Sábado 20 Abril 2024

Estes son os novos requisitos da Xunta para ampliar a capacidade na hostalaría

Establécense dous niveis de limitacións en función do "compromiso" dos responsables dos locais, e non terá que ver, salvo excepcións, a situación de cada concello

A fase descendente da última vaga da Covid-19 en Galicia, ao tempo que a vacinación completa xa supera amplamente o 70% nas persoas maiores de 20 anos, levou ao comité clínico a abordar un novo avance cara á ‘normalidade’. En atención a esta evolución, e despois das reunións co sector da hostalaría, a Xunta anunciou este mediodía o establecemento de dous principais niveis, en función do “compromiso” dos responsables dos locais, que serán independentes da evolución epidemiolóxica de cada concello e do mapa correspondente. Este novo protocolo entrará en vigor o vindeiro 15 de setembro.

O obxectivo, segundo expuxo Alberto Núñez Feijoo, as novas medidas terán o obxectivo de “que ningún local deba pechar por completo”, e “traballar coa máxima seguridade sanitaria” nos locais. O horario de peche seguirá sendo á 1 da madrugada. Haberá, deste xeito, dous niveis:

Publicidade

Nivel 1

Será o máis restritivo, xa que esixirá de menores medidas de prevención. Neles:

  • A capacidade será do 50% no interior e 75% no exterior.
  • A distancia deberá ser de 1,5 metros entre mesas.
  • Instalarase un medidor de CO2 con anotacións cada 4 horas.
  • O persoal deberá usar máscara cirúrxica e cambiala cada 4 horas, ademais de asistir a dúas horas de formación

Nivel 2

Se os responsables dos locais acceden a establecer medidas de prevención maiores, a situación será a seguinte:

  • Capacidade do 75% en interiores e 100% en exteriores.
  • Permitirase o uso de barras, ben de xeito individual, ou ben entre dúas persoas conviventes.
  • A distancia de 1,5 metros será entre persoas das distintas mesas, non entre mesas.
  • Os restaurantes deberán seguir, neste nivel, un rexistro de clientes.
  • O medidor de CO2 deberá ser continuo, e recoméndase un mecanismo para activar o aire acondicionado ao superar certos niveis.
  • No caso de restaurantes será preciso un rexistro de clientes.
  • Disporán de máscara FFP2 para os traballadores “que así o requirán”, e terán que someterse a probas diagnósticas cada 7 ou 14 días en función da evolución epidemiolóxica, así como acudir tamén a formación.

Sobre os aforos doutras actividades, a Xunta expuxo que nos eventos deportivos, a ocupación pasará en xeral ao 60% en exteriores e 40% en interiores, con independencia do nivel do concello, e na liña do aprobado no Consello Interterritorial. O DOG incluirá unha salvidade para non prexudicar aos pequenos recintos que, coa normativa vixente, tiñan autorizadas ocupacións superiores.

Na actividade deportiva non federada, incluíndo ximnasios, levarase a cabo un diálogo entre a Xunta e o sector para poñer en marcha un protocolo semellante ao da hostalería, fixando medidas independentemente da situación. E os centros cívicos sociais e sociocomunitarios, pasarán de estar pechados nos niveis máximo e alto a ter un 50% de capacidade, mentres que no medio e medio- baixo pasarán do 50 ao 75%

Calquera persoa poderá vacinarse sen cita previa este sábado

Na súa comparecencia, Alberto Núñez Feijoo, tamén avanzou que este sábado se ían abrir os espazos de vacinación masiva a “calquera persoa” maior de 12 anos que aínda non recibise a primeira dose da vacina, que poderá acudir sen cita previa. Igualmente, e coincidindo co inicio do curso universitario, instalaranse nos sete campus puntos de vacinación ao que poden acudir estudantes, persoal docente e administrativo.

Novo mapa de restricións

Ademais das novidades anunciadas por Alberto Núñez Feijoo, o comité clínico revisou na tarde do martes a situación epidemiolóxica en Galicia e, en consecuencia, estableceu un novo mapa de alerta nos concellos. A partir da medianoite do venres ao sábado non quedará ningún en nivel máximo. Haberá cinco municipios no nivel alto (Melide, Monforte de Lemos, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo), e 16 (Muros, Santa Comba, Agolada, Arzúa, O Pino, Ordes, Lugo, Taboada, Antas de Ulla, Castro de Rei, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Arteixo, Muxía e Nigrán) en nivel medio. O resto, 292, quedarán no medio-baixo.

Os datos da pandemia difundidos este mércores constatan o descenso da transmisión nas últimas semanas. A cifra de positivos detectados diariamente cae ata a contorna dos 200, e os casos baixo seguimento son algo máis de 5.000. Despois de dous meses cunha incidencia moi alta nos grupos de idade menores de 30 anos, que tiñan unha menor cobertura de vacinación, todas as fases etarias están xa por baixo dos 500 casos/100.000 habitantes.

A información pechada na tarde do martes fala de 140 persoas ingresadas nos hospitais e 49 na UCI. Os falecidos ascenden a 2592 desde o comezo da pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes