Venres 29 Marzo 2024

Os alumnos de Tecnópole arrasan no maior certame científico de España

Os alumnos e alumnas das Aulas Tecnópole arrasaron esta fin de semana no maior certame científico de España, a Exporecerca Jove. Os seus proxectos foron merecedores do primeiro e do terceiro premio, ademais dun accesit, o que os levará á principal feira científica de Europa e a un dos eventos de referencia neste eido en Latinoamérica. A eles sumáronse, co segundo premio, os gañadores da Galiciencia 2015, estudantes de Biscaia, que viaxarán tamén a Brasil para presentar o seu proxecto. Todos eles competían con 110 proxectos de nove nacionalidades.

Iria e Clara, co seu traballo premiado.
Iria e Clara, co seu traballo premiado.

As Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, amplían así o seu historial de recoñecementos ao longo dos últimos anos, que levaron aos seus alumnos a certames en Los Ángeles, Eslovaquia e Ámsterdam, entre outros.

Publicidade

Clara Mingyue López e Iria Ollero gañaron o primeiro premio da categoría de segundo ciclo da ESO na Exporecerca, celebrada ao longo dos tres últimos días en Barcelona, co seu kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética. As alumnas desenvolveron o seu propio prototipo utilizando a impresión en 3D e cun custo moi inferior aos dispositivos destas carácterísticas que existen no mercado. Grazas a este galardón, Clara e Iria mostrarán na Expo-Sciencies Europe, que terá lugar en xullo en Toulouse (Francia), a segunda fase do seu proxecto, que consiste en realizar probas nos centros educativos para avaliar se se cumpre o obxectivo de mellorar a aprendizaxe dos estudantes de Secundaria sobre xenética grazas ao uso deste kit.

Ademais deste galardón, o proxecto de Iria e Clara levou tres premios especiais, outorgados por entidades colaboradoras no certame: a Fundación Ciència en Societat, o diario Ara e a empresa RICOH American Corporation.

A Galiciencia amosa a súa forza co seu éxito nos certames fóra de Galicia

O sistema de análise da calidade do aceite usado en freidoras que desenvolveron Martín Ansia e Miguel Rodríguez logrou o terceiro premio da categoría de primeiro ciclo da ESO na Exporecerca, dotado coa participación na feira científica que terá lugar en novembro na localidade brasielira de Natal. Botando man da espectrofotometría, estes dous inventores son capaces de determinar cando o aceite debe ser substituído para evitar as alteracións químicas provocadas por unha reutilización excesiva que resultan tóxicas para o consumo. Das súas análises despréndese, como norma xeral, que o aceite que se usa a un ritmo de tres veces por semana non debe conservarse máis de tres semanas na freidora.

Ademais, Juan Carlos Navares levou un accesit que lle permitirá defender na Feira da Ciencia de Jerez de la Frontera (Cádiz) a súa aplicación móbil de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, deseñada co obxectivo de reducir os prezos para os compradores e aumentar as ganancias dos vendedores. Esta ferramenta presenta como principal novidade a súa especialización no mercado agrícola, aínda sen cubrir por outras aplicacións xa existentes.

Martín Ansia e Miguel Rodríguez.
Martín Ansia e Miguel Rodríguez.

O innovador sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos, gañador absoluto da Galiciencia 2015, logrou o segundo premio da Exporecerca na categoría de segundo ciclo da ESO. O proxecto de Ander Aguiriano, Jon Andoni Bretón, Sue González e Asier Rementería, da Lauro Ikastola (Loiu, Biscaia), acudiu ao certame catalán grazas ao galardón obtido en Ourense e a finais deste ano acudirá á feira científica de Fortaleza, en Brasil.

A exitosa traxectoria das Aulas Tecnópole na maior feira científica estatal vén xa desde os seus inicios. Na edición de 2014, o sistema de detección de chuvia aceda en solos e plantas e os métodos para contrarrestar os seus efectos desenvolvido nas Aulas Tecnópole por Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero conquistaron ao xurado da Exporecerca, o que os levou a presentar o seu proxecto na Intel International Sciencie and Engineering Fair, unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario, que tivo lugar en Los Ángeles (EE.UU.). Con este mesmo traballo, gañaron tamén o segundo premio do certame “Jóvenes Investigadores 2014”, convocado polo Instituto da Xuventude do Goberno español.

O ano anterior, este mesmo equipo conseguira outro premio na Exporecerca polo seu estudo sobre a fertilidade dos solos queimados e o deseño de estratexias para recuperalos, mentres que en 2012 fora premiado o detector de radiacións caseiro realizado por Iria Míguez e Alba Cortés, o que lles valeu a súa participación na feira de ciencias celebrada en Bratislava (Eslovaquia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

Bolígrafos de tinta natural e mans biónicas: entre os 100 proxectos do alumnado en Galiciencia

A maior feira científica de Galicia conta con 4.800 participantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato