Xoves 28 Marzo 2024

Rosana Malvar: “A decisión de ser nai aínda é un momento crítico para as científicas”

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia dirixe o grupo de Xenética e Mellora do Millo e está especializada na resistencia vexetal ás pragas

Desde o instituto, a Rosana Malvar Pintos (Ponte Caldelas, 1961) veulle a paixón pola Xenética. Así foi como comezou, a finais dos anos 70, a carreira de Bioloxía en Santiago. Naqueles anos deu os primeiros pasos dunha vocación que a levaría a dirixir, entre 2002 e 2011, un dos principais centros de investigación agraria no país, a Misión Biolóxica de Galicia, fundada no ano 1921. Rosana Malvar é xefa do departamento de Xenética e Mellora Vexetal e dirixe tamén o grupo de Xenética e Mellora de Millo. A investigadora, unha referencia no estudo da resistencia vexetal a pragas, será unha das participantes nos actos que conmemoran este venres o Día da Muller e a Nena na Ciencia, organizados polo Concello de Pontevedra en colaboración con GCiencia.

 – Cando tomou a decisión de ser científica?

Publicidade

– Teño que dicir que dalgún xeito decidín facer Bioloxía porque ao principio non tiña moi claro o que estudar. Xa en 1º de BUP me interesaba, especialmente a xenética. E a medida que ía avanzando no Bacharelato, e xa logo na carreira, vin que me gustaba máis. Ao principio non descartaba dedicarme á docencia, pero no 4º curso da carreira, cando entrei no departamento de Xenética da USC, descubrín a vocación.

Daquela había que facer a tesina, e despois de acabala incorporeime xa a Misión Biolóxica para facer a tese, que foi sobre as variedades galegas do millo. Ao acabar estiven nunha estadía nos Países Baixos, e tiven a sorte de que á volta conseguín sacar a praza aquí. E así, desde 1991, aquí estou (risas).

– Que sería de Galicia sen o millo?

– Estamos falando dun dos cereais máis importantes do mundo, xunto co trigo e o arroz. Dan de comer a continentes enteiros. Aínda que en Europa o cereal principal é o trigo, en Galicia hai unha relación particular co millo, comezando polo propio nome. Tal éxito supuxo a súa introdución que mesmo lle quitou o nome ao que en castelán se chama mijo, e que en galego agora é paínzo. 

Está na gastronomía, coa broa da que comeu tanta xente, nas empanadas… E foi fundamental tamén para alimentar o gando. Unha das cousas que máis distinguen ao millo é a súa versatilidade e os usos que ten: ademais da alimentación, xa está cobrando moita importancia como cultivo bioenerxético para producir etanol. Adoito dicir, en broma, que o millo é un pouco coma o porco: del aprovéitase todo (risas). 

Adoito dicir, en broma, que o millo é un pouco coma o porco: del aprovéitase todo

– Cales son hoxe en día as principais investigacións que desenvolven?

A tendencia xeral na mellora do millo, como en todos os cultivos, é adaptarnos ao que vai vir. Co cambio climático chegarán novas pragas, vanse intensificar as que xa están, e o ambiente será moito máis cambiante: haberá episodios extremos, secas e temperaturas máis altas, etc.

E por tanto precisamos cultivos capaces de adaptarse a estas novas condicións. Como dicía antes, o millo ten unha sorte, que é a súa grandísima diversidade. Pero temos que seguir buscando ferramentas para obter variedades aínda máis resistentes. E niso estamos, estudando a súa xenética para facer fronte a estes novos escenarios.

Hai outra cousa que a sociedade debe ter clara: a agricultura é a base para que poidamos seguir vivindo como vivimos. Os alimentos non veñen do supermercado, senón da terra, e son posibles grazas aos agricultores. E ás veces esquecemos que comer é algo que fai todo o mundo, polo que a agricultura precisa da investigación ao seu servizo.

– Falando da situación da muller na ciencia: se lle preguntan que queda por facer, en que pensaría?

– Eu creo que a igualdade se acada cando a sociedade é igualitaria. Hoxe podemos dicir que na Administración Pública, en moitos aspectos, xa se conseguiu. Pero socialmente aínda falta moito. Dígoo no sentido de que cando unha muller decide emprender unha carreira investigadora, a decisión de ser nai aínda é un momento crítico: acabamos a tese, pero temos que seguir formándonos, e iso pasa por saír fóra, aprender cousas novas, etc. pero despois atopámonos cunha inestabilidade que nos impide planificar a vida en diversos aspectos.

O que non pode ser é que nun ambiente terriblemente competitivo, cunha inestabilidade moi grande, cheguemos aos 40 anos e en moitos casos aínda non podemos ter a seguridade de que nos poderemos seguir dedicando á ciencia no futuro. Non digo que todo o mundo poida ter un traballo nisto, pero si que, polo menos, as que conseguen os seus postos teñan unha mínima seguridade de poder facelo se miran cara adiante.

– Onde podería estar a chave?

– É esa estabilidade, por mínima que sexa. Vemos un momento no que se cruza esa tesoira: comezan máis mozas a carreira, pero os postos máis altos seguen dominados por homes. Imos cara á igualdade, pero seguimos vendo que as nais seguen sendo as que renuncian na maioría dos casos. Son anos de sacrificio persoal, de poñer todos os esforzos en chegar á meta, pero ao final moitas veces a situación é insostible e temos que decidir. 

– Alén da ciencia, fala da agricultura. Aquí tamén hai unha fenda importante.

– O da agricultura é un asunto central no mundo que está por vir. Ademais do cambio climático, falamos case todos os días do despoboamento rural, que é outra ameaza importante. E a muller, por suposto, tamén ten un problema engadido aquí. O que hai que poñer son recursos para que a xente poida desenvolverse en igualdade, sexa na cidade ou no rural, sexa home ou muller. Senón, acabamos creando fendas, e a xente marcha cara ás cidades porque é onde ten máis opcións, pero tamén a costa doutras cousas. 

Isto precisa atención. Sen o campo, non somos ninguén, e vemos que canto máis te achegas á terra, menos gaña a xente. É moi triste ver a diferenza entre o que gaña un agricultor por traballar a terra e o que leva o último distribuidor. Fai falta un enfoque novo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

Investigadores galegos analizan como mellorar a resistencia do millo a pragas e secas

Carlos Souto da UVigo e Rogelio Santiago do CSIC estudan os factores de estrés ambiental que ameazan a produción deste cereal

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves