Xoves 28 Marzo 2024

A NASA descobre un sistema solar con 7 planetas como a Terra

O ano pasado informouse do descubrimento de tres planetas potencialmente habitables e de dimensións similares á Terra transitando a estrela TRAPPIST-1. Pero agora a NASA anuncia que non son tres, senón sete, os exoplanetas que viran ao redor desa estrela anana e fría. Estes mundos tépedos, nos que pode haber auga líquida, convértense no obxectivo prioritario para buscar vida fóra do Sistema Solar.

A NASA levaba uns días anunciando un gran descubrimento máis aló do sistema solar e este mércores por fin deron a coñecer a nova. Paralelamente, a revista Nature publicou a información da existencia de sete planetas do tamaño da Terra transitando por diante de TRAPPIST-1, esa estrela ultrafría e anana (pouco máis grande que Xúpiter), situada a 40 anos luz, na constelación de Acuario.

Publicidade

“Os sete planetas teñen temperaturas (de entre 0 e 100 ºC), dabondo baixas como para facer posible a presenza de auga líquida nas súas superficies”, destacan os autores no seu artigo, nun achado que converte este sistema planetario nun dos mellores candidatos para buscar vida fóra do sistema solar. Mesmo tres dos mundos están situados na zona de habitabilidade da súa estrela e poderían ter océanos de auga.

Representación dos novos planetas.
Representación dos novos planetas.

“Os próximos pasos serán detectar e medir a atmosfera de todos estes planetas, unha tarefa na que se involucrarán equipos de todo o mundo”, adiantou á axencia Sinc Didiier Queloz, coautor do traballo e investigador do Observatorio de Xenebra, quen explica: “As ananas ultrafrías -moi comúns na Vía Láctea-, con planetas rochosos en tránsito, son os únicos obxectivos para os que temos a capacidade técnica necesaria para estudar as súas atmosferas”.

“¡Todos son asombrosamente similares á Terra!”, di o seu descubridor

“A nosa galaxia podería estar repleta de planetas como a Terra”, di o astrónomo holandés Ignas Snelen. O achado actual é froito doutro anterior. En maio de 2016, o investigador Michaël Gillon do instituto STAR da Universidade de Liexa (Bélxica) e o seu equipo xa anunciaron a detección de tres exoplanetas na estrela TRAPPIST-1, rebautizada así polo TRAnsiting Planets and PlanetesImals Small Telescope (TRAPPIST, en Chile) que se usou para as observacións.

Motivados por este descubrimento, os autores organizaron unha compaña global de monitoraxe fotométrica, mediante telescopios terrestres e espaciais, para detectar os tránsitos dos planetas por diante da súa estrela. Cada vez que un planeta pasa diante da estrela, o seu brillo debilítase lixeiramente.

Con todos estes instrumentos puideron identificar os sinais dos sete planetas de TRAPPIST-1 (etiquetados como b, c, d, e, f, g e h) e algunhas das súas características, como o tamaño. Así se descubriu que este sistema é o que conta con máis planetas de dimensións similares á Terra. Os máis grandes son g e b (un 10% maiores que o noso), e os máis pequenos, d e h (un 25% menores).

Os sete planetas poderían, potencialmente, ter auga líquida nas súas superficies, aínda que as súas distancias orbitais fan que isto sexa máis probable nuns que noutros. Os modelos climáticos suxiren que os máis interiores (b, c e d), son probablemente demasiado quentes para albergar auga líquida, excepto nalgunha pequena porción das súas superficies.

Con todo, os planetas TRAPPIST-1e, f e g representan o santo graal para os astrónomos cazadores de planetas, xa que orbitan na zona habitable da estrela e poderían ter océanos de auga nas súas superficies.

Comeza a procura de vida extrasolar e os científicos confían na próxima xeración de telescopios, como o xigantesco E-ELT do Observatorio Europeo Austral en Chile e o futuro telescopio espacial James Webb, que permitirían confirmar a presenza de auga neses exoplanetas. De momento o Hubble xa comezou a analizar as súas atmosferas.

“¡Todos son asombrosamente similares en tamaño á Terra!”, insiste o astrofísico Michael Gillon, aínda que recoñece que se requiren observacións adicionais para caracterizar profundamente estes mundos. As sorpresas astrobiológicas que poida deparar o sistema TRAPPIST-1 non fixeron máis que empezar.

2 COMENTÁRIOS

  1. Aínda así, é emocionante. Se cadra nos próximos anos poderemos saber que hai vida por aí. En realidade, a min o que me frustra é que non haxa xa unha misión en marcha para ir á lúa Europa en Xúpiter, aínda que hai proxectos. Pero tardan tanto…

  2. Un descubrimento moi importante certamente. Eso sí, a min prodúceme certa impotencia as grandes distancias do universo. Pese a que este sistema solar esta relativamente cerca, siguen sendo 40 anos luz… Moi fora do alcance pra a humanidade. Os esforzos deben centrarse namentres en Próxima B

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Envía o teu nome a Xúpiter nunha misión espacial da NASA

Dende a axencia lanzarán unha botella que leva tamén un poema da escritora estadounidense Ada Limón

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites