Venres 19 Abril 2024

O rastro no ADN doutra epidemia de coronavirus con máis de 20.000 anos de antigüidade

Unha análise de xenómica evolutiva atopa sinais de adaptación a un virus semellante ao SARS-CoV-2, principalmente en poboacións do leste de Asia

A pandemia da Covid-19 está a ser, entre todas as que afectaron á Humanidade ao longo da historia, a que máis produción científica está xerando para coñecer, con todo tipo de detalles, os factores que inflúen na gravidade coa que a infección afecta a unhas e outras persoas. Alén da idade e o sexo, o SARS-CoV-2 impacta de xeito distinto, como outros virus, en función do código xenético que ten cada organismo. Hai importantes estudos internacionais en marcha que intentan desentrañar posibles marcadores no xenoma que boten luz sobre esta cuestión. E foi precisamente unha destas análises xenómicas a que fixo agromar os trazos no ADN dalgunhas poboacións de que arredor de 900 xeracións antes da actual -isto é, uns 25.000 anos antes de agora- outra epidemia causada por un coronavirus afectou a poboacións do leste de Asia, na China, Xapón ou Vietnam. Como se descubriu isto?

Sinais de adaptación xenética

A investigación, que publica Current Biology, desenvolveuna un equipo de investigadores australianos e estadounidenses expertos en bioloxía evolutiva. Ademais do SARS-CoV-2, os autores compararon a informacións doutros brotes recentes de orixe zoonótica, como os do SARS-CoV ou o MERS-CoV, xurdidos na primeira década deste século. Neste contexto, e como parte do esforzo de xenetistas de todo o mundo nas últimas décadas para intentar atopar os trazos de eventos históricos de adaptación no xenoma das poboacións, o equipo dirixiu a mirada cara aos lugares do ADN nos que os coronavirus poden deixar pegada. “Os xenomas humanos modernos conteñen información evolutiva que se remonta a decenas de miles de anos atrás, o que pode axudar a identificar os virus que golpearon aos nosos devanceiros e indica que virus teñen un potencial pandémico no futuro”, expón o texto.

Publicidade

“Os virus son criaturas simples cun obxectivo: facer máis copias de si mesmos. Pero a súa estrutura biolóxica provoca que non poidan reproducirse de forma independente, polo que deben invadir as células doutros organismos e ‘secuestrar’ a súa maquinaria molecular. As invasións virais implican unirse e interactuar con proteínas específicas que producen as células hospedadores, o que chamamos proteínas de interacción viral (VIP, en inglés)”, explican os investigadores nun artigo en The Conversation.

A través de análises computacionais realizados en máis de 2500 xenomas de 26 poboacións de todo o planeta, os investigadores descubriron algo salientable: había marcas de adaptación a coronavirus en 42 xenes humanos que codificaban a información desas proteínas VIP. Pero estas marcas só estaban en cinco poboacións, todas elas do leste de Asia, e especialmente nas etnias chinesas han e dai, o que levou á conclusión de que os devanceiros dos asiáticos orientais de hoxe en día estiveron expostos a coronavirus uns 25.000 anos antes de agora.

Análises posteriores revelaron que estas 42 marcas de adaptación se expresan, sobre todo, nos pulmóns, o tecido máis afectado polos síntomas da Covid-19. E confirmouse, do mesmo xeito, que estas proteínas VIP interactúan directamente co SARS-CoV-2. Ademais, estas VIP identificadas no estudo, segundo destacan os autores, “son tamén dianas farmacolóxicas para outros tipos de virus, como o zika ou a hepatite C. Varios destes fármacos foron redirixidos con éxito, e suxiren que outros poderían aplicarse tamén ao tratamento da Covid-19″, apuntan.

Segundo os autores desta investigación, “descubrir os xenes afectados por brotes virais ao longo da historia, como se fai neste estudo, ofrece prometedores resultados para o uso das análises xenéticas evolutivas como unha nova ferramenta para combater brotes futuros”, conclúen. Mais con todo, non deixan de advertir do “impacto abrumador” dos factores socioeconómicos fronte aos posibles condicionantes xenéticos no curso da Covid-19. “É importante destacar que a adaptación a antigas epidemias virais en poboacións humanas específicas non implica necesariamente ningunha diferenza na susceptibilidade xenética entre diferentes poboacións”.


Referencia: An ancient viral epidemic involving host coronavirus interacting genes more than 20,000 years ago in East Asia (Publicado en Current Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades