Un estudo liderado por científicos españois do Centro de Regulación Genómica (CRG) descobre os mecanismos moleculares que apoian as defensas naturais do corpo contra o desenvolvemento do cancro de pel. A investigación, que acaba de ser publicada en Cell Reports, pode facilitar a creación de novas terapias para tratar a enfermidade, posto que ofrece novas pistas sobre o comportamento deste cancro a escala celular.
O traballo levouse a cabo a través da recompilación de queratinocitos de rato, o tipo de célula cutánea máis abundante na epiderme. Segundo informan dende a Agencia SINC, os queranocitos poden dar lugar a varios cancros de pel, incluídos carcinomas de células basais e escamosas, dous dos máis frecuentes en humanos. Desenvólvense na parte inferior e superior da epiderme, respectivamente.
“Descubrimos que a proteína CSDE1 coordina unha complexa serie de mecanismos moleculares que impulsan a senescencia nas células da pel, retardando a súa función sen causar a morte”, afirma Rosario Avolio, primeiro autor do estudo e alumno postdoutoral do CRG. “As células senescentes actúan como un cortalumes contra o cancro, suprimindo a formación de tumores”, engade o científico en declaracións á Agencia SINC.
O estudo
O grupo, de maneira experimental, introduciu xenes que promoven a formación do cancro, o que induciu ás células cara a un estado de senescencia. Descubriron que, cando se esgotan os niveis de CSDE1, as células non poden experimentar a senescencia e inmortalízanse, un paso necesario para o desenvolvemento do cancro.
Así é que algúns dos experimentos que se levaron a cabo con células sen CSDE1 revelaron que, cando estas se implantan baixo a pel dos ratos, comezan a formar tumores malignos. Todos os roedores tratados desta maneira desenvolveron carcinomas de células escamosas ao cabo de entre 15 e 20 días, o que destaca o rol clave desta proteína na súa supresión.
Polo tanto, o equipo descubriu que CSDE1 promove a supresión de tumores a través de dous mecanismos diferentes. CSDE1 fai que a célula segregue un cóctel de citoquinas –proteínas esenciais para a comunicación intercelular– e encimas que obrigan á célula para entrar nun estado de detención permanente do crecemento. Ademais, CSDE1 tamén detivo a síntese de YBX1, unha proteína coñecida previamente por promover o crecemento e a agresividade dos tumores.
Investigacións previas
CSDE1 relacionouse previamente coa promoción da formación de cancros, non coa súa supresión. Estudos previos desenvolvidos polo mesmo grupo científico atoparon que esta proteína promove a formación de metástase no melanoma, un tipo de cancro de pel menos común pero máis agresivo. E outros traballos demostraron que CSDE1 está relacionado coa proliferación de tumores en moitos tipos de cancro.
“Durante moito tempo pensouse que as proteínas que se adhiren ao ARN son moléculas universais que as células usan para o mantemento xeral, e que ademais non poden ser reguladas para o beneficio terapéutico. Cada vez está máis claro que isto non é certo e que é un campo emerxente fundamental para comprender as enfermidades humanas”, conclúe a Fátima Gebauer, directora do equipo que desenvolveu o estudo.
Referencia: Coordinated post-transcriptional control of oncogene-induced senescence by UNR/CSDE1. (Publicado en Cell Reports)