Xoves 25 Abril 2024

O satélite vigués Serpens trae datos dende a Antártida a Galicia

A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo vén de marcar un novo fito no desenvolvemento da constelación HumSAT ao establecer unha conexión coa base antártica Gabriel de Castilla, dende onde se reciben datos meteorolóxicos diarios na estación de seguimento do campus de Vigo. Científicos do proxecto Permathermal da Universidade de Alcalá, que están a participar na Campaña Antártica, instalaron na última semana de xaneiro unha estación meteorolóxica deseñada polos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción que recolle e almacena datos de velocidade e dirección do vento, temperatura e precipitación para despois ser transmitidos polo satélite Serpens e descargados en Vigo. Como explica do director da Agrupación Aeroespacial, Fernando Aguado, “os datos xerados pola estación meteorolóxica in situ están sendo comunicados a Vigo utilizando o sistema HumSAT, ao cal pertence o satélite Serpens, segundo da constelación tras o Humsat”.

Científicos que traballan co Serpens, na base Gabriel de Castilla.
Científicos que traballan co Serpens, na base Gabriel de Castilla.

Tanto o satélite como a plataforma empregada para esta proba piloto foron desenvolvidos por completo na Universidade de Vigo e están especialmente deseñadas para ser despregadas en áreas sen infraestruturas de apoio de ningún tipo, como serían a rede eléctrica ou as comunicacións móbiles. “Precisamente é nestas zonas onde o sistema HumSAT terá unha maior utilidade ao ser os sistemas por satélite os únicos capaces de proporcionar a comunicación necesaria”, destaca o investigador vigués. Para isto a plataforma autónoma instalada na Antártida está dotada co seu propio sistema de xeración e almacenamento de enerxía, o seu sistema de comunicación coa constelación HumSAT e unha estación meteorolóxica para a recollida de datos.

Publicidade

A estación de transmisións instalada na Antártida foi desenvolvida pola UVigo

A plataforma autónoma de recollida e almacenamento de datos científicos foi despregada na base antártica española Gabriel de Castilla co apoio do buque Hespérides e das súas dotacións dirixidas polo Comandante Alberto Salas e coa axuda dos investigadores Miguel Ángel de Pablo e Manuel Prieto, da Universidade de Alcalá que. Como destaca Fernando Aguado, os científicos madrileños “veñen colaborando coa Agrupación Aeroespacial dende o comezo do sistema HumSAT”, e foron os encargados de levar ata a Antártida o equipo desenvolvido pola Universidade de Vigo. O investigador vigués puntualiza que a estación foi instalada inicialmente na base e, tras o éxito da conexión, foi trasladada a unha lomba próxima á base, “unha operación de alta complexidade dadas as limitacións e riscos propios dunha área tan remota e que tivera sido imposible sen a axuda da dotación da propia base, adestrados para esas contornas extremas. Dende a súa actual localización transmite diariamente información das condicións meteorolóxicas antárticas que se pode consultar en Vigo grazas ao sistema HumSAT. Para os enxeñeiros da Universidade “esta experiencia pon de relevo a capacidade do Serpens, e o sistema HumSAT en xeral para proporcionar un servizo de grande utilidade en áreas remotas ao longo de todo o planeta”.

A estación meteorolóxica instalada na Illa Decepción.
A estación meteorolóxica instalada na Illa Decepción.

O Serpens foi posto en órbita en agosto dende a Estación Espacial Internacional e, dada a escasa altura da órbita na que foi inxectado, está prevista a súa reentrada dentro dun mes. O satélite é o terceiro cubesat lanzado e operado pola Universidade de Vigo e forma parte do proxecto Humsat, que ten como obxectivo colocar en órbita unha constelación de satélites deste tipo e o despregue dunha rede de sensores de terra coa finalidade de ofrecer un servizo de carácter humanitario, por exemplo, na xestión de catástrofes naturais ou na monitorización do cambio climático. Por este tipo de utilidades é polo que o sistema está especialmente deseñado para zonas con pouca ou nula cobertura eléctrica ou móbil. Neste sentido, esta proba piloto realizada dende a Antártida contribúe a demostrar a viabilidade do envío de datos científicos a través desta constelación e abre unha nova vía de comunicación para os investigadores que traballan na Antártida.

Nesta recta final do ciclo de vida do Serpens, a valoración que fan os investigadores vigueses é moi positiva e destacan que estivo e está a traballar a pleno rendemento, “achegando importantísimos resultados técnicos e científicos de cara á mellora e evolución do sistema HumSAT”. Nas vindeiras semanas estableceranse tamén conexión con estacións despregadas en California, Chile ou Brasil, que completarán esta serie de experiencias piloto do sistema e permitirá aos enxeñeiros realizar as actividades necesarias para verificar que o sistema está preparado para a súa utilización con usuarios reais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

Cinco proxectos científicos de institutos galegos “viaxarán” á base española na Antártida

O CSIC premia a alumnado da Coruña, Lugo e O Grove no seu certame "AntarcticLab"