Xoves 28 Marzo 2024

Os posdoutorais esixen á Xunta que convoque prazas “coa maior premura posible”

O colectivo advirte que os retrasos acumulados en anteriores convocatorias, unidos á pandemia, deixa no aire durante meses o seu traballo

O colectivo de investigadores e investigadoras posdoutorais beneficiarios dos contratos de investigación da Xunta de Galicia, que a comezos de outubro reclamaba á Administración autonómica a convocatoria das axudas do ano 2020 ante a incerteza cos seus contratos, difundiu este luns un novo comunicado para solicitar “que se outorgue continuidade” aos proxectos e labores docentes” de 37 científicos e científicas afectados por esta situación.

Tal e como lembra o comunicado, durante o estado de alarma a Xunta de Galicia prorrogou  os contratos dos investigadores ata final de ano, co obxectivo de paliar a os efectos da crise sanitaria, que interrompeu os proxectos e as estadías de moitos dos afectados. E aínda que esta prórroga, maior cá concedida polo Goberno central, permitiu a continuidade dos proxectos nestes meses, ábrese agora a incerteza ante a posibilidade de que o contrato se vexa interrumpido ata que se resolva a vindeira convocatoria, non antes de febreiro de 2021, segundo advirten.

Publicidade

Un calendario alterado pola pandemia e os retrasos

Os beneficiarios das axudas posdoutorais da Xunta de Galicia veñen reclamando desde hai anos a mellora das condicións nas que se tramitan as convocatorias. En 2019, 34 científicos e científicas denunciaban como a “falta de previsión” da Consellería de Educación e Axencia Galega de Innovación (GAIN), que xestionan estes contratos, provocou un salto entre convocatorias de seis meses.

O problema, que afectaba tamén a persoal con permiso de maternidade ou paternidade, solucionouse nese momento con contratos ponte, mais volve agromar ao non publicarse neste 2020 esta liña de contratos. Ademais de deixar no aire durante polo menos dous meses, segundo as primeiras previsións, o contrato dos investigadores que pasan da Modalidade A (primeiros tres anos do posdoutoramento) á Modalidade B (dous últimos anos), a non convocatoria impide ás persoas que este ano podían iniciar a súa formación posdoutoral presentarse a estes contratos. Un escenario que, segundo denunciou o colectivo, abría a porta á “fuga de cerebros” na procura de oportunidades noutros países.

A incerteza cos contratos da Xunta abre a porta á fuga de cerebros de Galicia

“Pese a sucedido en convocatorias anteriores, a Xunta de Galicia mantén que a próxima convocatoria á que deben concorrer estas persoas (continuación dos contratos que disfrutan actualmente, dado que só se poden presentar na convocatoria que segue á finalización dos seus contratos actuais) non sairá publicada antes do mes de febreiro, e que en todo caso se espera que se publique “na primeira metade do ano 2021”, avanza o colectivo afectado.

“Isto significa que estas persoas verán interrompidas de novo as súas labores tanto docentes coma investigadoras, pola falta de previsión da Xunta de Galicia”, lamentan. Ademais, ao impartir docencia nas universidades donde traballan, “isto implica ademais que nunha situación na que o profesorado universitario se atopa ao límite da súa capacidade docente debido á situación de semipresencialidade no que se atopan gran parte das asignaturas impartidas, as tres universidades galegas experimentarán unha sobrecarga engadida nos departamentos ós que pertencen estas persoas durante varios meses”.

Falta de resposta

O colectivo sostén que, “aínda que as persoas afectadas solicitaron de maneira reiterada, individual é colectivamente, reunirse cos responsables do programa posdoutoral da Xunta para tratar estes problemas, dende o Goberno galego non se deu resposta a esta petición”.

Ante a falta de resposta, estas persoas “vense agora obrigadas a esixir de maneira pública á Xunta de Galicia que se outorgue continuidade ós seus proxectos e labores docentes, convocando e resolvendo a próxima convocatoria de contratos posdoutorais coa maior premura posible, e que o salto producido entre o fin dos seus contratos e o inicio dos seguintes se sufrague con contratos-ponte, como se fixo en anos anteriores”, do mesmo xeito que esixen solución para as persoas que dispuxeron de permisos de maternidade, na liña do recentemente respaldado nunha recomendación por parte da Valedora do Pobo.

O colectivo conclúe o seu texto reflexionando que “estas persoas son investigadoras e investigadores de alto nivel, que completaron dous anos de estadía financiados pola Xunta de Galicia en centros internacionais de reconocido prestixio, e o seu retorno e estabilización asegura que a inversión realizada neles/as repercuta na sociedade galega”. E lamentan que “as políticas de abandono que a Xunta practica ano tras ano con estes colectivos son de especial gravidade nun marco coma o que estamos a vivir debido á crise sanitaria producida pola Covid-19, no que os esforzos por conservar o talento investigador e por rentabilizar as inversións en ciencia deberían de estar maximizados”.

Rexeitamento no Parlamento

Hai un mes, o asunto debateuse na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Galego a raíz de iniciativas presentadas por BNG e PSdeG, que solicitaban a convocatoria destas axudas no 2020. Porén, os votos da maioría do PPdeG rexeitaron esta posibilidade, ao argumentar que as prórrogas dos contratos cubrían ata final de ano o traballo dos investigadores e investigadoras.

Neste sentido, a Rede Galega pola Investigación (Investigal), manifestou nese momento a súa “sorpresa” ante o rexeitamento desta iniciativa. “A escusa da prórroga dos contratos non serve de argumento para non convocar a Modalidade A, xa que esta axuda está orientada para que os/as novos/as doutores/as (cerca de 400 por ano en Galicia) poidan iniciar a súa etapa posdoutoral”, criticaba Investigal.

Isto provoca, segundo denuncian, que “a maior parte destes investigadores xa defenderon a súa tese doutoral para acadar o estatus de doutor/a, polo que os seus contratos non foros prorrogados en ningún caso”, e agora non dispoñen da opción das axudas á formación posdoutoral para continuar a súa carreira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.