Venres 29 Marzo 2024

O outono chega a Galicia con avisos por chuvia e vento

A estación comeza este luns 23 ás 9.50 horas, e durante ela poderemos ver varias chuvias de estrelas e un tránsito de Mercurio diante do Sol

O comezo desta semana trae con el, tamén, o comezo do outono. A estación chegou exactamente ás 9.50 deste luns 23, cando o Sol chegou ao punto Libra, atravesando o Ecuador dende o hemisferio norte cara ao hemisferio sur da esfera celeste. Unha imaxe que se pode albiscar perfectamente nos satélites, como o que encabeza a información. Neste día, a liña de amencer e anoitecer é case que coincidente cos meridianos. Así, nestas datas a duración do día e a noite practicamente coinciden, pasando esta última a gañar terreo ata o solsticio de inverno (que terá lugar ás 5.19 horas do 22 de decembro) no que a diferencia entre a noite e o día será máxima, explica desde a USC o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

O outono adoita comezar entre os días 21 e 24 de setembro, aínda que durante o século XXI iniciarase nos días 22 e 23 de setembro. O inicio máis temperán, segundo detalla o IGN, producirase no 2096, e o máis tardío foi no 2003. Estes cambios débense ao xeito no que encaixa a secuencia de anos no calendario (algúns deles bisestos) coa duración de cada órbita arredor do Sol.

Publicidade

Nesta estación ten lugar o momento no que a lonxitude do día se acurta máis rapidamente. Cada día que pasa, o Sol sae pola mañá un minuto máis tarde ca o anterior, e pola tarde ponse un minuto antes. Para adaptarse a esta situación, na madrugada do domingo 27 de outubro realizarase o habitual cambio de hora (aínda que a súa continuidade está agora mesmo sendo debatida na Unión Europea).

E a estación chega a Galicia cunha mostra do tempo que nos adoita acompañar nestes meses: chuvia e vento. Así, MeteoGalicia mantén un aviso amarelo polo efecto dunha borrasca situada preto de Irlanda e que deixará no oeste de Galicia precipitacións de ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas e refachos superiores a 80 km/h. Así, en estacións como Penedo do Galo (Viveiro) ou Punta Candieira (Cedeira) xa se superaron estes rexistros nas primeiras horas do luns.

Tránsito de Mercurio

O outono durará, segundo informa o Observatorio Astronómico Nacional, 89 días e 20 horas, e finalizará o 22 de decembro co comezo do inverno. Un dos momentos destacados a nivel astronómico será o tránsito de Mercurio por diante do Sol, o día 11 de novembro. É un acontecemento que non se repetirá ata o 13 de novembro de 2032. Así, en menos de dous meses (e coa protección debida para non danar a vista), poderase ver como o disco de Mercurio pasa por diante da estrela.

Este fenómeno ten lugar cando a conxunción do planeta interior (neste caso Mercurio) acontece no momento en que se atopa nun dos seus nodos orbitais, é dicir, nos puntos da súa órbita que cruza o mesmo plano no que orbita a Terra.

Tamén haberá oportunidade de gozar dalgunhas chuvias de meteoros (se as nubes o permiten). A primeira será arredor do 8 de outubro, coas dracónidas. O 17 de novembro producirase o máximo das leónidas e, finalmente, o 14 de decembro chegarán as xemínidas, a máis intensa desta estación.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Nelson activa a alerta en Galicia por chuvias, vento e temporal marítimo

A Semana Santa comeza con aviso laranxa por ondas de 7 metros en todo o litoral e amarelo por acumulación de chuvia de ata 40l/m2 en tan só 12 horas

Un río atmosférico empapa Semana Santa: Galicia poderá superar os 100 l/m² 

A situación de inestabilidade continuará durante a fin de semana, cando podería producirse unha cicloxénese explosiva no oeste da península

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Dúas potentes borrascas atlánticas deixarán un temporal de chuvia e neve

Unha sucesión de frontes activarán a alerta amarela este xoves por refachos superiores aos 80 km/h e ondas de ata 5 metros nas Rías Baixas e na Costa da Morte