Os asistentes desfrutaron no Café de Mario da cuarta edición do festival
Os asistentes desfrutaron no Café de Mario da cuarta edición do festival

Camareiro, unha cervexa científica, por favor!

Hai praceres na vida que non teñen prezo. Un deles é desfrutar de sorbos de sabedoría. Imaxinádesvos chegar a un bar e dicir: “Ponme unha cervexa científica?” Algo similar aconteceu onte en diversos puntos de España. Falo do festival Pint of Science. Tres veces ao ano, investigadores de todo o mundo transmiten coñecemento nos bares. Un deles foi o Café de Mario, en Vigo. Nesta cuarta edición, a cidade olívica recibe por primeira vez este evento. O tema do día resultou ser o desenvolvemento dos sentidos. África González FernándezDiego Fernández Fernández e o grupo vigués Maldito Murphy foron os protagonistas desta inesquecible velada.

O desafío: transmitir coñecemento ao público dos bares

Como mellorar a memoria das nosas defensas ou como diferenciar entre o cerebro dun pianista e un violinista?

Tres horas serían suficientes para sorprender. Mais non era unha tarefa sinxela. Había un grande reto: despexar dúas dúbidas. África González Fernández converteríase na primeira en facelo.  Explicaría as similitudes entre o Sistema Inmune e o Sistema Nervioso. Diego Fernández Fernández, pola súa banda falaría da relación entre o cerebro e a música. Polo prezo dunha caña, a xente descubriría unha morea de cousas. Os coñecementos foron diversos: como mellorar a memoria das nosas defensas ou como diferenciar entre o cerebro dun pianista e un violinista.

O Café de Mario cheo de curiosidade

O evento desenvólvese dende este luns ata o mércores 16
O evento desenvólvese dende este luns ata o mércores 16

Cheguei ao Café de Mario con vinte minutos de marxe. Anticipeime, mais o resto de asistentes fíxoo antes. Non quedaban mesas. O evento ía ser un éxito. O equipo de organización deu a benvida a todas e cada unha das testemuñas. Moitas ignoraban que estaban a piques de tomar algo coa ciencia. Era unha cita a cegas. Eu busquei un espazo. Por sorte, uns rapaces moi simpáticos cedéronme unha cadeira preto dos poñentes. Dende alí podía observar unha ampla variedade de oíntes nunha mesma sala. Eran diferentes sexos e diferentes idades cun obxectivo común: aprender.

Os protagonistas non podían ocultar os nervios. Fóra estaba o grupo musical de Maldito Murphy. Eran conscientes do seu papel. Ían debutar no eido da ciencia. Tiñan unha grande responsabilidade entre as mans: un concerto científico.A xente, por primeira vez, ía escoitar as súas cancións non só cos oídos, se non que tamén co cerebro. Era algo totalmente emocionante. A música acapararía uns niveis de atención moi altos. Os integrantes do grupo estábanse a preparar para dar o mellor de si mesmos.

A memoria do Sistema Inmune

Probablemente o Sistema Inmune podería considerarse un segundo cerebro

Un clamoroso aplauso iniciou a exposición de África González Fernández, do Centro de Investigacións Biomédicas, da universidade de Vigo. A xente cravou os seus ollos na investigadora. Unha presentación de diapositivas avanzaba entre o silencio, froito da expectación. “O Sistema Nervioso e o Sistema Inmune son os únicos que teñen capacidade de aprendizaxe e memoria”, esclareceu. Grazas á súa intervención soubemos máis sobre as similitudes entre estes dous sistemas. Asimilamos que son sistemas que nos identifican, que “Eu son eu e ti es ti”. Así completaba África a súa explicación. Ademais de aclarar o funcionamento da memoria, finalizou cunha conclusión: “Probablemente o Sistema Inmune podería considerarse un segundo cerebro”

A exaltación do público deu paso á curiosidade da xente, que non tivo fin. A atención derivou en interesantes preguntas por parte dos asistentes. Acto seguido, Maldito Murphy amenizaba o encontro cun dos seus temas. Non tardaría en chegar o seguinte poñente. Estabamos na metade do acto e o Café de Mario seguía cheo. A xente falaba de multitude de aspectos mais ignoraba o papel que estaba a desempeñar a música.

O signo do talento musical

Decenas de asistentes fican abraiados nas palabras do poñente
Decenas de asistentes fican abraiados nas palabras do poñente

Despois da excelente actuación, era a quenda de Diego Fernández Fernández, da Universidade de Vigo. Ía ensinarnos a escoitar diferente, co cerebro. Dende logo Maldito Murphy non volvería a soar igual despois desta exposición. O investigador tratou de dar a coñecer como a música chegaba ao cerebro. Non foi doado, posto que “cada un percibe a música de xeito diferente”. Ata esa charla, moitos ignoraban que o talento musical se plasma no cerebro. Isto garda relación co signo omega, unha parte máis acentuada nos músicos. Tamén se desatendían outros aspectos como, por exemplo, que a música pode chegar a producir pracer. Con ela, chegamos a liberar dopamina, como cando comemos.

Unha actuación espléndida tras a intervención do investigador Diego Fernández Fernández sobre a música
Unha actuación espléndida tras a intervención do investigador Diego Fernández Fernández sobre a música

Tras as inquedanzas dos espectadores, Maldito Murphy ofreceu un concerto espléndido. Os poñentes foron o inicio da curiosidade en moitos dos espectadores. Souberon transmitir coñecemento e ciencia. Por cuarta vez consecutiva, estes dous elementos introducíronse en cañas e cafés. Pint of Science fai que o sabor sexa máis intenso e máis duradeiro. Un sabor que, se cadra, dura para toda a vida. Foi unha experiencia necesaria e diferente. O seu valor foi incalculable. Pódese volver a vivir hoxe, martes, e mañá, mércores. E non só en Vigo, se non que tamén noutros lugares de Galicia. Hai cousas que só acontecen de cando en vez, paga a pena animarse.

Pint of Science Ourense

As charlas serán no local O Moucho (Rúa da Concordia, 17) ás 20 horas.

 

Martes 15:

Xogando con lume 2.500 anos despois, por Martiño Xosé Vázquez,arqueólogo do grupo Geaat da UVigo.

Eu tamén viciaba ao Age of Empires: Un romance entre a Historia e a Cultura Pop, por David Calviño, historiador da Universidad Autónoma de Madrid.

Mércores 16:

Somos todos xenios? creatividade, xenética e trastornos psiquiátricos, por Julio Rodríguez, investigador do IDIS de Santiago.

Matemáticas que moven a auga, o gas e o sangue, por Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC.

Pint of Science Vigo

As charlas serán no Café de Mario (Rúa Caracas, 5) ás 20 horas.

 

Martes 15:

Internet das cousas… e das persoas, por José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Telecomunicacións da UVigo.

Nanotecnoloxía: xogando con metáis na nanoescala, por Verónica Montes, investigadora da UVigo.

Mércores 16

Están xustificados os impostos?, por Jaime Aneiros, profesor de Dereito Financieiro e Tributario da UVigo.

O formigueiro humano bilingüe: así nos fai elixir idioma, por Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da USC.

Pint of Science A Coruña

As charlas celebraranse en tres locais.

Cervezoteca Malte (Rúa Galera, 47) ás 19 horas.

Martes 15:

Deseñando cerebros para robots que soñan, por Richard Duro,investigador de computación e intelixencia artificial da UDC.

Cowfort: a poderosa historia das vacas felices, por Ana Bugueiro, investigadora da USC.

Mércores 16:

Climate wars: as neveiras contraatacan, por Juan Bermúdez, investigador en Química Ambiental da UDC.

Amor e outras drogas, por Tamara Pazos, investigadora da UDC.

La Consentida (rúa Alfredo Vicenti, 35) ás 19 horas.

 

Martes 15:

Agronomía mariña, pechando o círculo, por Javier Cremades, do grupo BioCost da UDC.

Vacinas, que falen os datos, por Bibiana García Visos, dos Museos Científicos Coruñeses.

Mércores 16:

Comprime un peito, salva unha vida, por Guillermo Aldama, cardiólogo do Chuac.

Caneca Furada (rúa Panadeiras, 20) ás 19 horas

 

Martes 15:

Por que tanto empeño en ir ata Marte? por Alejandro Cardesín, experto en misións a Marte da Axencia Espacial Europea.

Pide unha trape, cervexa e caza novos e sorprendentes planetas, por Borja Tosar, astrofísico.

Mércores 16:

Un laboratorio propio, por Joana Magalhaes, investigadora do Inibic-CICA da UDC.

No bar, falemos do fígado, por Julia Quintela, investigadora da UDC.

Pint of Science Santiago de Compostela

As charlas serán na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Miguez, 44) ás 20 horas.

 

Martes 15:

Alimentación no século XXI: ademais de gordos, tontos? por José L. Pardo Vázquez, investigador da USC.

O teu cerebro faite engordar? Historias de ratos e humanos, por Rosa Señarís, catedrática de Fisioloxía da USC.

A obesidade, a nova epidemia do século XXI, por Fernando Cordio, investigador do Inibic.

Intermedio a cargo de José M. Viñas Diéguez, profesor do IES David Buján.

Mércores 16:

A prisión permanente revisable, por Miguel Abel Souto, profesor de Dereito na USC.

Que nos pode contar a xenética forense? CSI, verdades e mentiras, por Victoria Lareu, directora do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro.

A reinserción do delincuente, realidade ou utopía, por Xosé Antón Gómez Fraguela, profesor de Psicoloxía da USC.

Intermedio a cargo de Patricia Barciela, directora da Domus da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.