Pilar Rodríguez Seoane, a profesora da UVigo pioneira na elaboración da táboa periódica en galego.
Pilar Rodríguez Seoane, a profesora da UVigo pioneira na elaboración da táboa periódica en galego.

Pilar Rodríguez Seoane, a pioneira da táboa periódica en galego

Foi unha tarefa "mecánica e meticulosa", di a profesora da Universidade de Vigo, autora da táboa de 1988 incluida en libros de texto e no Anuario da Real Sociedade Española de Química

Hai xa 22 anos, arredor de 1997, nace a idea de traducir a táboa dos elementos na Universidade de Vigo da man de Pilar Rodríguez Seoane, profesora de Química Inorgánica da institución. Ela impartía as súas clases en galego; pero case tódolos alumnos empregaban táboas en castelán. Neste momento evidénciase unha necesidade: a de ter unha táboa periódica no idioma da asignatura impartida. Rodríguez Seoane foi a responsable do fito da tradución desta ferramenta, da que se elaboraron posteriormente distintas versións.

O primeiro paso, lembra hoxe Pilar Rodríguez, xa xubilada, foi a a busca dos nomes dos elementos na bibliografía correspondente para a súa posterior compilación. Pilar describe esta tarefa como “mecánica e meticulosa“, xa que era preciso ter moito coidado na transcrición dos elementos e as propiedades. A cautela tivo a súa recompensa. “Debeu saír ben, porque non tivemos ningunha corrección despois de publicala”, recorda a profesora.

Como se fixo?

Este traballo de recompilación levou varias horas ao día durante arredor de dous meses. Neste ámbito, Pilar destaca a colaboración de Antón Palacio, profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Unha vez estiveron tódolos elementos nomeados, procedeuse á elección do modelo e cores da táboa.

Aquí entra outro dos axentes decisivos no éxito da táboa: a editorial Obradoiro-Santillana, cuxa colaboración foi “unha sorte“, segundo palabras de Pilar Rodríguez. A docente de Química contactou con Carmen Vázquez, profesora na mesma universidade e editora en Obradoiro. “Díxenlle: ‘Oe, Carmen, ben podiades editarnos gratis a táboa e incluíla nos libros de texto'”, e Carmen dixo que si.

A primeira táboa periódica en galego non era a primeira

A nova versión empezou a difundirse como material complementario nos libros de texto de Física e Química no ensino secundario, cando estas materias aínda se podían impartir en galego, e converteuse nunha ferramenta básica de aprendizaxe. “Os alumnos da UVigo úsana como instrumento de traballo dende fai 20 anos“, expón Pilar Rodríguez. A táboa foi reeditada no ano 2002 pola editorial, e actualizada nos anos 2008 e 2013 por membros da UVigo cos nomes dos novos elementos.

Pilar afirma que a táboa naceu, en 1998, no contexto dun movemento conxunto: as versións en euskera e catalán saíron á luz arredor tamén destas datas, e foron incluidas na revista Anales da Real Sociedad Española de Química no ano 1999 (Volume 95, Nº3). En concreto, a galega ocupou a contraportada dese volume nunha páxina a toda cor. Neste marco, Pilar lembra que a táboa tivo moi boa aceptación a todos os niveis: tanto por parte dos profesores, como do alumnado, como da sociedade. De feito, a presentación da táboa realizouse cunha xornada na Universidade de Vigo á que acudiron alumnos dos distintos institutos da cidade.

“Falta de delicadeza”

“Está ben facer homenaxes, pero deben facerse con rigor“, asevera sobre a presentación realizada hai unhas semanas en Santiago. Neste sentido, lembra que na entrada principal da Facultade de Química da Universidade de Vigo, con motivo do 150º aniversario da publicación da primeira versión feita por Mendeleiev, leva dende comezo de curso cunha táboa periódica en galego de grandes dimensións. A discreta forma de homenaxe da universidade pioneira na tradución pasou desapercibida, ao seu xuízo, polos organismos promotores da xornada sobre a táboa periódica no Consello da Cultura Galega (CCG).

Pilar define a situación respecto á que se pensaba que era a primeira táboa periódica en galego como “unha falta de delicadeza“. Ademais, asume que as notas de prensa sobre a xornada inducían a erro.  Etiqueta como “sorprendente” o feito de que en ningún momento se faga referencia á primeira táboa publicada. “É unha cousa pública que se atopa en libros de texto e anuarios científicos“, explica.

En canto á proxección da nova táboa, a profesora explica que non ten nada en contra das políticas lingüísticas nin das ensinanzas en galego da Xunta de Galicia, pero vaticina que sen o apoio dos libros de texto, a táboa elaborada polo Consello da Cultura Galega, as Academias da lingua e de ciencias, CienciaNosa e Política Lingüística con motivo do 150º aniversario terá menos difusión.

A pesar de ser a muller pioneira na elaboración deste instrumento, Pilar amósase modesta respecto ao seu traballo. “Eu non inventei a táboa periódica. Está ben dispoñer desta ferramenta en galego, pero o único que fixemos foi recompilar os datos e maquetalos de forma bonita e accesible”, sentencia. O único que pide é o recoñecemento do traballo realizado.

1 comentario

  1. Asi vai a educación en España e o nivel educativo dos colexios e das universidades. A miña filla de 6 anos que ainda esta a aprender a leer e escribir, ten que facer os deberes en galego porque somos a repanocha. Da igual si non sabe diferenciar cando se usa v ou b ou si chega a casa cas fichas mal feitas ou facendo as s o reves….o importante e q falen galego e q sexan uns inutiles……

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.