Venres 19 Abril 2024

A RAGC premia as investigacións de dous equipos de Santiago e Vigo

Galardoa un proxecto sobre criptografía post-cuántica e unha estratexia de vacinación fronte ao neumococo por vía nasal

Xa transcorreron trinta e un anos dende que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) puxo en marcha os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo. Uns galardóns que teñen por obxectivo impulsar a actividade científica en Galicia. Este ano outorgaron tal distinción a dous proxectos desenvolvidos por equipos de Vigo e Santiago. Un deles centrado no paradigma da criptografía post-cuántica e o outro sobre o desenvolvemento de vacinas de vía nasal para enfrontarse ao neumococo. A RAGC, ao abeiro duns premios aos que se presentaron trinta e un traballos, tamén entregou unha mención honorífica a outros dous traballos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Criptografía post-cuántica

Os Premios Ernesto Viéitez Cortizo establecen dúas categorías. Unha delas galardoa o traballo de investigación realizado por científicos sénior e está dotado con 6.000 euros. Nesta edición do 2021, a distinción foi a parar a un equipo do atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo) pola súa investigación sobre o paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez González integran o grupo, xunto cun investigador da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL), Juan Ramón Troncoso, e dous membros da empresa Inpher: Nicolás Gama e Mariya Georgieva.

Publicidade

Segundo explica Alberto Pedrouzo, a criptografía clásica permite, grazas ás técnicas de cifrado, preservar a privacidade da información sensible tanto en almacenamento como nas comunicacións. Con todo, destaca que este tipo de ferramenta non é suficiente para protexerse dun terceiro non confiable que ten que facer uso dela. Tamén sinala que a seguridade de moitos dos esquemas criptográficos empregados actualmente baséase na dificultade de resolver eficientemente certos tipos de problemas matemáticos. Asegura que unha gran parte destes esquemas veríanse seriamente afectados pola aparición dun ordenador cuántico o suficientemente potente, “con repercusións directas na privadade e integridade das nosas conversacións por Internet, ata mesmo na seguridade das nosas transaccións bancarias”.

A criptografía clásica permite preservar a privacidade da información sensible

A investigación presentada encaixa dentro do paradigma da criptografía post-cuántica, que persegue deseñar esquemas criptográficos resistentes fronte a ataques realizados, non só por ordenadores clásicos, senón tamén por parte dun ordenador cuántico. Os participantes na investigación tamén inciden na mellora dun mecanismo máis avanzado como é o caso das primitivas de criptografía homomórfica. Neste ámbito perséguese deseñar esquemas capaces de traballar coa información cifrada, sen necesidade de descifrala previamente.

Vacinas fronte ao neumococo

O seguinte traballo galardoado, nesta ocasión na categoría de mozos investigadores menores de 30 anos, está dotado con 2.000 euros e céntrase no desenvolvemento dunha estratexia de vacinación por vía nasal fronte ao neumococo. O equipo premiado está composto por Sandra Robla, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC); Maruthi Prasanna, investigadora da Unité Fonctionnalité et Ingénierie des Protéines (UFIP) da Universidade de Nantes e do CiMUS; Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; Cyrille Grandjean da UFIP da Universidade de Nantes; e Noemí Csaba do CiMUS da USC.

O seu traballo de investigación baseábse no emprego dunhas plataformas de tamaño nanométrico (nanocápsulas) a partir de quitosano, un polisacárido de orixe natural, co obxectivo de actuar como vehículo dunha proteína extraída da bacteria Streptococcus pneumoniae. As nanocápsulas desenvoltas presentaron unha gran estabilidade en medio nasal, con elevada asociación da proteína do neumococo e capacidade de interacción co sistema inmune.

Bacteriófagos e evolución humana

Ademais dos dous galardóns entregados, os Premios Ernesto Viéitez Cortizo engadiron dúas mencións honoríficas a científicos da USC. Unha delas foi a parar a un proxecto sobre bacteriófagos e a evolución bacteriana, cos seguintes autores: Javier Dubert da USC, Fatima Hussain e Martin F. Polz do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT); e a Fréderique Le Roux do CNRS francés.

 da USC Javier Dubert. Foto: RAGC
O científico da USC Javier Dubert.

Os resultados demostran por primeira vez que o mecanismo de resistencia primario que as bacterias utilizan para protexerse dos fagos é intracelular, e non as proteínas localizadas na membrana bacteriana (receptores de membrana) como se afirmaba ata o momento. O alcance destes resultados afecta a aspectos básicos da bioloxía e senta as bases para entender a evolución bacteriana impulsada polos fagos. Isto ten un importante impacto sobre certas aplicacións nas que se empregan fagos, como a rapidez e facilidade coa que as bacterias adquiren estas resistencias debe terse en conta en clínica á hora de repetir ou utilizar a terapia fágica a longo prazo”, explica Dubert. Este traballo publicarase en datas próximas nunha revista de prestixio internacional.

“Estes resultados afectan a aspectos básicos da bioloxía e sentan as bases para entender a evolución bacteriana impulsada polos fagos”

Enxertos de ósos sintéticos

A segunda mención honorífica foi destinada a un traballo sobre enxertos de óseos sintéticos. O equipo galardoado está integrado por Víctor Santos, investigador de Farmacia da USC; Beatriz Magariños, do mesmo departamento; Ricardo Starbird, da Escola de Química do Instituto Tecnolóxico de Costa Rica; Javier Suárez, do Instituto Universitario de Enfermedades Tropicales y Salud Pública de Canarias (Universidad de La Laguna); José Bruno, do Departamento de Ingeniería Química y Tecnología Farmacéutica da Facultad de Farmacia da Universidad de La Laguna; e Carmen Álvarez e Carlos Alberto García, tamén da USC.

Este equipo da USC recibiu outra mención honorífica. Foto: RAGC
Este equipo da USC recibiu outra mención honorífica.

A través dunha abordaxe multidisciplinar, o equipo conseguir implementar un procedemento en continuo que integra a fabricación e a esterilización de scaffolds poliméricos. Para iso, e facendo uso da tecnoloxía de CO2 supercrítico, Santos apunta que se demostrou, por primeira vez, que é factible destruír bacterias en forma vexetativa e en esporas preservando as propiedades dos materiais tratados. “É a primeira vez a nivel mundial que se consegue integrar a preparación e a esterilización de scaffolds nun só proceso. Os resultados desta investigación atópanse xa protexidos por unha patente española que está en fase de extensión a outros países”, indica Víctor Santos.

Por último, estes premios á investigación serán entregados nun acto o vindeiro mércores, 27 de outubro, no Pazo de San Roque en Santiago. A hora aproximada será ás 19.00 horas. Unha cidade que a próxima semana se vestirá de gala para honrar ás investigacións máis destacadas nestes XXXI Premios Ernesto Viéitez Cortizo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado