José Tubío, no edificio do CiMUS de Santiago. Foto: USC.
José Tubío, no edificio do CiMUS de Santiago. Foto: USC.

Os primeiros xenomas do SARS-CoV-2 en Galicia amosan dúas liñaxes principais

O laboratorio de José Tubío no CiMUS analizou 14 mostras procedentes do hospital da Coruña, dos que seis amosan pequenas mutacións

“Conseguímolo! Estas son as primeiras secuencias do xenoma dun virus de SARS-CoV-2 obtida en Galicia dun paciente con Covid-19″. Con estas palabras anunciaba hai dúas semanas o científico compostelán José Tubío a obtención do código xenético dos patóxenos que infectaron a afectados pola pandemia. Desde o mes de marzo, coa colaboración do servizo de Microbioloxía do hospital da Coruña, que cedeu parte das mostras, o grupo Mobile Genomes que dirixe Tubío está recollendo e analizando mostras do coronavirus para analizalas no Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS) de Santiago de Compostela. Tubío e o seu equipo deron a coñecer este xoves os primeiros resultados preliminares, aínda non publicados en ningún repositorio, despois da análise de 14 dos xenomas.

“Cando xurdiu en Wuhan, era un único virus, e ao circular polo planeta, como é lóxico, foi cambiando. Mediante eses pequenos cambios, pode verse que camiños tomou o SARS-CoV-2”, explica José Tubío. No marco do repositorio Gisaid, onde investigadores de todo o mundo comparten os xenomas de SARS-CoV-2 que están estudando, o equipo compostelán viu as semellanzas e diferenzas con cada unha das liñaxes que se estenderon polo mundo. Para isto equipo adaptou a tecnoloxía Oxford Nanopore, que usaron nalgúns dos seus relevantes estudos sobre o papel dos xenomas móbiles no cancro, para ‘ler’ o SARS-CoV-2, un ‘libro’ de 30.000 nucleótidos que vai sumando ‘grallas’ nas súas páxinas cando interacciona con cada organismo ao que infecta, antes de transmitirse a outro.

“A conclusión que sacamos é que en Galicia, polo menos, terían circulado dúas liñaxes de forma independente (G e S), o que nos leva a pensar que polo menos houbo dúas fontes distintas de entrada. Pero queda aínda moito por estudar e saber para tirar resultados concluíntes. É un pequeno paso, un estudo piloto cunha mostra aínda pequena, pero moi importante porque nos dá unha certa panorámica do que pasou e está pasando en Galicia”, explica Martín Santamarina, un dos científicos do grupo do CiMUS que se encargou das análises. O ‘tronco’ principal do que procederían os patóxenos que chegaron a Galicia procederían, segundo Santamarina, de Madrid ou Valencia.

Pequenas mutacións, como en todas as rexións

En seis das 14 mostras estudadas, segundo apunta Santamarina, detectáronse lixeiras mutacións que só se rexistraron en Galicia. “Son cambios no xenoma que non aparecen noutras rexións, pero é o esperable cando se comeza a transmitir de forma local”, explica. Con todo, os científicos do CiMUS aclaran que estes cambios non se poden relacionar polo momento cunha maior ou menor capacidade de contaxio ou gravidade da infección. “Parece que as mutacións detectadas non teñen impacto funcional, e son en zonas silenciosas que, a priori, non xeran efectos. Pero isto aínda non o sabemos, hai que seguir estudando”, aclara Tubío.

Neste sentido, a xenómica está achegando aspectos clave, ademais da análise clínica e epidemiolóxica, para coñecer como se desenvolveu ata agora a pandemia e, do mesmo xeito, prepararase para vindeiras ondadas. E nisto insiste o líder do grupo galego. “Despois de ter esta primeira imaxe, queremos ir observando se, de cara a vindeiros brotes, van variando as frecuencias relativas de cada unha das cepas, para saber de onde veñen e se hai algunhas diferenzas salientables entre elas. Ao ter a tecnoloxía xa a punto, poderemos ser máis rápidos no futuro”, detalla.

Fragmento do xenoma do virus analizado polo equipo do CiMUS. Fonte: Mobile Genomes.
Fragmento do xenoma do virus analizado polo equipo do CiMUS. Fonte: Mobile Genomes.

Financiamento

A pesar de que o equipo solicitou financiamento a diversas liñas de axuda á investigación para a Covid-19, o traballo segue desenvolvéndose con fondos propios do laboratorio alleos ao estudo do SARS-CoV-2, pero que decidiron investir ao ver paralizada a súa actividade por mor da crise. Con todo, José Tubío insiste en que precisarán de máis apoio económico para acometer os seguintes traballos que teñen na mente. Entre elas están varias liñas de colaboración con outros grupos para comprender mellor a variabilidade que se vai producindo no xenoma do virus.

“Queremos ter a capacidade de abordar a análise de 100, 1.000 ou 10.000 xenomas para responder de forma efectiva ante unha posible nova onda. Estamos sendo pioneiros nisto, e creo que é importante transmitir á sociedade e aos gobernos de que isto resulta esencial”.

Con todo, a situación dos laboratorios galegos, que non contan polo momento con niveis de bioseguridade P3, necesarios para traballar, por exemplo, con cultivos celulares nos que estudar o comportamento do virus, limita a investigación que se poida facer desde aquí. Neste punto, Tubío di que “é un obstáculo que temos, e que agardamos que tamén se poida solucionar para facer un traballo máis robusto”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.