Carlos Lago, coautor de
Carlos Lago, coautor de "Os números do gol". Foto: Duvi.

“Os números do gol”: un libro sobre a estatística no fútbol

“En que aspectos do xogo é mellor Cristiano Ronaldo que Messi? Córrese menos cando se disputan dous partidos á semana? Como inflúe firmar un novo contrato no rendemento dos xogadores?”. Estas son tres das preguntas que abren os diferentes capítulos de Los números del gol, o libro que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo Carlos Lago realizou xunto ao investigador da Universidad Politécnica de Madrid Miguel Ángel Rómez Ruano. Preguntas que serven aos autores como exemplos prácticos de diferentes ámbitos nos que a análise de datos pode converterse nunha ferramenta de apoio na toma de decisións por parte dos equipos técnicos. “O obxectivo é trasladar dunha forma moi accesible e moi comprensible algúns fundamentos de estatística baseados en conceptos reais”, explica Lago dun manual que busca amosar como a aplicación de diferentes técnicas de análise de datos poden converter unha serie de cifras en información útil para “tomar mellores decisións”.

Dirixido tanto a adestradores ou preparadores físicos como a estudantes ou titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Los números del gol. Como ayudar a tomar decisiones en el fútbol a partir del análisis de datos aborda aspectos como “saber deseñar perfís de rendemento, para que se pode utilizar un coeficiente de variación, para que serven os cuartís, como facer unha anova…, é dicir, probas estatísticas máis ou menos sinxelas e habituais”, explica Lago. Mais sempre, engade, co propósito de “tratar de saber que problemas podo resolver ou que información podo obter con cada técnica”. Con esa idea, os autores mantiveron en cada capítulo unha estrutura que parte primeiro dunha pregunta referida a un “exemplo moi práctico”, para logo abordar “de forma moi didáctica que técnica hai que utilizar, como e por que”.

A análise de datos, un campo con futuro

“A cantidade de información que pode manexar hoxe en día un técnico é extraordinaria”, sinala Lago, que incide en como o uso de dispositivos de recollida de datos como GPS ou pulsómetros, sumados “a que hai tamén moitas empresas que ofrecen datos de rendemento técnico e táctico”, aumentaron en gran medida o volume de datos que poden ter ao seu dispor os equipos técnicos. Datos que fan necesario “dominar unhas técnicas que permitan a súa interpretación”, como destaca Lago, que incide nese senso en que a análise de datos aplicada a deportes como o fútbol constitúe hoxe en día “unha das vías onde máis se vai desenvolver o labor no campo profesional”.

Sustentado en investigacións propias

O libro que nas súas primeiras semanas no mercado sitúase entre os libros máis vendidos no apartado de literatura deportiva no portal Amazon España, entre os que figura tamén o anterior libro de Carlos Lago Cortita y al pie, constitúe así mesmo unha mostra de transferencia, un intento, sinala, de “trasladar aos técnicos, ás persoas que están a pé de céspede, os coñecementos que imos acumulando coa investigación no ámbito universitario”. De feito, as preguntas que introducen cada capítulo teñen como punto de partida diferentes investigacións desenvolvidas por Lago e Gómez Ruano, de tal xeito que o apartado final de cada capítulo céntrase en intentar dar unha resposta a esas preguntas a partires dos estudos realizados, unha vez explicada técnica de análise de datos empregada “para chegar a esas respostas”.

Así por exemplo, no apartado dirixido a amosar como realizar, nunha folla de cálculo, “perfís nos que se introduzan diferentes aspectos técnico-tácticos de ataque e defensa”, esta cuestión exemplifícase abordando, a partires da pregunta inicial, en que aspectos do xogo os datos amosan que son mellores Messi ou Cristiano Ronaldo. “Messi, por exemplo, ten unha porcentaxe de éxito nos lanzamentos máis alta e a súa porcentaxe de pases con éxito é tamén máis elevada, pero, non obstante, a participación de Cristiano Ronaldo en defensa é máis alta, con máis interceptacións”, explica Lago, que, non obstante subliña que, máis aló de ver “quen é mellor ou peor”, a análise de datos permite “comparar moitas facetas de xogo e isto é o que nos axudará a identificar fortalezas e debilidades concretas que poidan ser melloradas”. Trátase, engade, de abordar “preguntas concretas do adestramento” respecto das que “tentamos dar unha ferramenta aos adestradores coa que poder transformalas nalgo computable”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.