Mércores 24 Abril 2024

Científicos españois converten as ondas ‘wifi’ en electricidade

Un equipo do MIT e a Politécnica de Madrid consegue transformar en corrente continua o sinal sen fíos grazas a unha antena especial

O que acaban de publicar en Nature un equipo de científicos dirixidos polo investigador español do Massachusetts Institute of Technology (MIT), Tomás Palacios, e con participación da Universidad Politécnica de Madrid, podería rachar no futuro coas limitacións actuais que temos á hora de recibir enerxía eléctrica para as nosas actividades cotiás. “Un mundo – di o propio MIT para explicar a relevancia deste estudo – onde os teléfonos, portátiles, ‘wearables’ e outros aparellos electrónicos puideran funcionar sen baterías“. Isto é o que aborda un dispositivo flexible que é capaz de converter a enerxía do sinal wifi en electricidade para alimentar estes aparellos.

O aparello, apodado como “rectena” (acrónimo de rectifying antenna, en inglés), é quen de capturar e transformar a corrente alterna das ondas electromagnéticas, como as da wifi, sen fíos, en electricidade de corrente continua. Os investigadores conseguiron usar esta antena flexible para coller as ondas e enviar a súa corrente alterna a un semicondutor de disulfuro de molibdeno (MoS2) de só tres atómos de grosor e convertela así en fonte de alimentación para circuítos electrónicos.

Publicidade

O investigador Tomás Palacios, do MIT. Foto: mtl.mit.edu.
O investigador Tomás Palacios, do MIT. Foto: mtl.mit.edu.

Deste xeito faríase posible que dispositivos capturen e transformen de forma pasiva os sinais wifi sen precisar batería, alimentándose precisamente dunha fonte que cada vez abunda máis na nosa vida diaria. O traballo destaca tamén a flexibilidade e a facilidade da súa fabricación en rollos para abranguer áreas moi grandes.

Tomás Palacios, profesor de Enxeñaría Eléctrica e Computación no MIT, pregúntase: “Que pasaría se puideramos desenvolver sistemas electrónicos capaces de cubrir unha ponte, unha estrada ou as paredes da nosa oficina, levando a intelixencia electrónica a todo o que nos rodea?”. Engade o investigador que se trata “dunha nova forma de alimentar os sistemas electrónicos do futuro, mediante a captura das ondas wifi de xeito que se pode integrar facilmente en grandes áreas para levar esta intelixencia a cada obxecto que nos rodea”. Esta nova “rectena” podería alimentar, por tanto, a aparellos electrónicos flexibles e portátiles e a sensores para o Internet das cousas (IoT).

Nos experimentos realizados polos científicos, comprobouse que o dispositivo pode producir uns 40 microvatios de potencia cando se expón aos niveis habituais do sinal wifi (uns 150 microvatios). Unha enerxía suficiente para encender un LED ou un chip de silicio.

Outra das posibles aplicacións estaría na xeración de enerxía para transmitir datos en dispositivos médicos implantables, segundo destacou Jesús Grajal, da Politécnica de Madrid, e coautor do estudo. De feito, a investigación xa traballa no desenvolvemento de pílulas que poden ser inxeridas polos pacientes e que teñen a capacidade de transmitir datos de saúde, para rexistrar nun computador e realizar diagnósticos. Esta tecnoloxía permitiría evitar o risco de que os sistemas con baterías de litio poidan contaminar ao paciente; “é moito mellor recoller enerxía do ambiente para encender estes pequenos ‘laboratorios’ dentro do corpo e transmitir os datos”, di Grajal.

Referencias: Two-dimensional MoS2-enabled flexible rectenna for Wi-Fi-band wireless energy harvesting. (Nature, 28 de xaneiro de 2019).

Podes ler máis información (en inglés) na web do MIT.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As comunidades enerxéticas renovables chegan ao sector agroalimentario

A planta fotovoltaica instalada nunha granxa de Mazaricos cobre o 35% das súas necesidades enerxéticas e abastece a cooperativas gandeiras da zona

O foco eléctrico de López de Neira en Vigo

En 1880, o industrial trouxo de París unha potente lámpada que sorprendeu aos seus concidadáns

Pero por que gasta tanta electricidade Bitcoin?

A procura do 'consenso' é en boa medida a responsable, pero existen alternativas e incentivos para abordar a transición a blockchains máis eficientes

O cambio de hora aforrará un 0,4% en electricidade en Galicia

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) fai un cálculo do aforro enerxético do adianto dos reloxos e a chegada esta fin de semana do horario de verán