Benito Vázquez nunha das súas conferencias impartidas en centros educativos de toda Galicia. Foto: Duvi.
Benito Vázquez nunha das súas conferencias impartidas en centros educativos de toda Galicia. Foto: Duvi.

Un profesor vigués triunfa cun experimento de pompas de xabón

“Por empregar obxectos tan fráxiles como as pompas de xabón para introducir de forma moi atractiva a todo o público conceptos físicos relacionados coa luz: reflexión, refracción e interferencias, así como o funcionamento básico do ollo humano”. Así argumenta o xurado do certame Ciencia en Acción 2018 a concesión do 1º premio Ex Aequo ao traballo  Uno de los interferómetros más sencillos del mundo: nanotecnología de salón, do profesor e exdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía José Benito Vázquez.

Benito Vázquez recollendo o seu premio. Foto: Duvi.
Benito Vázquez recollendo o seu premio. Foto: Duvi.

A entrega de premios tivo lugar na cidade barcelonesa de Viladecans e ata alí se desprazou Vázquez, quen, xa de volta no campus, explica que a concesión deste galardón supón entrar directamente na final de Science on Stage, un concurso internacional do ámbito STEM –acrónimo en inglés para designar as disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas- para todos os países de fala hispana e portuguesa, e no que o equipo español, do que Vázquez vai formar parte, competirá con profesionais de México, Arxentina ou Perú, entre outras nacionalidades. “Un premio así, que se concede anualmente, permite facer visible o noso traballo docente e, sobre todo, intercambiar coñecementos e experiencias con profesorado tan interesado coma nós no ensino da ciencia facendo ciencia”, explica o docente, ao que engade que o premio se entregou na modalidade Demostraciones de Física, “unha das máis competitivas, pois as demostracións nesta disciplina teñen unha longa tradición e os traballos que se presentan teñen un nivel moi alto”.

Neste caso o traballo premiado presenta unha experiencia manipulativa que busca xustificar a existencia das cores secundarias da síntese aditiva de cores (cian-maxenta-amarelo, CMY) nunha pompa de xabón, como exemplo do fenómeno de intereferencia con luz branca. “A interferencia é un fenómeno propio da interacción entre ondas que podemos introducir nas nosas aulas con experimentos simples con luz visible/luz branca”, explica o autor, que fai tamén fincapé en que se se emprega unha película delgada de xabón situada, por exemplo, nun soporte cilíndrico negro, pódese explorar interferencias construtivas e destrutivas nunha actividade práctica a escala nanométrica mediante a observación de diferentes bandas de cor (cian, maxenta e amarelo) que dependen do grosor da película.

Diapositiva empregada durante a demostración. Fonte: Duvi.
Diapositiva empregada durante a demostración. Fonte: Duvi.

Esta actividade pode, segundo o profesor vigués, asociarse facilmente con conceptos como percepción visual, cor, lonxitude de onda, diferenza de traxectoria óptica, cambio de fase, polarización, coherencia, etc. “Os resultados obtidos tamén poden relacionarse coa investigación de metroloxía en interferometría ultrasensible, como a detección recente de ondas gravitacionais ou a que facemos nos nosos laboratorios na Universidade de Vigo”, recalca Vázquez.

Desenvolta ao longo dos dous últimos anos de xeito ininterrompido, os materiais empregados nesta demostración  foron xa presentados en máis de medio cento de conferencias experimentais gratuítas sobre Física Re-Creativa impartidas por Vázquez en diversos centros de ensino medio e bacharelato de toda Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.