epigenética
Unha exposición no seminario de epixenética.

A revolución futura das enfermidades do sistema nervioso

Tras revelar o seu importante papel en relación a doenzas como o cancro e procesos como o desenvolvemento embrionario, a epixenética está chamada a despregar todo o seu potencial na diagnose precoz e no tratamento das enfermidades mentais e do sistema nervioso. Nesta idea coincidiron os expertos internacionais reunidos este venres en Vigo para compartir os seus últimos avances neste campo con científicos e médicos galegos durante o último seminario científico organizado polo Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV) no marco do proxecto Biocaps. A epixenética, que estuda o efecto dos factores ambientais na expresión dos xenes, converteuse nun campo de coñecemento de primeiro nivel para a ciencia biomédica. Isto débese a que os desaxustes nos fenómenos epixenéticos parecen estar na orixe de moitas doenzas, como o Alzhéimer, o cancro e a esclerose múltiple, segundo informa o Duvi.

Segundo expuxo Ángel L. Barco, do Instituto de Neurociencias de Alacante, a plasticidade e a capacidade de adaptación do sistema nervioso depende de varios mecanismos e os científicos teñen evidencias de que entre eles se atopan os de tipo epixenético. “O interese por estes mecanismos nas neurociencias é relativamente recente, pero proporcionan unha prometedora nova área de investigación en referencia ás enfermidades do sistema nervioso de orixe descoñecida, é dicir, case todas”, explicou, engadindo que todas as enfermidades mentais máis estendidas e que representan unha maior carga social, como o Alzhéimer, a depresión, a esquizofrenia, a tensión ou a adicción, teñen un compoñente ambiental importante que se suma ao xenético.

Na mesma liña, Lourdes Fañanás, da Universidade de Barcelona, indicou que factores ambientais como os malos tratos infantís continuados ou a exposición a drogas na puberdade e a adolescencia poden ser determinantes no desenvolvemento dunha enfermidade mental cando existe predisposición xenética. No caso da esquizofrenia, o seu ámbito específico de traballo, Fañanás explicou que, aínda que o factor de risco máis importante é o xenético, “sabemos que os factores ambientais temperáns capaces de afectar o neurodesenvolvemento, ou máis tardíos e asociados a un grande estrés social, xogan un papel moi importante na manifestación definitiva e grave da disfunción psicótica”.

Importancia da prevención

Aínda que confía na capacidade da epixenética para dar lugar a un salto importante nos tratamentos, a investigadora da Universidade de Barcelona advertiu de que isto se producirá a longo prazo e insistiu na importancia da prevención e a detección precoz no ámbito da saúde mental. Tamén no campo das neurociencias, o investigador do Centro Alemán de Enfermidades Neurodexenerativas Stefan Bonn afirmou que a epixenética é un factor chave na formación da memoria a longo prazo e que os seus mecanismos están directamente conectados tanto coa aprendizaxe saudable como con moitas enfermidades neurodexenerativas, por exemplo o Alzhéimer. “Evidencias recentes apuntan a que identificar estes mecanismos pode abrir o camiño á curación destas doenzas. Canta máis información teñamos sobre como e por que se orixina a enfermidade mellor poderemos atopar solucións terapéuticas. A longo prazo isto permitiranos deseñar tratamentos máis específicos con menos efectos colaterais para o paciente”, afirmou.

María Berdasco, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge, e David Otaegui, do Instituto Biodonostia, centráronse nos mecanismos epixenéticos relacionados co cancro e a esclerose múltiple, respectivamente. Otaegui mostrouse convencido de que a epixenética vai ser chave no coñecemento sobre esta doenza neurodexenerativa, que afecta a 40.000 persoas en España.

“É probable que en poucos anos podamos predicir a resposta ao tratamento, permitíndonos elixir o mellor para cada paciente ou regular a dose de maneira individualizada, grazas ao estudo do ADN e a como se regula a súa expresión mediante estudos de epixenética”, afirmou o científico do Instituto Biodonostia. Ademais, explicou que o seu grupo está a desenvolver un estudo clínico sobre o efecto da Vitamina D como co-tratamento da esclerose múltiple, unha estratexia que se usa partindo da evidencia de que os pacientes afectados por esta doenza presentan carencias nesta vitamina en relación á poboación sa. Por parte do IBIV, Roberto Agís-Balboa, incorporado recentemente ao instituto grazas ao proxecto Biocaps, explicou o papel do epixenoma como ligazón entre os trastornos psiquiátricos e o Alzhéimer. Ángel Rodríguez de Lera, coordinador da área de Novas ferramentas en diagnose e terapia de Biocaps, abordou o desenvolvemento e síntese de moduladores epixenéticos baseados en produtos naturais e fármacos anticanceríxenos.

O seminario rematou coa intervención de Mabel Loza, investigadora da Universidade de Santiago referente no campo da farmacoxenómica. A científica galega explicou a súa experiencia como promotora da plataforma Innopharma, que une os esforzos dos grupos de investigación de Medicina Xenómica e BioFarma da USC para fixar dianas terapéuticas e deseñar as moléculas máis idóneas co fin de obter o mellor fármaco para o paciente, tanto a nivel de eficacia como de prevención de reaccións adversas.

A plataforma conta coa participación da industria farmacéutica e, neste sentido, Loza explicou que tanto as empresas como a contorna pública son conscientes de que para aumentar a produtividade en I+D e ter mellores fármacos necesítase mellorar a capacidade de aproveitar o coñecemento que reside tanto dentro como fóra dos seus límites organizativos. Segundo a investigadora, actualmente este é o paradigma da innovación aberta farmacéutica.

Innopharma lanzou hai uns meses unha convocatoria de proxectos que recibiu máis dun cento de expresións de interese e da que foron seleccionadas para o seu desenvolvemento unha decena de propostas en diferentes áreas terapéuticas: neuroloxía e psiquiatría, metabolismo, cancro, inflamación e enfermidades raras. Destes proxectos, algúns están aínda nun estado inicial de desenvolvemento pero contan cunha gran calidade científica, outros contan xa con algunha molécula concreta con posibilidades de ser candidata a fármaco e outros atópanse en avanzado estado de desenvolvemento, próximos a obter un candidato a fármaco que poida funcionar en fases clínicas. Tal e como expuxo Loza na súa intervención, os que mellor se adaptan ás capacidades da plataforma son os de desenvolvemento intermedio polo valor engadido que achegan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.