O estudo advirte de que as bacterias na carne da dieta BARF poden afectar a nenos e maiores.
O estudo advirte de que as bacterias na carne da dieta BARF poden afectar a nenos e maiores.

Ollo aos preparados de carne crúa para cans: teñen bacterias perigosas

Un estudo advirte dos riscos da coñecida como dieta BARF, moi estendida nos últimos anos, que pode afectar a nenos e anciáns

A coñecida como dieta BARF (Alimentación Crúa Biolóxicamente apropiada, polas súas iniciais en inglés) está de moda nos últimos anos para alimentar a cans e gatos. É un método seguido por moitos donos de mascotas, que dan aos seus animais produtos non industriais, baseados en carne, órganos, vísceras e vexetais, que se preparan  na casa ou ben de forma comercial.

Quen a defende considéraa unha alternativa saudable e natural a produtos como os pensos, as galletas ou a carne cocida, e mesmo se afirma que a dieta BARF mellora o sistema inmunitario, a pel, a pelame e a dentición das mascotas, reducindo a incidencia de alerxias alimentarias.

Con todo, a diferenza do penso e outros produtos que se venden habitualmente nas tendas especializadas, os produtos de carne crúa da dieta BARF non se tratan con calor nin se liofilizan –nun proceso de deshidratación– para  pasteurizar o seu contido, e por tanto enfróntanse a un risco microbiolóxico.

Un estudo, publicado na revista Vet Record, alerta da presenza de altos niveis de bacterias como Salmonella, Clostridium perfringens, Enterobacteriaceae e Campylobacter nestes produtos crus para cans. Os científicos advirten de que presentan riscos potenciais para a saúde non só para as mascotas, senón tamén para as persoas, sobre todo bebés e anciáns, máis vulnerables.

Atopáronse bacterias prexudiciais para a saúde como a Salmonella, a E. coli ou a C. perfringens

“Os cans en familias con bebés, persoas maiores ou persoas inmunodeprimidas non deben ser alimentados con produtos de carne crúa, xa que estes grupos son máis susceptibles ás infeccións“, sinalan os investigadores da Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas e o Instituto Nacional de Veterinaria, en Uppsala.

Análise do contido da carne

Para probar e medir os niveis de bacterias nestes produtos, os expertos tomaron mostras de 60 paquetes de produtos cárnicos crus, comprados en varias tendas nun radio de 200 km do seu laboratorio en Uppsala entre marzo e setembro de 2017. Os produtos contiñan carne crúa, e ósos e órganos comestibles de vaca, polo, cordeiro, pavo, porco, pato, reno ou salmón. Algúns tamén incluían verduras, fibra vexetal e minerais.

As mostras, procedentes de dez fabricantes diferentes de Suecia, Noruega, Finlandia, Alemaña e Inglaterra, analizáronse en busca de bacterias que poderían representar un risco para a saúde dos animais e as persoas. Os resultados confirman que todas contiñan especies de  Enterobacteriaceae como a E. coli, indicadora de contaminación fecal e dos estándares de hixiene.

O 52 % das mostras analizadas contiña niveis que excedían o limiar máximo establecido polos regulamentos da Unión Europea (UE) de 5.000 bacterias por gramo. Segundo a análise, a maioría das especies identificadas non causan infección, salvo E. coli, que se atopou en aproximadamente un terzo das mostras. C. perfringens, outro marcador de contaminación fecal e estándares de hixiene, atopouse no 30%. Dúas das mostras mesmo superaron os límites máximos establecidos polas directrices suecas.

As especies de Salmonella, que poden provocar infeccións de animais a persoas e que están prohibidas en calquera produto destinado á alimentación animal, atopáronse no 7%. As de Campylobacter, moi sensibles á conxelación, acháronse en só tres mostras de tres fabricantes diferentes. “É máis probable que Campylobacter estivese presente en máis mostras antes da conxelación”, indican os autores.

O estudo resalta a importancia de almacenar e tratar adecuadamente estes alimentos crus para cans debido aos riscos potenciais para a saúde que expoñen.

Recomendacións para os donos

Para diminuír o risco de infección e a resistencia aos antibióticos, os científicos suecos propoñen no seu traballo unha serie de recomendacións:

– A comida crúa debe conservarse conxelada ata o seu uso e  descongelarla a 10 º C.

– É necesario mantela separada doutros alimentos.

– Débese manipular con utensilios de cociña diferentes ou lavalos ben despois de cada uso.

– Manter unha boa hixiene en todo momento e non deixar que os cans  laman aos seus donos despois de darlles para comer.

– Non alimentar aos cans con dieta BARF se están a ser tratados con antibióticos. Isto aumentaría o risco de resistencia aos antibióticos.

 

Referencias: Occurrence of Salmonella, Campylobacter, Clostridium and Enterobacteriaceae in raw meat-based diets for dogs (Publicado en Vet Record).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.