Martes 19 Marzo 2024

O astronauta Pedro Duque visita Santiago este venres

O astronauta Pedro Duque, o primeiro de nacionalidade española que viaxou ao espazo, estará este venres en Santiago de Compostela para inaugurar a feira educativa STEMlab Galicia, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O encontro busca recoñecer os numerosos proxectos que están realizando os centros de ensino galego no eido da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas. Pedro Duque participará no acto de apertura, o venres ás 10.45 horas, e posteriormente visitará os stands da feira e intercambiará impresións cos alumnos e docentes presentes.

18 centros de toda Galicia amosarán as súas iniciativas, e ademais haberá espazos maker destinados a alumnos e as súas familias. Ademais de Pedro Duque, haberá tamén conferencias con científicos de recoñecido prestixio, como Ángel Carracedo e África González. Agárdase a asistencia de máis de 3.000 mozos e mozas durante a xornada do venres. A feira continuará o sábado 21 cunha xornada de formación específica para o profesorado.

Publicidade

En STEMlab haberá exhibicións con robots, drons, prácticas 3D, de programación, clubs de ciencia ou iniciativas vinculadas co espazo, entre outras. E ademais, moitos dos proxectos teñen tamén un relevante uso social, posto que moitos tratan de mellorar o benestar dos cidadáns.

Os 18 centros que expoñerán os seus traballos son o CPI de Atios (Valdoviño), CPI Virxe da Cela (Monfero), IES David Buján (Cambre), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES de Fene (Fene), CPI a Xunqueira (Fene), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES de Meaño (Meaño), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Fraga do Eume (Pontedeume), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Laredo (Redondela), CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), IES Xunqueira II (Pontevedra), CEIP Valle Inclán (O Grove), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte).

Pedro Duque

Pedro Duque, nacido o 14 de marzo de 1963, é enxeñeiro aeronáutico pola Universidade Politécnica de Madrid (Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos) e académico correspondente da Real Academia de Enxeñaría de España desde abril de 1999. En maio de 1992 foi seleccionado para formar parte do Corpo de Astronautas da Axencia Espacial Europea, con base no Centro Europeo de Astronautas en Colonia (Alemaña). Tras prepararse na Cidade das Estrelas de Moscú e en Estados Unidos, Duque converteuse no primeiro astronauta de nacionalidade española en viaxar ao espazo en 1998, e regresou en 2003.

Participou en total en catro voos espaciais, o que o define como especialista na adaptación de experimentos para a súa realización en naves espaciais e na organización de tarefas e procedementos para a súa operación tanto desde terra, como desde o espazo. Despois do seu último voo, a ESA enviouno como Director de Operacións do Centro Español de Apoio a Investigadores e Operacións para a Estación Espacial, adscrito ao Instituto de Microgravedad Ignacio de Riva da Universidade Politécnica de Madrid.

Pedro Duque viaxou ao espazo en 1998 e 2003

Tras uns anos en excedencia, Duque regresou á ESA en 2011, onde retomou o seu posto de astronauta e mantén as cualificacións para un posible novo voo espacial. Actualmente é responsable do control e revisión de proxectos futuros.

Alén da súa carreira profesional, recibiu múltiples recoñecementos tanto en España como no exterior. En marzo de 1995 recibiu a Orde da Amizade de Rusia; en febreiro de 1999 o Rei de España impúxolle a Gran Cruz ao Mérito Aeronáutico; e en outubro dese mesmo ano outorgóuselle o Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional, xunto cos astronautas Chiaki Mukai, John Glenn e Valery Polyakov.

STEMlab está organizada este ano, por primeira vez, pola Consellería de Educación. O evento enmárcase na estratexia Edudixital 2020, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros, e está destinada o potenciar a adaptación dixital dos estudantes galegos en eidos como a robótica, a programación e a impresión 3D.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...