As restricións e o comportamento social, máis relevantes que o tempo para conter a Covid-19

Un estudo no que participa o científico da USC Dominic Royé conclúe que as medidas non farmacolóxicas influíron máis que o tempo atmosférico

O estudo estima que o comportamento social e as restricións gobernamentais foron seis veces máis relevantes que a temperatura. Foto: Pixabay.
O estudo estima que o comportamento social e as restricións gobernamentais foron seis veces máis relevantes que a temperatura. Foto: Pixabay.

Unha das principais cuestións arredor da xestión da pandemia da Covid-19, e en parte aínda non resolta, foi o alcance real que diversos factores, como as restricións decretadas polas autoridades, o comportamento social da poboación ou as condicións do tempo (temperatura ou humidade, entre outras) tiveron na transmisión do coronavirus SARS-CoV-2. Un estudo que acaba de publicar a revista Nature Communications, e no que participa o investigador da USC Dominic Royé, conclúe que o que influíu de xeito decisivo no impacto da Covid-19 foi o comportamento da cidadanía e as intervencións gobernamentais, por riba das condicións do tempo atmosférico.

Esta é a principal achega do estudo, que analizou o potencial influxo da meteoroloxía na transmisión do SARS-CoV-2 en 409 cidades de todo o mundo pertencentes a 26 países. O artigo evidencia que a medida que a temperatura ascendía nun intervalo comprendido entre os 10 e os 20 ºC, producíase un modesto descenso na transmisión do virus. Con todo, os autores do estudo subliñan que á hora de identificar os factores cruciais no proceso de transmisión, o rol xogado polos gobernos é seis veces máis relevante que o da temperatura nas cidades obxecto de estudo. En concreto, no caso español, analizáronse un total de 52 núcleos poboacionais.

Un estudo pioneiro

“Este é o primeiro estudo que usa unha base de datos global relativa a casos da Covid-19 que toma como referencia as cidades”, sinala Dominic Royé. “A nosa intención era avaliar o rol potencial da meteoroloxía nas dinámicas de transmisión local da Covid-19 durante a primeira vaga da pandemia”, continúa o profesor da USC. En concreto, o equipo de investigadores botou man dunha base de datos composta por tres millóns de casos de persoas infectadas polo SARS-CoV-2 ata o 31 de maio de 2020. “Analizamos a reprodución efectiva do virus en cada cidade ao longo dun período de 20 días, así como as condicións meteorolóxicas observadas durante a mesma franxa de tempo”, engade o profesor Royé, quen matiza que á hora de afondar na reprodución do virus, tomáronse en consideración as intervencións dos gobernos, a calidade do aire, así como indicadores socio-económicos.

“Atopamos pouca evidencia de que as condicións meterolóxicas influíran nas primeiras etapas das epidemias locais,e concluímos que o comportamento da poboación e as intervencións gobernamentais son os impulsores máis importantes da transmisión”, din os autores do traballo.

“A investigación achega unha pequena evidencia de que as condicións meteorolóxicas teñen certa influencia nas etapas temperás das epidemias locais”, sinala Royé. Así, o estudo constata, por exemplo, que das 136 cidades que posuían un nivel alto de transmisión do virus, 35 posuían temperaturas baixas; 64, temperaturas medias; e 34, altas temperaturas. De cara a futuras investigacións, os autores subliñan que os estudos que avalíen o papel dos factores meteorolóxicos na Covid-19 tamén deberán ter en consideración a cobertura da vacinación mundial.


Referencia: A cross-sectional analysis of meteorological factors and SARS-CoV-2 transmission in 409 cities across 26 countries (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.