Premios para a ciencia que se converte en industria

Foto de familia de galardoados e autoridades.
Foto de familia de galardoados e autoridades.

Case todo na vida pode ser unha fórmula matemática. A factura do gas, por exemplo, é unha suma de conceptos. Pero o movemento do propio gas, tamén. O xeito como se move pola rede pode mellorar cunhas complexas análises matemáticas, empregando as ferramentas da supercomputación. Así, grazas ás matemáticas, unha rede de distribución pode ser máis eficaz. E iso foi o que fixo a empresa gaseira Reganosa, dedicada ó transporte e regasificación de gas natural e con sede en Mugardos (A Coruña). Para mellorar, pediron a axuda do Instituto de Matemática Industrial da Universidade de Santiago. E agora esa colaboración ten premio.

Emilio Bruquetas, de Reganosa.
Emilio Bruquetas, de Reganosa.

Reganosa e Itmati veñen de recibir o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias. A colaboración cos matemáticos da USC permitiu a Reganosa incorporar unha innovadora ferramenta que facilita a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos.

O galardón foi recollido por Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, que subliñou que a investigación no ámbito universitario non pode entenderse sen a transferencia de coñecemento, á vez que as empresas non poden sobrevivir sin I+D+i. “É necesario que as empresas coñezamos a capacidade investigadora das universidades e que éstas coñezan as necesidades do tecido produtivo para detectar oportunidades de colaboración”, afirmou.

Evasa levou o premio á mellor Peme polo seu traballo en vidro de seguridade

Pola súa banda, o investigador de ITMATI Alfredo Bermúdez de Castro destacou que o feito de que unha academia de ciencias premie a transferencia “é algo singular no contexto español” e felicitou á RAGC e á Axencia Galega de Innovación pola iniciativa, “xa que constitúe un fito salientable no camiño de valorar e prestixiar esta actividade, que é da meirande importancia para o progreso económico e social de Galicia”.

No acto de entrega, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou que “o coñecemento, é dicir, a ciencia e a tecnoloxía, son indispensables para soster e aumentar a competitividade das empresas porque constitúen claramente o factor de produción de maior peso”. Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada esta tarde en Santiago, Ríos cifrou nun 90% o peso do capital intanxible sobre o valor total das empresas nos países avanzados.

Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa segunda edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta.

José María González, de Evasa.
José María González, de Evasa.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou que este certame é unha oportunidade para “dar a coñecer o traballo ben feito das empresas galegas” que contribúen a “impulsar un modelo industrial con futuro e con emprego estable e de calidade” baseado na innovación e o coñecemento.

Conde animou a RAGC a seguir convocando os premios e agradeceu a colaboración da institución coa Xunta para impulsar a cultura innovadora, poñer en valor o labor da comunidade científica e difundir os logros dos científicos galegos. Neste sentido, o presidente da Real Academia confirmou a vontade de darlle continuidade ao certame para “recoñecer o esforzo de todos aqueles que, como os premiados, fixeron contribucións significativas á transferencia de tecnoloxía, pero tamén estimular a investigadores e empresarios para que progresen nesta senda e crear conciencia social sobre a importancia do coñecemento e a súa transferencia ao sector produtivo”.

Asistiron tamén á entrega o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o coordinador do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara; e a xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Sonia Martínez Arca.

Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes (A Coruña) desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.

Ana María Otero.
Ana María Otero.

Logo de recoller o premio, o conselleiro delegado de Evasa, José Mª González, expuxo que “aínda que non sempre sexan conscientes, a maioría de empresas levan a cabo unha I+D silenciosa que as fai mellorar. No noso caso refírome a ela como unha unión de neuronas e riles, xa que, como Thomas Edison dicía, o éxito é un 1% de inspiración e un 99% de transpiración”. González salientou que para a súa empresa a transferencia busca materializar os recursos empregados en solucións comercializables que permitan alcanzar vantaxes competitivas e obter un retorno dos investimentos en investigación.

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu nun equipo multidisciplinar da USC. No proxecto colaboraron dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral, coa colaboración da empresa catalá Dentaid. O seu traballo logrou aplicar no campo da saúde bucodental unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental.

Recolleu o premio a investigadora principal do proxecto, Ana María Otero, que destacou a  obriga das persoas que traballan en investigación de xerar coñecemento que sirva para resolver os problemas da sociedade que as financia. A científica da USC asegurou que a participación activa das empresas e a formación de equipos interdisciplinares é imprescindible para o éxito dos procesos de transferencia. “Acadar este resultado demostra o potencial dos grupos pequenos coma o noso, que representan no ámbito da investigación o que as empresas familiares na economía: o aproveitamento máximo de recursos, a flexibilidade para buscar solucións en colaboración con outros grupos e a capacidade para atopar nichos de mercado e solucionar problemas que os grupos grandes non poden abordar”, reivindicou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.