Presentación da edición de Pontenciencia do 2019.

Pontenciencia convoca os premios ‘Homenaxe á muller investigadora’

Preto de 350 alumnos e alumnas de Primaria de dez centros educativos de Pontevedra participan neste 2019 na sexta edición de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra xunto á Universidade de Vigo no que os e as escolares desenvolven unha serie de investigacións que, os días 31 de maio e 1 de xuño, presentarán na Miniferia da Ciencia na Escola de Enxeñaría Forestal.

Aberto tamén ás participación das familias, este evento contará ademais, por segundo ano, coa participación de estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, a través dos Premios de Investigación Homenaxe á muller investigadora, presentados nesta xornada no Concello e que manteñen aberto ata o 3 de maio o seu prazo de inscrición.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Educación, Carme Fouces e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, acompañados por diferentes representantes da Universidade e das empresas que financian estes cinco premios que contan cunha dotación económica de 300 euros, presentaron no Concello a segunda edición dunha actividade que constitúe, “o espazo reservado ao ensino secundario dentro de Pontenciencia”, un proxecto inicialmente dirixido ao alumnado de Primaria, a través das súas modalidades Ciencia no Cole e Ciencia en Familia.

Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga e Viaqua son as cinco empresas que colaboran cuns galardóns que se levaron a cabo por primeira vez en 2018, “cun éxito importante”, como lembrou Fouces, xa que se presentaron un total de 15 proxectos.

“Para nós é un auténtico pracer seguir colaborando con esta iniciativa”, engadiu o vicerreitor do campus, quen sinalou a importancia que para a institución académica ten unha iniciativa dirixida a “poder achegar a ciencia” aos máis novos e novas.

“Desde logo, se queremos que o futuro estea na innovación e no desenvolvemento, hai que empezar polas idades máis pequenas”, engadiu Fernández Lores, quen manifestou tamén a súa satisfacción pola colaboración entre Universidade, Concello e Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra (Fampa) que supón este evento, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Inscrición aberta ata o 3 de maio

Con tres institutos xa preinscritos, que presentarán varias propostas, estes premios manteñen aberta ata o 3 de maio a súa inscrición, aberta tanto aos centros educativos da Pontevedra como a inscricións independentes por parte do alumnado, tanto de xeito individual como grupal, explicou Fouces.

Con temática libre, estes premios están dirixidos a recoñecer proxectos de investigación científica, de investigación documental ou proxectos tecnolóxicos, que os seus autores e autoras deberán defender na feira que terá lugar o 31 de maio e 1 de xuño diante dun xurado integrado por 24 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e Instituto Español de Oceanografía de Vigo.

“Realmente sempre nos sorprende a todos como presentan os seus proxectos”, salientou ao respecto Purificación Marcet, profesora da EE Forestal e coordinadora dun xurado que, explicou, nesta sexta edición incorpora novos membros e novos criterios de avaliación dirixidos especificamente para os proxectos presentados desde os centros de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.