Xoves 28 Marzo 2024

A Real Academia Galega de Ciencias incorpora cinco novos académicos

Marisol Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo xa forman parte da institución, tras un acto celebrado en Santiago

Marisol Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo. Non só son os nomes de científicos galegos de recoñecido prestixio. A partir de hoxe xa se suman á nómina de integrantes da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). A institución deulles a benvida esta tarde no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela, nun acto que tamén serviu para abrir o curso académico. Entre os asistentes ao evento figuraron, ademais do presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (UVigo), Belén Rubio.

Marisol Soengas: avances no estudo do melanoma

“A nena que naceu na Aldea do Monte na Agolada e pasaba os veráns na de Fonfría en Antas de Ulla, nunca tería imaxinado chegar ata unha Real Academia de Ciencias”, apuntou Marisol Soengas (Agolada, 1968), que foi presentada pola académica numeraria María José Alonso. Amais disto, a investigadora agradeceu o nombramento, tanto por valorar o impacto científico do seu laboratorio no campo do melanoma, como por proceder dunha entidade “con tanto peso e tradición en Galicia”. Amais diso, e ao longo do seu discurso de ingreso na RAGC, Marisol Soengas tivo palabras de agradecemento para os seus pais e o seu compañeiro, José Antonio Esteban, tamén investigador. Así mesmo, recordou con agarimo a Margarita Salas e Scott Lowe, directores da súa tese.

Publicidade

“Recentemente descubrimos como os melanomas invaden o sistema inmunitario e como se pode reverter esa malignidade”

Na actualidade, Marisol Soengas desenvolve o seu labor investigador no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO). Durante o seu discurso tamén tipo palabras para o seu equipo. “Identificamos factores que distinguen lesións benignas de malignas, desenvolvendo modelos experimentais únicos MetAlert que nos permiten visualizar como se inician e progresan os melanomas in vivo, definindo mecanismos que distinguen os melanomas de máis de 25 tipos tumorais e definen así o código de barras destes tumores. Máis recentemente, descubrimos como os melanomas evaden o sistema inmunitario e como reverter esta malignidade desde un punto de vista médico”, explicou. Ademais, Soengas reivindicou a importancia da investigación básica como base para a transferencia de coñecemento a distintos ámbitos, incluída a industria farmacéutica.

Ana Cebreiro: paixón polo sistema tributario

“Honra, privilexio e orgullo”. Así describiu Ana Cebreiro (Ferrol, 1971) o seu ingreso na RAGC, anunciado polo académico numerario Alberto Gago. Xa nunha época na que se comezaba a falar da crise do estado do benestar e da economía da saúde, Ana Cebreiro rematou os seus estudos e iniciou a súa carreira profesional fóra de Galicia, en Barcelona, Inglaterra, París, Panamá e Estados Unidos onde reside na actualidade e traballa como responsable de Tributación Internacional do Banco Mundial. Empurrada pola súa paixón confesa pola facenda pública, a economista asegurou que o seu propósito é intentar axudar os países, en particular a aqueles con menos capacidade, a mellorar a súas políticas tributarias para que sexan non só máis equitativas senón tamén máis sostibles.

O propósito é intentar axudar os países, en particular a aqueles con menos capacidade

Ana Cebreiro tamén sinalou que a pandemia de covid danou de maneira significativa a senda do crecemento dos países, cunha recuperación que será desigual. “As medidas para paliar a crise abriron unha gran brecha nas finanzas públicas a nivel mundial, e hai un consenso xeral sobre o papel fundamental que o sistema tributario debe ter, en particular nun contexto de niveis de débeda nunca antes vistos. Precísase prestar atención á equidade do sistema fiscal, non só do lado dos ingresos senón tamén do gasto, coa finalidade de alcanzar un sistema fiscal máis xusto e xerar a oportunidade de construír un sistema tributario máis verde e transparente”, asegurou. Tamén na súa disertación animou ás nenas galegas a entrar no mundo das ciencias, crendo nelas mesmas, sen ter medo ao cambio, axudándose entre elas e tendo paixón polo que unha fai.

Aníbal Ollero: unha nova xeración de drons

Trala presentación do académico numerario Pedro Merino, Aníbal Ollero Baturone (Sevilla, 1952) comezou lembrando os seus comezos como profesor universitario na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, naquel momento adscrita á USC, facendo tamén referencia ao Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais, do que é director científico, que conta con oficinas en O Milladoiro (Ames).

Destacan os seus traballos sobre robótica, control e intelixencia artificial nos anos 80 e 90

Despois de facer un percorrido pola súa traxectoria científica, destacando os seus traballos sobre robótica, control e intelixencia artificial nos anos 80 e 90, e no “Robotics Institute” da Carnegie Mellon University en Estados Unidos, falou dos seus traballos de investigación sobre vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea que constitúen, desde principios deste século XXI, o seu campo de especialización. Finalizou o seu discurso facendo mención ao seu traballo en robótica aérea bioinspirada, no que se trata de desenvolver unha nova xeración de drons completamente autónomos, máis eficientes e seguros, baseados no comportamento dos paxaros, tanto no que respecta ao seu voo como ao posado e interacción física co seu contorno.

Manuel J. Tello: os misterios da ciencia

Considerado impulsor de candidatura para instalar en España a fonte europea de neutrones por espalación, Manuel J. Tello León (Corcubión, 1944) é outro dos novos académicos da RAGC. Estivo apadriñado por Félix Vidal, xa integrante da institución. “Nunha viaxe case inimaxinable polo mundo da ciencia descubrimos que o seu universo é inmenso, que todo se constrúe seguindo leis inmutables, e que esas leis parecen ser matemáticas”, declarou. Segundo estas leis, Tello enumerou unha serie de teorías que explican o coñecido e permiten facer predicións, xa que apuntou que o Universo, desde a súa xénese, escribiu na súa historia unha verdade única –infalible e inmutable–, aínda que pragada de enigmas e misterios e, por tanto, de incertezas.

O universo, dende a súa xénese, escribiu na súa historia unha verdade única, aínda chea de incertezas

Noutra orde, Tello sinalou que se existe o libre albedrío nunca poderán existir ordenadores plenamente intelixentes, que non serán capaces de dar resposta a unha situación imprevista. Tamén falou do cientismo, que sostén que calquera problema, formulado cientificamente, ten ou terá solución e que a ciencia poderá responder a todas as preguntas. “Penso que o cientismo abócanos, inexorablemente, a un totalitarismo cultural e, por exemplo, se se elimina o libre albedrío desaparece a responsabilidade ética”. Igualmente, enunciou a teoría do todo, “o feitizo da sabedoría total”. En definitiva, Tello manifestou que na busca dunha resposta ao sentido da vida inciden dúas sabedorías: o anhelo de comprender o carácter obxectivo da natureza –o maxisterio da ciencia–  e a necesidade de definir o significado das nosas vidas xunto a unha base moral para as nosas accións.

Ángel Sanjurjo: director emérito do Stanford Research Institute

Finalmente, o presidente de Honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, deu paso coas súas palabras ao último ingreso da xornada coa incorporación como académico correspondente de Ángel Sanjurjo Bermúdez (Xermade, 1945). Sanjurjo agradeceu á Academia a súa elección para formar parte deste grupo ilustre. “A academia ten unha resonancia especial para min, xa que varios dos meus profesores foron impulsores orixinais da entidade, como Vidal Abascal e Luis Iglesias; membros como Vidal Costa; e outros obxecto de homenaxe por parte da institución, como Tomás Batuecas e Ignacio Ribas.

“A academia ten unha resonancia especial para min”

“Teño que agradecer de forma especial o impacto que Miguel Ángel Ríos tivo na miña carreira, e na de moitos outros compañeiros”, manifestou. E tamén dedicou un momento para agradecer a Ramón Masaguer e Díaz de Rabago S.J. polo seu impulso na ensinanza a distancia asistida por computador que o axudaron na súa conexión co Stanford University para acabar traballando e dirixindo os  laboratorios de Ciencias de Materiales do Stanford Research Institute (actual SRI International), onde se resolveron problemas relacionados coa enerxía solar e nuclear, a purificación de auga e aire, produción de metais e aplicacións optoelectrónicas, con máis de 40 patentes ao seu nome. “Tiven o privilexio e a oportunidade de traballar en máis de 200 proxectos interdisciplinarios por preto de medio século”, apuntou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde