Sábado 20 Abril 2024

Os castrexos eran máis labregos que guerreiros

Brais X. Currás.
Brais X. Currás.

O día a día das comunidades castrexas na Idade do Ferro tiñan moito máis que ver co traballo da terra que coa guerra, como defenden os postulados das sociedades célticas, de carácter guerreiro e fortemente xerarquizadas. A esta conclusión chegou o historiador Brais X. Currás, que estudou na súa tese doutoral a evolución da estrutura social e territorial das comunidades do Baixo Miño entre a Idade do Ferro e a integración no Imperio Romano.

Os resultados do traballo rompen cos esquemas tradicionais que falaban dunha estrutura xerarquizada e presentan un modelo alternativo –que o autor define como segmentario– para entender o funcionamento da Idade do Ferro e que supón unha nova forma de aproximación ás sociedades que habitaron os castros á vez que revela o impacto totalmente transformador que supón a chegada de Roma.

Publicidade

No val do Baixo Miño atopáronse 450 castros, minas de ouro e poboados romanos

Para o traballo, dirixido por Pedro López Barja de Quiroga (USC) e Almudena Orejas Saco del Valle (CSIC) e realizado no grupo de investigación do CSIC ‘Estrutura social e territorio-arqueoloxía da paisaxe’, levouse a cabo un estudo arqueolóxico na totalidade do tramo galaico-portugués do val do Baixo Miño que derivou na creación dun amplo catálogo con máis de 450 sitios arqueolóxicos, entre castros, asentamentos romanos e minas de oro.

Sen diferenzas de clase

A paisaxe política dos castros de comezos do primeiro milenio antes de Cristo estrutúrase como una repetición de pequenas aldeas campesiñas, autónomas e autosuficientes, sen xerarquías respecto a centros de poder ou lugares centrais. Deste modo, constitúense como unidades políticas en si mesmas e non existe ningún nivel de integración político-territorial situado nun plano superior.

Á súa vez, cada castro componse por unidades domésticas, tamén autónomas e autosuficientes, que acceden en pé de igualdade aos medios de produción, “o que quere dicir que cada familia e cada grupo doméstico podían acceder directa e libremente á terra, sen depender de ninguén”, explica Currás. Sería polo tanto unha sociedade sen diferenzas de clase, “aínda que si poderían existir outras formas de desigualdade como as de xénero, especializacións funcionais ou diferenzas relixiosas”.

A partir de s. II a.C. a estrutura segmentaria da Idade do Ferro comeza a transformarse como consecuencia directa da progresiva irrupción do poder da Roma do final da República. O historiador observa importantes mudanzas nas formas de vida e na organización social destas comunidades, como o xurdimento de grandes castros (Santa Trega ou San Cibrán de Las) e a aparición da plástica castrexa e as estatuas de guerreiro. “Constátase así –explica Currás–que todos estes cambios non responden a unha evolución interna das sociedades dos castros senón que son unha resposta local ás mudanzas que chegan desde o exterior”.

Coa irrumpción de Roma aparecen a minería e os grandes poboados castrexos

O Principado de Augusto trae consigo a conquista definitiva do Noroeste e o comezo do proceso de provincialización. Unha das mudanzas máis destacadas é o comezo da explotación extensiva dos recursos auríferos do val do Miño por parte de Roma. Precisamente a tese documentou un gran número de labores mineiras que aparecen ao longo de todo o val e que ata agora eran fundamentalmente inéditas.

A investigación analizou tamén o impacto da implantación da industria de salgadura en época romana. A partir dunha revisión das escavacións realizadas na zona de Vigo durante os últimos anos conseguiuse unha imaxe global das saíñas documentadas na zona do Areal.

Como resultado da implantación da administración provincial de Roma, as formas de organización social da Idade do Ferro desaparecen totalmente nun curto período de tempo. “Os castros son abandonados e paulatinamente vanse creando pequenos asentamentos no fondo do val dando paso a un sistema social estratificado, onde existen marcadas desigualdades de clase e formas de tributación”, engade Currás.

Coa provincialización de Roma aparecen as desigualdades sociais nos castros

O carácter transfronteirizo desta tese pon en evidencia a unidade histórica do val, e podería funcionar como base para o desenvolvemento de futuros proxectos de cooperación entre os dous países que sirvan para a posta en valor conxunta do patrimonio compartido. O estudo comprende varios concellos tanto da parte galega (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Ponteareas, Mondariz, Salvaterra do Miño, As Neves, Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente) como portuguesa (Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Paredes de Coura, Monção y Melgaço).

Brais X. Currás (Moaña, 1981) é licenciado en Historia pola USC e desde 2006 traballa como investigador no Departamento de Arqueoloxía do CSIC en Madrid, no que ten participado en varios proxectos de investigación nacionais e internacionais. Realizou estadías nas universidades de Toulouse, Oxford e Durham centrando a súa liña investigadora no estudo da evolución da organización social e territorial entre a Idade do Ferro e Roma en diversas zonas do noroeste da Península Ibérica. De forma particular, ten traballado na análise da minería aurífera romana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204