O obxecto interestelar 2I/Borisov. Fonte: Gemini Observatory/NSF/AURA.
O obxecto interestelar 2I/Borisov. Fonte: Gemini Observatory/NSF/AURA.

Detectan por segunda vez na historia un obxecto interestelar

A Unión Astronómica Internacional confirma que o cometa 2I/Borisov, que acada en decembro o seu perihelio, vén de fóra do sistema solar

Despois do fito (e o misterio) que supuxo a detección de Oumuamua, un equipo de astrónomos acaba de confirmar o que xa é o segundo obxecto interestelar descrito na historia. Así o confirmou a Unión Astronómica Internacional (IAU) nun comunicado, onde afirma a “inequívoca” orixe interestelar do obxecto. onde se detalla tamén o nome que recibiu: 2I/Borisov, na honra do seu descubridor, Gennady Borisov, un astrónomo afeccionado que a finais de agosto o detectou desde Crimea cun telescopio de apenas 65 centímetros de diámetro.

Nun primeiro momento, recibiu o nome de C/2019 Q4 (Borisov), atendendo á inicial de cometa (C), o ano do descubrimento, un código alfanumérico e o nome do descubridor. Mais despois de que se comunicase o seu achado, científicos de todo o mundo contrastaron os datos ata confirmar que se trataba dun obxecto interestelar.

Cando se albiscou o interese deste obxecto, moitos telescopios do planeta xiraron as súas lentes cara a el. Na madrugada do 13 de setembro, o instrumento Osiris do Gran Telescopio Canarias (GTC), na illa de La Palma, obtivo imaxes e espectros do corpo. “Trátase dun obxecto de aparencia cometaria, con coma e cola ben definidas”, explicou o científico Miquel Serra Ricart. A súa compañeira Julia de León engadiu que “o espectro é do mesmo tipo que o que amosan os cometas do noso sistema solar, o que claramente indica que ten unha composición semellante”.

Nas vindeiras semanas, o 2I/Borisov seguirá achegándose ao Sol, cuxo campo gravitatorio desviará lixeiramente a súa traxectoria. Porén, unha vez acadado o perihelio en decembro, comezará a afastarse e non regresará nunca máis.

En apenas dous anos, Oumuamua e Borisov supuxeron os dous primeiros obxectos interestelares descritos na historia, grazas ás enormes melloras nos aparellos de detección. Pero os datos apuntan, con todo, a que estes visitantes, que se formaron noutro sistema solar e escaparon del, son máis habituais do que se cría.

Así é o obxecto interestelar 2I/Borisov

Segundo as investigacións realizadas ata o momento,o cometa está achegándose ao Sol e acadará o seu perihelio o 8 de decembro, situándose a uns 300 millóns de quilómetros (arredor do dobre da distancia media entre a Terra e o Sol). Viaxa a uns 150.000 quilómetros por hora e ten entre 2 e 16 quilómetros de diámetro.

As análises da súa composición química apuntan a que tamén é semellante aos cometas de período longo orixinados dentro do noso sistema solar, na coñecida como Nube de Oort.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.