O profesor dla Universidade de Santiago de Compostela Nestor Armesto.
O profesor dla Universidade de Santiago de Compostela Nestor Armesto.

Outro galego no templo da investigación

O profesor do Departamento de Física de Partículas e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Néstor Armesto súmase ó templo da investigación internacional. Armesto integrará o grupo de Coordinación do proxecto LHeC, que estudará nos próximos catro anos, de 2014 a 2017, o potencial científico e a posible realización técnica dun colisionador entre protóns ou ións e electróns e os seus detectores asociados, co acelerador de partículas do CERN (LHC) e os futuros aceleradores de protóns ou ións que se puidesen construír neste tempo. O grupo intégrano nove persoas, das que soamente dous son físicos teóricos, un deles o profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto LHeC permitirá valorar a construción dun acelerador de electróns no CERN para mediados da década de 2020. Estes electróns faríanse chocar con protóns ou ións que se aceleran actualmente no LHC, constituíndo un experimento –denominado de dispersión inelástica profunda– que permitiría tanto analizar protóns e núcleos cunha precisión nunca antes alcanzada, como examinar as propiedades do bosón de Higgs recentemente descuberto. De facerse realidade, constituiría o experimento de análise da estrutura da materia de maior resolución xamais construído.

De facerse realidade, constituirá o experimento de análise da materia de maior resolución

O traballo de Néstor Armesto estaría vinculado igualmente coa construción dun acelerador de proba no CERN dotado dunha tecnoloxía nova, a chamada energy recovery, que se empregaría no acelerador de electróns. Néstor Armesto participa dende 2008 no desenvolvemento de diversas aspectos deste proxecto, no que tamén foi responsable do grupo de traballo de Física de baixo x, ademais de contar con múltiples traballos no campo das colisións entre ións pesados ultrarrelativistas como membro do grupo de Fenomenoloxía da USC xunto con Elena Ferreiro, Carlos Pajares e Carlos Salgado. O inicio dos traballos desta nova etapa do LHeC producirase no marco dun obradoiro os días 19 e 20 de xaneiro próximos.

O CERN, situado aos arredores de Xenebra, é a capital do mundo da investigación. A actividade máis importante desenvólvese cen metros baixo terra, onde se buscan respostas a algúns dos interrogantes máis insistentes do Universo. Trátase de contestar á pregunta sobre a composición da materia, de desvelar a misteriosa materia escura que representa a cuarta parte do cosmos e que se intúe analizando a rotación das galaxias e de coñecer que sucedeu nos instantes que seguiron ao Big Bang para que a natureza se comporte da forma que percibimos.

Uns 500 científicos españois, entre físicos, enxeñeiros e técnicos de todo tipo, traballan o o CERN, unha institución que este ano cumprirá 60 anos. Entre ese medio millar de españois abundan os galegos. Néstor Armesto sumarase a investigadores como Xavier Cid Vidal, un dos últimos en incorporarse, e Mar Capeáns, a primeria española no equipo permanente do centro.

Cid Vidal fixo a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela. Tras lela, en outubro do ano pasado, trasladouse ao centro de investigación europeo, onde permanecerá tres anos. Traballa no experimento LHCb, un detector moi específico, que se encarga de buscar unha resposta á pregunta de por que a materia reina no Universo, moi por enriba da antimateria. O récord de permanencia galega no CERN márcao Mar Capeáns. Nacida en Santiago e doutora en Física, Capeáns trasladouse ao centro de investigación europeo grazas a un programa de estudantes. Participou no deseño e construción do detector ATLAS e agora encárgase de investigar novos proxectos para mellorar o acelerador. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.