O pasado 8 de outubro, co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en Galicia, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e GCiencia presentaron o número 38 do Anuario da Ciencia en Galicia, que editan un ano máis de forma conxunta.
A revista, sae de novo do prelo despois da aposta lanzada hai dous anos pola RAGC, que supuxo a apertura dunha nova etapa na revista anual da Academia, tendo en conta a súa traxectoria histórica, pero tamén adaptada ás necesidades dos novos tempos.
A publicación recolle, en 60 páxinas, algunhas das novas e achados máis relevantes para a ciencia en Galicia nos últimos 12 meses. Neste ano de renovación na xunta directiva da RAGC, inclúense informacións acerca da toma de posesión do novo equipo, cun artigo do presidente Juan M. Lema Rodicio e unha entrevista á secretaria da institución, Pilar Bermejo Barrera. Tamén se publican sendos artigos de José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas e académico da RAGC, e Alberto Arce, catedrático de Enxeñaría Química da USC.
O Científico Galego do Ano, Tomás Batuecas Marugán, tamén ocupa un lugar destacado na revista, con varios artigos arredor da súa figura. O expresidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, que foi alumno de Batuecas, lembra nunha entrevista as vivencias que tuvo xunto a el. E o catedrático de Fundamentos Físicos da Universidad Politécnica de Madrid, Francisco González de Posada, que prepara unha tese sobre o químico, repasa a etapa en Madrid do investigador.
Ademais, o Anuario da Ciencia recolle durante case 30 páxinas os fitos científicos do ano, con entrevistas, reportaxes e noticias sobre as principais investigacións que a comunidade investigadora protagonizou nos últimos meses.
A publicación tamén informa das actividades de divugación científica e os certames convocados pola RAGC ao longo destes 12 meses, como o Premio Galicia de Xornalismo Científico, o premio de comunicación universitaria Contar a Ciencia-la Caixa, os premios de investigación Ernesto Viéitez o os de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, así como a inauguración da exposición “Química para un mundo mellor“, que actualmente está exposta no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela.