O Parlamento tramitará a lei pola igualdade na carreira investigadora en Galicia

A proposta do BNG, que leva o nome de Ángeles Alvariño, foi aprobada por unanimidade este martes na cámara autonómica

Os tres grupos políticos con presenza no Parlamento de Galicia aprobaron este martes a proposición de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego “para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación”. O proxecto leva o nome de Ángeles Alvariño, oceanógrafa galega que, tal e como lembra o BNG, denunciou en 1977 “a discriminación que padecía no laboratorio estadounidense no que traballaba”. Para solucionar os problemas que seguen existindo, vinculados á maternidade, a fenda de coidados e de xénero na carreira científica, agora tramitaranse, despois da aprobación da cámara, a modificación da norma vixente, o decreto 2/2015.

Así, entre outras propostas, esíxese a “garantía de que os períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, non repercutan negativamente na formación e na carreira docente e investigadora”, asegurar tamén o “cumprimento do principio de non discriminación por razón de xénero tanto directa como indirecta”, “establecer medidas que garantan unha participación equilibrada de mulleres e homes en todos os órganos colexiados e na toma de decisións”, “promover un uso dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade de homes e mulleres, permitindo compatibilizar o exercicio da profesión académico-científica-tecnolóxica coas responsabilidades persoais e de coidado”, a creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas facultades e escolas das universidades galegas, apoio á realización de proxectos e investigacións sobre cuestións de xénero, tendo en conta esta perspectiva, a formación do persoal nesta materia, o apoio a través de medidas de acción positiva do traballo das mulleres no ámbito investigador, fomentando a súa participación e liderado en grupos científicos, ou a visibilización das achegas das mulleres na ciencia ao longo da historia e na actualidade e o fomento da vocación científica e investigadora.

No debate parlamentario, a deputada do PPdeG Paula Prado, destacou: “Temos a obriga de poñer en marcha todos os mecanismos que impidan que a ningunha muller lle prexudique a maternidade na súa traxectoria profesional, académica ou investigadora”.

Desde o BNG, Olalla Rodil lembrou que aínda “hai mulleres que teñen que escoller entre ser nais ou científicas e outras que ven como a decisión de ter crianzas e exercer o seu dereito a conciliar supón un atranco para continuar adiante coas súas carreiras profesionais”.

Por parte do PSdeG, Noa Díaz salientou que “só lexislando garantiremos a plena igualdade”, ao tempo que destacaba que “é unha cuestión de xustiza social” que as mulleres poidan levar a cabo as súas carreiras no eido científico sen ter que estar condicionadas pola súa vida persoal en asuntos como a maternidade ou os coidados.

Unha reivindicación de longo percorrido

Nos últimos anos impulsáronse desde o mundo da ciencia e a investigación en Galicia varias iniciativas para acadar a igualdade real entre homes e mulleres, despois de varios episodios denunciados por persoas afectadas. É o caso, por exemplo, de María de la Fuente, directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), que recentemente viu recoñecida a discriminación por mor do permiso de maternidade de 13 meses, despois do nacemento dos seus dous fillos, nunha convocatoria do Instituto Carlos III para acceder aos contratos Miguel Servet.

O caso de María de la Fuente: un precedente pola igualdade na investigación

Máis de 1000 sinaturas para o manifesto pola igualdade na investigación en Galicia

Este mesmo mes de marzo, co gallo do Día da Muller, a Rede Galega pola Investigación (Investigal), presentou no rexistro do Parlamento de Galicia un manifesto, secundado por máis de 1000 persoas e institucións ligadas á comunidade científica para solicitar aos grupos con representación na cámara que “se pase á acción” e “se cree un marco normativo axeitado” para mellorar a lexislación que acabe coa a fenda de xénero aínda existente en moitos ámbitos da investigación. Esta petición toma forma, por tanto, na lei Ángeles Alvariño.

Esta mesma rede denunciou a discriminación que persistía nalgunhas convocatorias, como a dos contratos posdoutorais que convoca a Xunta de Galicia, cara a investigadoras que dispuxeron dun permiso de maternidade durante o seu contrato. A súa reclamación recibiu o respaldo de institucións como a Valedora do Pobo, que instou á Xunta a solucionar estas eivas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.