Mércores 24 Abril 2024

Premios de Transferencia da RAGC: vacinas, rexeneración ósea e biometría

A Academia de Ciencias recoñece nos seus galardóns o traballo de equipos das tres universidades e a empresa Alice Biometrics

Grupos de investigación pertencentes ás tres universidades galegas e a empresa Alice Biometrics veñen de ser recoñecidos cos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. Os premios, que se reparten en tres categorías, recoñecen a aposta pola investigación aplicada para contribuír ao progreso da sociedade desde diversas disciplinas e os casos de éxito en transferencia de coñecemento e suceso empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta edición valoránse, en concreto, unha vacina para acuicultura mariña, un biomaterial para a rexeneración ósea e unha tecnoloxía de recoñecemento facial para facer fronte a fraudes.

Premio Francisco Guitián Ojea

O premio “Francisco Guitián Ojea”, que galardoa o mellor traballo de creación dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, recaeu no proxecto titulado “Utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura”.

Publicidade

O traballo foi realizado por sete investigadores das universidades de Santiago e A Coruña: Manuel Luis Lemos Ramos, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Carlos Jiménez González, Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC); Miguel Balado Dacosta, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Katherine Valderrama Pereira, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC; Antón Vila Sanjurjo, Facultade de Ciencias da UDC; Diego Rey Varela, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); e Jaime Rodríguez González, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC. O xurado valorou a calidade da investigación e a importancia da temática de técnicas de bioloxía molecular para a produción de novas vacinas cara a prevención de enfermidades de peixes en acuicultura mariña.

O desenvolvemento de novas vacinas é unha das principais necesidades da acuicultura para previr brotes de enfermidades infecciosas que limitan seriamente a produción e expansión do cultivo de peixes. Neste traballo, desenvolveuse unha nova vacina contra a enfermidade coñecida como fotobacteriose, unha infección bacteriana de gran relevancia na acuicultura de peixes.

Esta nova vacina (do tipo coñecido como vacinas de subunidades) baséase no uso dunha proteína que forma parte da envoltura celular da bacteria que causa a fotobacteriose. A proteína obtívose en grandes cantidades mediante enxeñaría xenética noutra bacteria (Escherichia coli) de uso común no laboratorio. Esta proteína purificada e inxectada nos peixes foi capaz de inducir a síntese de anticorpos e protexelos da fotobacteriose en infeccións experimentais. Os autores están a desenvolver esta mesma tecnoloxía para a prevención doutras infeccións relevantes causadas por diferentes bacterias.

Premio Fernando Calvet Prats

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “BIOFAST – Biomaterial para rexeneración ósea” do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo (UVigo). Este equipo está formado polos investigadores Pío Manuel González Fernández, Julia Serra Rodríguez e Stefano Chiussi. O xurado valorou o desenvolvemento e transferencia dun produto biomédico innovador cunha excelente aplicación en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial.

Biofast xurdiu en 2013 como resultado da participación do grupo de investigación no proxecto MARMED (Interreg Atlantic Area) sobre a valorización de subprodutos e descartes da pesca sostible mediante a obtención de produtos biomédicos. O grupo de investigación asegura que é unha satisfacción enorme que os seus resultados científicos poidan redundar nun beneficio directo á saúde e benestar das persoas e, desta forma, retornar á sociedade parte do investimento en I+D ao longo destes anos.

A investigación consistiu en desenvolver un proceso de fabricación de biocerámicas, a partir de dentes de tiburón, para a súa aplicación clínica como enxerto óseo en odontoloxía e traumatoloxía. Trátase do primeiro produto destas características de orixe mariño, cunha composición similar á do óso humano, e que presenta boas propiedades fisicoquímicas que favorecen a osteointegración.

Unha vez concluída a fase investigadora, en 2017 impulsouse o proceso de transferencia de tecnoloxía grazas ao financiamento do programa IGNICIA de Gain que lles aportou recursos económicos e humanos para achegar este produto ao mercado, concluíndo con éxito esta etapa ao asinar o contrato de licenza coa empresa Ziacom Medical.

Por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics S.L., xurdida da colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia –Gradiant–. O xurado valorou especialmente o carácter innovador da tecnoloxía de identificación de identidade no proceso de rexistro dixital e o éxito temperá no mercado.

Alice Biometrics é unha empresa fundada en xuño de 2019 como spin-off do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo. Nace coa misión de explotar comercialmente a solución de verificación de identidade desenvolta en Gradiant durante máis de oito anos, recibindo o apoio do programa IGNICIA de Gain.

Esta transferencia tecnolóxica permitiu a Alice lanzar un produto comercial en catro meses, pechando os primeiros clientes no 2019 e conseguindo unha facturación acumulada de máis dun millón de euros de 35 clientes en menos de dezaséis meses. Adicionalmente, deuse entrada a un financiamento de dous millóns de euros no 2020 do centro tecnolóxico e tres fondos de investimento, Mundi Ventures, Xesgalicia e Vigo Activo.

O produto Alice comercializa unha solución que permite dar de alta a novos clientes en remoto de forma rápida, automática e segura. Resolve o problema de rexistro online de aquelas entidades que necesitan confirmar a identidade dos seus clientes a través da revisión dos seus documentos de identidade de forma desasistida e segura. Ademais, reduce a cantidade de operacións manuais, custos e tempos de activación, coo que mellora a experiencia do usuario final, quen pode rexistrarse na plataforma que desexe de forma inmediata e sen esperas. En definitiva, Alice é unha tecnoloxía de recoñecemento facial para evitar fraudes como a suplantación de identidades.

Nesta edición optaron aos galardóns un total de 32 propostas. O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez González, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez Gómez e Elena Polo Prieto de Gain, Norberto Penedo Rey do IGAPE, e Luis Alfonso Álvarez Sestelo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado