María Elena Corredoira e Ana María Vieitez

María Elena Corredoira e Ana María Vieitez, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC).

A Academia de Ciencias premia dous traballos nos eidos vitivinícola e forestal

O galardón, ex aequo, é para o sistema automático de identificación de viños desenvolvido na USC e un método para curar a tinta dos castiñeiros do Instituto de Investigacións Abrobiolóxicas de Galicia do CSIC

Un sistema automático de identificación de viños desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e un método para curar a tinta dos castiñeiros do Instituto de Investigacións Abrobiolóxicas de Galicia (IIAG) do CSIC. Estes son os dous traballos que gañaron ex aequo o Premio de Investigación 2013 que entrega a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

O galardón, dotado con 6.000 euros, repartirase entre o equipo científico da USC que desenvolveu un sistema automático de identificación de uva en viños brancos galegos e o do IIAG que deseñou un método de enxeñería xenética para curar a tinta dos castiñeiros.

O Premio de Promoción de Novos Investigadores, dotado con 2.000 euros, é para o matemático Adrián Fernández Tojo da USC, quen fixo un traballo sobre funcións matemáticas.

Os premios, que chegan este ano á súa vixésimo segunda edición, serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 18 de decembro na sede da RAGC, en Santiago de Compostela.

[wzslider autoplay=”true” interval=”4000″ info=”true”]

Identificación das variedades de uva

Manuel Martín, responsable da Unidade de Resonancia Magnética, e Ricardo Riguera, científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), ambos os dous da Universidade de Santiago, son os investigadores que desenvolveron un procedemento para a identificación automática, en cuestión de minutos, das variedades de uva presentes en viños brancos acollidos ás Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

Tomando unha pequena mostra de viño, realizaron unha análise química mediante a técnica denominada resonancia magnética nuclear que se comparou coa base de datos elaborada tamén no marco deste proxecto, na que se caracterizaron preto dun cento de viños mono e plurivarietais representativos das variedades maioritarias de uva en Galicia: Albariña, Godello, Treixadura, Palomino e algunhas minoritarias como Loureiro, Dona Branca e Torrontés.

Os investigadores lograron identificar unha serie de parámetros característicos de cada variedade, de maneira que se poden usar a modo de “pegada dixital” para comparala con outros viños.

A validez destas “pegadas” para identificar rapidamente a variedade de uva empregada na vinificación no caso dos viños monovarietais ou as variedades combinadas no dos plurivarietais foi testado con 94 viños destas variedades. A pesar da reducida base de datos empregada, o sistema rexistra un nivel de acerto na clasificación igual ou superior ao 95% nos monovarietais e unha porcentaxe similar nos plurivarietais, sempre que a proporción do compoñente minoritario nestes últimos sexa polo menos do 25%.

A utilización de análises químicas para determinar os compoñentes dun viño está xa moi implantada, pero o tipo de técnica que se vén utilizando (principalmente a cromatografía) fai que o proceso sexa lento e custoso, entre outras cousas porque esixe realizar análises separadas de cada compoñente e o viño é unha mestura complexa con multitude deles. Esta técnica dos investigadores da USC supón unha alternativa sinxela, rápida e tecnicamente fiable.

Os investigadores teñen previsto continuar con esta liña de traballo para ampliar a base de datos de viños, reducir o umbral mínimo de identificación de variedades por debaixo desde 25%, incorporar novas variedades de uva minoritarias ao seu catálogo e introducir outras técnicas de análise química.

A enfermidade máis grave do castiñeiro

No campo da biotecnoloxía, María Elena Corredoira e Ana María Vieitez, do IIAG, veñen investigando como atallar a enfermidade máis grave que sofren os castiñeiros galegos e da gran maioría de Europa: a tinta, unha infección provocada por un fungo que conduce á morte da árbore.

A súa proposta é unha alternativa tecnolóxica aos métodos convencionais baseada na enxeñería xenética. O método busca preservar a pureza da especie europea usando técnicas que se centran na sobreexpresión de xenes específicos da propia árbore capaces de promover súa a resistencia á enfermidade, en lugar de recorrer á hibridación entre especies.

Durante o primeiro terzo do século XX, o cruce entre o castiñeiro europeo e o asiático era a única opción válida para facer fronte á tinta, que por aquel entón devastaba os bosques de todo o continente. En España, o programa iniciouse baixo a dirección de Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Galicia, pero á vez que se diseminaban os híbridos tamén se esparcía a información xenética da variedade asiática, resistente á tinta pero produtora de árbores de menor porte e castañas de peor calidade que as dos castiñeiros europeos.

A depuración desta información xenética asiática por medios convencionais (mediante retrocruzamentos) require polo menos 20 anos, polo que as investigadoras buscaron alternativas tecnolóxicas que permitan acurtar os prazos que precisa un programa de mellora convencional para obter castiñeiros resistentes á tinta.

O seu achádego baséase na identificación de xenes do propio castiñeiro que teñen actividade antifúnxica. Isto permitiulles deseñar estratexias biotecnolóxicas que consisten na sobreexpresión destes xenes para conseguir castiñeiros resistentes á tinta. A solución consiste, polo tanto, na transformación xenética do castiñeiro utilizando o seu propio material, o que permite preservar as características de calidade superior da variedade europea respecto das híbridas.

Os resultados desta investigación serán de gran importancia para os países con poboacións de castiñeiros afectados pola tinta e, moi particularmente, para Galicia, dado que esta árbore, presente nos seus bosques desde o período Terciario e cun historial de cultivo comezado polos romanos, é unha especie na que están postas moitas expectativas.

Galicia produce hoxe máis da metade das castañas en España (arredor de 10.000 toneladas ao ano) e, de cara ao futuro, o Plan Forestal de Galicia outórgalle ao castiñeiro o mesmo peso específico en termos de valor económico da produción que o piñeiro, cunha produción de 1,6 millóns de metros cúbicos ao ano en 2032.

Premio Novos Investigadores

O traballo merecedor do Premio de Promoción de Novos Investigadores da RAGC, para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, recaeu no matemático da USC Adrián Fernández Tojo. Neste, afonda nas funcións de Green para ecuacións diferenciais con involucións, co propósito de avanzar cara a comprensión das leis que rexen certos fenómenos e teorías físicas que a día de hoxe non se entenden por completo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.