Xoves 28 Marzo 2024

O solo de Galicia é o que absorbe máis CO2, con 500 millóns de Tm de carbono

O solo de Galicia é o que máis CO2 absorbe en España, con 11,4 quilos de carbono por metro cadrado, moi por riba da media do Estado, que está no 8,7. Estes datos proveñen dun estudo de 2014, con cen investigadores, liderado pola Universidade Autónoma de Barcelona. As consecuencias son óptimas para conter o cambio climático, xa que o solo dos bosques acumula así dióxido de carbono, o principal gas responsable do efecto invernadoiro e do quecemento global.

Luís Rodríguez (primeiro pola dereita), Marcela Rial (sentada, terceira pola dereita) e Antonio Martínez (de pé, segundo pola dereita) cos membros do grupo de investigación.
Luís Rodríguez (primeiro pola dereita), Marcela Rial (sentada, terceira pola dereita) e Antonio Martínez (de pé, segundo pola dereita) cos membros do grupo de investigación.

En España, os solos forestais acumulan 2.544 millóns de toneladas de carbono. E agora, grazas a un estudo da Universidade de Santiago, sabemos que a quinta parte destas reservas están en Galicia. Investigadores do Departamento de Ciencia do Solo e Química Agrícola da USC identificaron os factores que inflúen na acumulación do carbono orgánico no chan en Galicia e crearon un modelo estatístico para estimar a cantidade almacenada nos solos. E cifran en 500 millóns de toneladas o carbono retido nos solos galegos.
O Protocolo de Kioto recoñece a capacidade do solo como sumidoiro de carbono para secuestrar ou fixar CO 2 atmosférico e a súa importancia na loita contra o cambio climático. A cantidade de carbono orgánico almacenado nos solos, coñecido como ‘stock de carbono’, pode ser incorporado nos inventarios de carbono dun país e compensar as súas taxas de redución de emisións á atmosfera, sempre que os stocks fosen cuantificados e acreditados mediante técnicas transparentes e verificables.

Un aumento da temperatura media podería revertir o proceso e liberar CO2

Os investigadores Luis Rodríguez Lado, Marcela Rial Tubio e Antonio Martínez Cortizas empregaron técnicas de estatística multivariante para establecer as relacións entre o contido de carbono nos solos e unha serie de variables ambientais, e realizar un mapa do carbono acumulado nos 30 centímetros superficiais do chan. Este mapa, cunha resolución espacial de 25 m/pixel, “é o máis completo e preciso feito ata agora en España, e mostra claramente as diferenzas na distribución do contido de carbono orgánico nos solos desta comunidade”, explica Luís Rodríguez.

Os solos de Galicia acumulan máis de 500 millóns de toneladas de CO2.
Os solos de Galicia acumulan máis de 500 millóns de toneladas de CO2.

“Sabemos que a variabilidade espacial das concentracións de carbono orgánico é o resultado dunha combinación de factores climáticos, usos do solo e substrato xeolóxico. Descubrimos que o peso destes factores non é equivalente, actuando con intensidades e a escalas espaciais diferentes” di o doutor Rodríguez Lado. No desenvolvemento deste traballo utilizaron técnicas de regresión en estruturas latentes (PLS), un método estatístico comunmente usado en espectroscopia, para comprender como estes factores poden explicar as diferenzas nas concentracións de carbono orgánico observados na área de estudo.
Dentro do proxecto creouse tamén un ‘Atlas Climático’ en formato dixital para estudar os efectos do clima sobre a distribución das propiedades do solo, concluíndo que a taxa de precipitación é o factor ambiental que exerce maior influencia na acumulación de carbono orgánico. “ O clima actúa a escala rexional, de xeito que as áreas con maiores índices de precipitación, balance hídrico positivo e con períodos de sequía curtos ou nulos son aquelas que presentan solos con máis carbono”, explican os investigadores. Así, “unha diminución nas taxas de precipitación e un aumento das temperaturas, tal e como indican os escenarios de cambio climático previstos para o sur de Europa, poden provocar unha mobilización do carbono almacenado nos solos cara á atmosfera, aumentando aínda máis máis o efecto do cambio climático”, engaden á vista do traballo desenvolvido.

Publicidade

O estudo creou un mapa do carbono e un modelo estatístico para calculalo

No Ano Internacional dos Solos, este estudo revela que os sistemas edáficos de Galicia acumulan uns 550 millóns de toneladas de carbono, o que destaca a súa importancia como sumidoiro de carbono atmosférico e a necesidade dunha xestión sostible do territorio a fin de evitar a mobilización desta cantidade de carbono á atmosfera. O grupo ES2Sistema Terra’, coordinado polo profesor Antonio Martínez Cortizas, traballa no desenvolvemento de técnicas estatísticas para explicar, predicir e simular sistemas bioxeoquímicos terrestres. O grupo de investigación sinala tamén que a metodoloxía estatística utilizada neste traballo é transferible a outras áreas xeográficas, polo que os resultados deste proxecto poderían servir de base para a creación dun inventario definitivo de carbono orgánico do solo a nivel nacional. Os resultados preliminares do proxecto pódense consultar no servidor de mapas localizado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no enderezo http://rgis.cesga.es/solos/solos.html.
O traballo vén de ser publicado na revista internacional con revisión por pares Geoderma e forma parte dos resultados obtidos no ámbito do proxecto ‘Establecemento dun sistema experto de base tecnolóxica para a cuantificación das propiedades dos solos en Galicia’, financiado pola Xunta de Galicia dentro do programa para investigadores Emerxentes-2011 (EM2012/060), no que Luis Rodríguez Lado é o investigador principal. Un segundo estudo, dentro do mesmo proxecto, foi recentemente publicado na revista internacional Science of the Total Environment e mostra a capacidade das técnicas espectroscópicas para estimar e cartografiar a cantidade de carbono contido nos solos de Galicia.

1 comentario

  1. Sería moi interesante achegar datos máis concretos. Onde hai máis materia orgánica, por que, como inflúen as plantacións de monocultivos ou os bosques galegos,…?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.