Venres 19 Abril 2024

A Academia de Ciencias entrega os premios de transferencia, divulgación e xornalismo

A entidade recoñeceu os casos de éxito de empresas galegas desde a investigación, así como o labor de comunicación da ciencia á sociedade

O Pazo de San Roque de Santiago acolleu este martes a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). No marco da crise provocada pola pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, expuxo que “a transferencia de tecnoloxía é unha ferramenta imprescindible para superar a crise sanitaria e económica” derivada da Covid-19. Durante a entrega dos galardóns, Lema destacou que en momentos coma este a sociedade demanda solucións que só son posibles mediante a investigación e a posterior aplicación dos seus resultados mediante a innovación, o que serve tanto para futuras vacinas e tratamentos como para fórmulas que lles faciliten ás empresas a adaptación á nova normalidade.

Os premios, que este ano alcanzaron a súa sexta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías.

Publicidade

Pola súa parte, a directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou que a transferencia de tecnoloxía é “unha prioridade nas políticas de I+D+i da Xunta de Galicia, na medida en que permite valorizar socioeconomicamente o investimento realizado en ciencia”. Neste eido, Argerey destacou a posta en marcha en Galicia dun programa pioneiro no apoio á transferencia dos resultados da investigación, Ignicia Proba de Concepto, que dende 2016 permitiu apoiar 16 proxectos de centros de coñecemento galegos, dos que xa xurdiron cinco spin-offs e se asinou o primeiro acordo de licenza coa industria. Argerey tamén destacou o importante papel que xoga a comunicación e a divulgación da ciencia na sensilización social cara a ciencia, especialmente en momentos coma este, porque “unha cidadanía culta e informada será máis proclive a apostar pola ciencia e a innovación”.

Participaron tamén na entrega dos galardóns o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (UVigo), Mónica Valderrama; e o coordinador institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron.

Durante a cerimonia fíxose ademais entrega do primeiro Premio de Divulgación Científica concedido pola RAGC a Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na facultade de física da USC. O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademáis da organización de todo tipo de actividades para o gran público, como as conferencias do programa ConCiencia.

Tamén foron entregados os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas, tamén convocados conxuntamente con GAIN. O primeiro premio, dotado con 3.000 euros, foi recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán. O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspondeulle a Selina Otero por A aposta científica das aulas galegas, publicado no xornal Faro de Vigo.

Jorge Mira e Xavier Fonseca gañan os premios de Divulgación e Xornalismo da RAGC

Mellores proxectos de transferencia

Polo que respecta aos gañadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio “Ricardo Bescansa Martínez” correspondeulle á spin-off da Uvigo RelEYEble polo seu sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da Covid-19, recoñecido polo xurado como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía.

RelEYEble: reinventar a visión artificial nos tempos da Covid-19

O premio “Francisco Guitián Ojea”, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, foi recollido polo grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), que, en colaboración coa UDC e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid, desenvolveu un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes oncolóxicos.

A fórmula que coidará a pel dos pacientes que se tratan contra o cancro

Por último, o premio “Fernando Calvet Prats”, que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, foi para o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC pola formulación dun verniz de unllas medicamentoso para o tratamento de infeccións fúnxicas e da psoriase ungueal.

A laca que elimina os fungos e a psoríase nas unllas faise en Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado