Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC.

Científicos galegos preparan plásticos biodegradables a partir de biomasa

O grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC forma parte do proxecto Usable Packaging, que elabora estes produtos con materia orgánica

O grupo de de Biotecnoloxía Ambiental da USC participa este días en Valencia na xuntanza de lanzamento do proxecto europeo USABLE Packaging (acrónimo de Unlocking the potential of Sustainable BiodegradabLe Packaging), enmarcado no programa Bio Based Industries do Horizonte 2020. Este proxecto ten como obxecto central de estudo a produción de plásticos biodegradables de alta calidade a partir de fontes de materia orgánica non alimentaria. O consorcio conformado por 25 investigadores e investigadoras de 11 países europeos tentará, mediante transformacións ambientalmente sostibles, desenvolver todo un conxunto de polímeros biodegradables que poidan procesarse en films laminados e multicapa. O obxectivo final é producir materiais complexos de envasado con propiedades comparables aos plásticos comerciais actuais, derivados do petróleo.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) coordina este ambicioso proxecto europeo a tres anos que arranca estes días e no que participan os profesores Almudena Hospido e Juan M. Lema, e os investigadores Thelmo Lú e Miguel Mauricio, todos eles membros do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do departamento de Enxeñaría Química da USC. Un elemento clave do proxecto USABLE Packaging  é a participación de actores de toda a cadea produtiva dos bioplásticos, dende os provedores das materias primas ata os usuarios finais dos materiais de envasado, pasando polos transformadores da biomasa, produtores de bioplásticos, e os responsables do reciclado, gracias a un consorcio de 25 membros de 11 países europeos.

Esquema da produción de plásticos biodegradables no proxecto Usable Packaging. Fonte: USC.
Esquema da produción de plásticos biodegradables no proxecto Usable Packaging. Fonte: USC.

A contribución da USC centrarase en tres aspectos: o desenvolvemento de modelos matemáticos para predicir a transformación da biomasa en bioplásticos; a produción de bioplásticos mediante unha ruta innovadora: a acumulación por bacterias halófilas en medio salino; e a avaliación holística do impacto ambiental en toda a cadea de produción e tratamento posterior á vida útil mediante a metodoloxía de análise de ciclo de vida.

Como explican os integrantes do equipo compostelán implicado no proxecto, os desafíos inherentes á produción de plásticos biodegradables destas características son múltiples. En primeiro lugar, a biomasa residual débese converter en ácidos graxos volátiles, que son os substratos que usan os microorganismos para acumular os bioplásticos. Este proceso de acumulación debe facerse de maneira controlada para obter as propiedades mecánicas, de barreira ao osíxeno e vapor de auga, necesarias para o seu uso. Por último, os bioplásticos deben poder ser procesados e combinados para acadar as características demandadas polos usuarios finais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.