Xoves 25 Abril 2024

Pilar Bermejo: “A Química debe abordar os grandes desafíos da humanidade”

A secretaria da Real Academia Galega de Ciencias pon de manifesto a necesidade de que as institucións de goberno escoiten máis aos científicos

É unha das dúas mulleres, xunto a Alicia Estévez Toranzo, que forma parte da nova directiva da Real Academia Galega de Ciencias que asumiu o cargo en xaneiro de 2019. Pilar Bermejo Barrera (Santiago de Compostela, 1956), leva cinco anos como decana da Facultade de Química da USC, unha das máis senlleiras do campus compostelán, onde tamén se converteu na primeira muller en asumir o cargo.

Con só 22 anos comezou a impartir clases na universidade, e desde 1991 é catedrática de Química Analítica. Na actualidade dirixe, ademais, o grupo Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación. Ao comezo desta nova etapa, a científica insiste na necesidade de que a Academia se proxecte máis cara á sociedade, para que os científicos sexan tidos en conta na toma de decisións.

Publicidade

– Por que merece Tomás Batuecas ser o Científico Galego do Ano? 

– Tívose moito en conta o ano no que estamos, declarado pola ONU como Ano Internacional da Táboa Periódica. A súa contribución máis importante foi no eido dos pesos atómicos dos elementos químicos, e de feito foi o único español que chegou á presidencia da comisión de pesos atómicos da IUPAC. E Batuecas, desde unha universidade periférica, conseguiu chegar a ese posto. Hai que lembrar que a súa cátedra en Santiago foi a primeira cátedra de Química Física en España, e logo viñeron anos moi escuros para a ciencia, pero el chegou desde aquí. 

A súa contribución máis importante foi a de cambiar a unidade de referencia destes pesos, que hoxe se mantén, sendo relativa ao carbono-12. Non se volveu a cambiar, e todos os científicos do mundo utilizan hoxe esta escala de referencia. É un tema moi transcendente, e iso levounos a recoñecer a Batuecas, en especial neste ano.

– Ata que punto Batuecas creou escola en Santiago? Chega ata hoxe ese camiño que abriu?

– Moita da tecnoloxía e instrumentación que veu despois do traballo de Batuecas foi grazas ao seu traballo. Dentro da Química, a Química Física, que é ao que el se dedicaba, é a que desenvolve os fundamentos teóricos das outras ramas. E iso é esencial. Despois del houbo xente moi relevante que seguiu ese camiño que abriu Batuecas que, sen ningunha dúbida, nos trouxo á situación que temos hoxe.

Foto: Anxo Iglesias.
Foto: Anxo Iglesias.

– Que obxectivos se marca a nova directiva da Academia para este primeiro Día da Ciencia en Galicia co seu mandato?

– Un dos máis importantes, senón o principal, é a de amosar o traballo da Academia ao resto da sociedade. Outra das novidades é a entrega das Medallas de Investigación, para recoñecer o traballo de científicos en activo, e os Premios Ernesto Viéitez. Ademais dos actos habituais da Academia, e dos ciclos de conferencias, que son máis técnicos, queremos facer actividades de divulgación e, sobre todo, saír máis por toda Galicia, non centrarnos tanto na actividade feita desde a sede de Santiago. 

Coa exposición de “Química para un mundo mellor”, que estará durante o mes de outubro no pazo de Fonseca, queremos implicar tamén á xente máis nova. No tempo que vai estar aberta en Santiago, imos intentar que se acheguen alumnos de institutos, sobre todo de Secundaria, para conectar con máis niveis do eido educativo. 

– Estamos nun momento de importantes cambios mundiais; que desafíos ten que responder a Química?

– A Química debe abordar nos grandes desafíos que ten a Humanidade en cada momento, e hoxe tamén ten que ser así. Na actualidade podemos resumilos en varias frontes; o control do medio ambiente, porque non podemos seguir como estamos ata agora, e temos que desenvolver procesos máis limpos e mitigar os problemas ambientais. O problema da auga, que ten tamén alcance mundial, e precisamos métodos de tratamento para que as poboacións máis desfavorecidas poidan ter acceso a eles. O problema dos alimentos: como imos dar de comer a tanta xente, e cada vez máis? Hai que mellorar os fertilizantes, pero reducir os seus impactos. No ámbito dos novos materiais, hai que desenvolver novos sistemas de almacenamento de enerxía, como as baterías, para evitar que se xeren máis residuos. As disciplinas que axudan ao progreso non poden ir soas, cada unha polo seu lado. A economía, a política, e a tecnoloxía teñen que ir xuntas. 

Neste sentido, a nova directiva xa está traballando para asesorar ás Administracións.

– Así é. A Academia ofreceuse ao Parlamento de Galicia para emitir informes baixo demanda  para axudar no que podamos. Como temos membros de áreas de coñecemento moi distintas e diversas, podemos axudar en todo o que sexa preciso.

– É difícil que se escoite aos científicos?

– Non se escoita moito. Desde que os científicos facemos unha publicación, expoñendo un determinado problema, ata que as Administracións Públicas fan caso, e se establezan as regulacións precisas a nivel estatal ou europeo, poden pasar 10 ou 15 anos. A maquinaria político-económica móvese moi despacio, pero hai que seguir traballando para mellorar o lugar no que vivimos. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado