor do solsticio de inverno. Así, ao coincidiren os solpores máis retrasados, ao tempo que as tardes aínda están comezando a medrar, o panorama queda desta forma.

Esta situación deixa tamén un curioso fenómeno que se repite todos os anos: por apenas uns minutos, amencerá antes na costa leste de Sudamérica ca no estremo occidental de Galicia, un feito que se prolongará durante uns días, antes de que o sol comece a madrugar na península ibérica e saia máis tarde no Brasil.

Animación do amencer. Fonte: MeteoGalicia / Eumetsat.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primavera comeza este mércores despois do cuarto inverno máis chuvioso do século XXI

Neste mes será posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons-Brooks, segundo o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

O inverno galego xa é máis curto: en Vigo hai un mes menos de frío

En 60 anos, a estación reduciuse unha media de tres semanas na península

Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto