Xoves 28 Marzo 2024

Da pasta de dentes con algas ao bastón con GPS para invidentes

Pasta de dentes con algas, un bastón con GPS para invidentes, caramelos de verduras, a carrilana de tecnoloxía punta ‘Galinercia’ ou un espantallo móbil. Os inventores precoces da Galiciencia responderon á chamada especial do décimo aniversario da maior feira científica de Galicia con proxectos dun nivel excepcional. A observación da realidade cotiá levounos a concibir solucións moi creativas e avanzadas para problemas relacionados coa alimentación, a mobilidade, a accesibilidade, a obtención de enerxía sostible e a seguridade, entre outros. Estes enxeños conviven desde hoxe ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) con estudos sobre o comportamento humano e investigacións sobre o ecosistema, entre outros.

A camiseta con leds que prevén de accientes vasculares.
A camiseta con leds que prevén de accientes vasculares.

A feira científica agarda a visita de máis de 2.000 escolares durante os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre. O certame chega este ano á súa décima edición, de novo coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A Galiciencia rexistra este ano unha cifra récord de proxectos, un total de 74, dos que os 52 de Secundaria compiten polo premio final, mentres que os 22 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A representación máis numerosa procede das provincias de Ourense e Pontevedra, con 23 e 22 proxectos respectivamente. Da Coruña chegaron 14 e de Lugo 9, aos que se suman 4 de Barcelona e 2 de Biscaia.
A carrilana Galinercia.
A carrilana Galinercia.

As solucións innovadoras para facerlle a vida máis fácil ás persoas que teñen necesidades especiais relacionadas coa alimentación son variadas. Alumnos de Ourense desenvolveron caramelos elaborados con verduras aptos para diabéticos e bebidas enerxéticas naturais aptas para alérxicos. Con mostrador de degustación incorporado, un dos equipos de Lugo explícalles aos asistentes os fundamentos físicos e químicos que se agochan detrás das técnicas de cociña molecular máis de moda entre os grandes chefs, como a esferificación e a elaboración de escumas. Pola súa banda, estudantes de Pontevedra idearon un sofisticado sistema de lectores de etiquetas automáticos para identificar alérxenos nos productos do supermercado, adaptado para invidentes a través de alertas sonoras e para varios idiomas. Aínda que o seu prototipo está preparado para ser incorporado ao carro do súper, traballan xa nunha aplicación móbil para que os consumidores o poidan levar nos seus smartphones.
A accesibilidade e a seguridade son tamén temas moi sensibles para os participantes. Alumnos de Santiago e Pontevedra traen dous bastóns TIC, un para peregrinos, dotado de sistema de aviso a emerxencias en caso de perigo, e outro para invidentes, con GPS e detectores de obstáculos a distancia para mellorar a a autonomía dos usuarios. Na seguridade pensaron tamén as alumnas de Ourense que deseñaron un detector de inundacións que permite identificar o perigo a distancia con antelación e reaccionar a tempo.
Os estudantes, nunha charla científica no salón de actos.
Os estudantes, nunha charla científica no salón de actos.

A pasta de dentes elaborada con algas das costas galegas por estudantes de Pontevedra, de alto poder antibacteriano, e a camiseta que nos avisa de risco de problemas cardíacos mentres facemos deporte, deseñada nas Aulas Tecnópole, son exemplos da preocupación pola saúde dos participantes. Nesta mesma liña, un dos equipos vascos congregou a un bo número de visitantes abraiados coa súa representación do que ocorre nos nosos pulmóns cando fumamos.
Das Aulas Tecnópole chega tamén unha plataforma web para móbiles e tablets deseñada para a compravenda de produtos agrícolas a pequena escala sen necesidade de intermediarios, co fin de reducir prezos para os compradores e aumentar a marxe comercial dos vendedores.
A carrilana ourensá de tecnoloxía punta, bautizada como Galinercia, foi unha das atraccións principais durante as primeiras horas da Galiciencia. Coa apariencia dun bólido de Fórmula 1, este vehículo ultralixeiro está construído con fibra de vidro, aceiro de carbono e aluminio usa a tecnoloxía dun monopatín experimental de BMW.
Unha demostración para os escolares.
Unha demostración para os escolares.

O espantallo móbil para viñas respectuoso cos paxaros dun equipo de Santiago, o aproveitamento de belotas para fabricar aglomerados por alumnos de Ourense e o biodixestor doméstico para obter gas de cociña nun camping de estudantes de Barcelona son exemplos da busca de solucións sostibles a demandas moi prácticas.
Entre os estudos sobre o comportamento humano, alumnos de Vigo concluíron a través dos seus experimentos que o consumo de chocolate non inflúe para ben cando facemos xuízos morais, desmontando a súa hipótese inicial, e un equipo de Sanxenxo analizou se é certo que as persoas de ollos claros ven mellor na escuridade.
Nos stands dos equipos de Primaria, dous alumnos de Ponteceso presentan o seu remedio caseiro contra as picaduras de ortiga e alumnas de Vigo demostran que as cervexas “sen” realmente non levan alcol, entre outros proxectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

Bolígrafos de tinta natural e mans biónicas: entre os 100 proxectos do alumnado en Galiciencia

A maior feira científica de Galicia conta con 4.800 participantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato