Venres 29 Marzo 2024

Ciencia+cervexa: o cóctel perfecto

Pódense acadar os 195 graos baixo cero ás aforas de Santiago? Ten algo que ver Julio Iglesias e os seus fillos coa evolución dos virus? É posible escribir 30.000 palabras da Biblia nun chip do tamaño dunha formiga? Todas estas respostas son afirmativas,  e desveláronse no Pint of Science 2016, un evento que achegou máis ca nunca as batas e as probetas ás xerras de cervexa.

pint of science 2016 santiago

Este mércores pecháronse tres xornadas de divulgación científica que transformaron dous bares de Santiago e A Coruña en aulas de laboratorio. Entre caña e caña foron desfilando prestixiosos profesionais e investigadores das tres universidades galegas. Falouse de moi diversos ámbitos, como a xenética, a nanotecnoloxía, a astronomía, as matemáticas ou a neuroloxía, todas elas aderezadas cun toque desenfadado que pretendía achegar a linguaxe científica, moitas veces densa, ao gran público.

Publicidade

Pint of Science naceu co obxectivo de que calquera persoa poida coñecer de primeira man a ciencia”, conta Sulay Tovar, investigadora Ramón y Cajal no CIMUS da USC e especializada no estudo da obesidade e a diabetes. Tovar foi unha das científicas que o ano pasado trouxo a Santiago por primeira vez este ciclo de charlas divulgativas, coa colaboración doutros científicos como Xurxo Mariño ou Manuel Collado. Conta Sulay que “o público é bastante heteroxéneo, desde mozos e mozas estudantes de ciencias ata xubilados alleos ao mundo científico”.

‘Non cabía máis xente no bar’, recoñece Javier Pedreira ‘Wicho’

A Nave de Vidán, en Santiago, que acolleu por segundo ano consecutivo estas xornadas, estivo ateigada os tres días. Xente de pé, sentada no chan, aproveitando calquera recuncho para gozar das charlas. En primeira fila sentáronse Laura, Jessica, Carmen, Sabela e Andrea. Todas teñen formación ligada á bioloxía e á investigación en laboratorio. Consideran que este tipo de eventos “son unha gran oportunidade para reunirse e compartir coñecementos. Podes ver a xente interesante, sobresaínte no seu eido, de xeito gratuito e ao alcance de todos”, comenta Andrea, mentres as súas compañeiras asenten.

África González na súa charla.
África González na súa charla.

Na Coruña, a primeira edición deste evento non puido saír mellor. “Non cabía máis xente no bar”, comenta Javier Pedreira, coñecido como Wicho, divulgador científico e organizador da actividade na cidade herculina, que tivo lugar na cervexaría Malte. Wicho explica que con Pint of Science lévase a ciencia a sitios onde normalmente nunca se fala dela. “Houbo persoas que foron ao bar a tomar unha caña, atopáronse coa charla e quedaron para escoitar. E gustoulles”, conta Pedreira. Engade que “o obxectivo principal é chegar a xente que doutro xeito nunca se interesaría pola ciencia. As enquisas feitas pola Fecyt din que unha porcentaxe importante da poboación non repara nunca na importancia dos avances científicos”. En momentos de dificultade económica, Wicho cre que poñer en valor a ciencia e divulgala é máis importante ca nunca: “Se os científicos non conseguen transmitir á sociedade a importancia do seu traballo, ninguén vai chorar cando se volvan a facer recortes en I+D. Temos que pensar que tipo de sociedade queremos ser. E este tipo de eventos poden axudar moito”.

Na mesma liña se manifestou o martes en Santiago África González, investigadora do Cinbio da Universidade de Vigo. A raíz da intervención de Laura Sánchez-Piñón, catedrática de Xenética da USC, González animou aos presentes a aproveitar o impacto mediático de Pint of Science para apoiar a candidatura ao premio Nobel de Francis Mojica, o científico español que abriu o camiño para o descubrimento do sistema CRISPR, que podería permitir a edición das secuencias de ADN e, deste xeito, evitar enfermidades coma o alzheimer ou o cancro de orixe xenética.

Foron, en definitiva, tres días que deron para moito. Entre charla e charla, houbo tempo para experimentos en vivo nos que se amosaron as aplicacións do nitróxeno líquido, do dióxido de carbono sólido (o coñecido como xeo seco) e incluso se organizou un obradoiro de pelotas elásticas. E como non podía ser doutro xeito, houbo premio para os curiosos. A persoa que realizase a mellor pregunta a xuízo do conferenciante, recibía unha camiseta como agasallo.

O éxito acadado polo evento xa chama por unha nova edición. Aínda non remataran as charlas e xa había locais de hostelería en Santiago e A Coruña que manifestaron o seu interese en acoller o Pint of Science 2017.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro