O galego no laboratorio do Nobel: “MacMillan é unha persoa fantástica”

O químico lucense David Fernández relata como é o traballo no proxecto do novo premiado, co que colabora na Universidade de Princeton

Xaneiro de 2020. O químico lucense David Fernández chega á Universidade de Princeton, en Nova Jersey, para unirse, de novo, ao equipo de David MacMillan. Un científico de peso, agora mundialmente coñecido por ser o gañador do Nobel de Química deste ano, galardón que comparte co seu compañeiro Benjamin List. Ao tempo que eloxia ao seu mentor, tanto no plano profesional como persoal, o investigador galego ri con felicidade contida. A celebración do Nobel é a celebración do Nobel, pero o traballo no laboratorio non cesa.

—Como recibiu a noticia do Premio Nobel?

—Como hai diferenza horaria entereime por Whatsapp, polos meus amigos. Pero moi prontiño, xa na mañá de aquí, de Nova Jersey, a iso das 5.00 ou 5.30 horas xa había un montón de mensaxes no noso grupo do laboratorio. Xa se facían un montón de bromas. Por exemplo, se había hoxe reunión ou non. E podemos confirmar que segue habendo reunión [risas].

—É dicir, o mundo non se para porque se gañe o Nobel.

—Exactamente, seguimos traballando. De feito, estou aquí no laboratorio.

—Como é traballar con David MacMillan?

—Neste laboratorio trabállase bastante e de forma intensa, pero faise ben. É un traballo agradecido. En canto a David MacMillan, é unha persoa fantástica, de verdade. É marabilloso. As súas ideas recibiron un premio Nobel; evidentemente son moi boas. E é unha magnífica persoa, entón estou traballando moi a gusto por aquí.

Os descubridores da organocatálise reciben o Nobel de Química

—Como é a súa rutina de traballo?

—Vimos a iso das 9 ou 9 da mañá e xa empezamos con reunións. Temos arredor de catro por semana, que duran dúas horas aproximadamente. Cando as rematamos comezamos a traballar no laboratorio. Traballamos en vitrina, en facer proposals, escribir artigos…

—David MacMillan recibiu o Nobel de Química, xunto a Benjamin List, pola organocatálise asimétrica. Como pode explicala?

—Sen dúbida é unha pregunta bastante complicada. Eu diría que a organocatálise supuxo un fito importante porque permite facer e crear moléculas dunha maneira moi sinxela e específica. Digamos que moitas das moléculas presentes na natureza ou nos fármacos que se venden actualmente, contan con centros quirais. E estes centros quirais son complicados de facer de maneira sintética nun laboratorio.

Unha opción é partir de moléculas naturais que xa teñan esas características, pero a cotío non é posible para chegar á molécula que ti queres. A outra opción sería facelas partindo de substancias comerciais, aquí é onde radica a innovación creando dende cero os centros quirais. De maneira simplificada podemos dicir que hai tres grandes áreas que permiten facer centros quirais: as enzimas, algúns complexos metálicos de transición e outra das alternativas é esta, a organocatálise, que inventaron MacMillan e List. Basicamente consiste en moléculas orgánicas, que son elas mesmas quirais, e asisten a uns reactivos non quirais para que finalmente cheguen a esa molécula final con quiralidade. Grosso modo, porque non é doado de explicar.

“Dende que cheguei aquí en xaneiro de 2020, non puiden volver a Galicia. Estase ben pero hai moita morriña”

—Xa traballou con el en 2017 e volveu en 2020. Como está a ser a experiencia?

—Estiven contento en 2017 e decidín repetir. O de 2017 foi unha estancia breve. Tiven unha bolsa do Estado que permite facer unhas estadías de tres ou catro meses. Eu fixen unha estancia de catro meses en 2017 porque a min chamábame moito a atención traballar con luz, que é outro dos programas que se está facendo agora aquí no laboratorio de MacMillan. Ademais está tendo moito éxito e nos próximos anos veremos un segundo premio Nobel [risas]. Entón, gustoume moito o traballo. É intenso, pero paga a pena. Decidín volver en 2020 para uns estudos postdoutorais e aquí estou. A única mágoa que tiven é que a Covid-19 tamén nos golpeou duramente e restrinxiunos saír de aquí. Eu, dende que cheguei aquí en xaneiro de 2020, non puiden volver a Galicia. Estase ben aquí pero hai moita morriña.

Imaxe compartida en Twitter por David MacMillan, con David Fernández (segundo pola esquerda, con máscara escura, rodeado cun círculo branco), despois do anuncio do Nobel de Química.
Imaxe compartida en Twitter por David MacMillan, con David Fernández (segundo pola esquerda, con máscara escura, rodeado cun círculo branco), despois do anuncio do Nobel de Química.

—Cales son as súas sensacións nesta segunda etapa? Quere quedar?

—Quedar é algo que non está previsto nos programas de posdoutoramento. Normalmente os investigadores que veñen facer un postdoc aquí pasan de un a tres anos e despois móvense ou ben cara a industria ou ben cara a academia pero xa tratando de acadar posicións de assistant professor ou similares. Non hai ninguén aquí que fixera un postdoc e se quedase a traballar de maneira continua. Non existe esa figura.

—Cales son os pasos que lle gustaría seguir?

—Estou buscando algunha cousiña, xa hai por aí algunha pero non podo dicir moito. Será en empresa, si. Nunha empresa farmacéutica.

—Cambiará entón de sector. Aínda que a experiencia de traballar con David McMillan ten que ser xa de poñer no currículo.

—Si, dende logo. Iso é algo que sempre axuda. Traballar, agora ademais, cun premio Nobel, pois evidentemente achega máis.

“Este traballo é intenso pero paga a pena. Volvín polos estudos postdoutoraise aquí estou”

—Presentou a súa tese de doutoramento en 2019. Está relacionada coa organocatálise asimétrica?

—Exactamente co Premio Nobel non ten moita vinculación. É certo que durante a miña tese de doutoramento traballei na síntese de moléculas quirais pero cun enfoque totalmente distinto. Eu utilicei metais de transición e ligandos quirais, como son as bisfosfinas para chegar tamén a produtos quirais. Nese aspecto poderiamos ter unha similitude pero non é realmente o mesmo campo de traballo. Eu traballei durante cinco anos en catálise metálica e estratexias de C–H activación durante o meu doutoramento. En poucas palabras, digamos que é unha metodoloxía que empregan os químicos para transformar enlaces carbono-hidróxeno, que son os máis abundantes nas moléculas orgánicas, noutras funcionalidades que poidan ser interesantes, ben sexa para a síntese dun fármaco ou dun material específico. No meu caso, o que fixen durante a tese foi facer enlaces carbono-carbono, que son uns dos máis interesantes de cara á industria farmacéutica empregando complexos de metais de transición como iridio ou rodio, etcétera.

—Sexa como sexa, hoxe é día de celebración.

—Si, tivemos unha reunión cun ambiente distentido, algunha celebración xa hai por aí. Veremos como vai o día. Eu aínda teño unhas cantas reaccións na vitrina e vounas ter que atender si ou si [risas]. Estamos de dobre felicitación porque houbo outro Premio Nobel en Princeton, o de Física.

—Está no centro da ciencia agora mesmo.

—Pois si. E é que a ciencia é esencial en todos os ámbitos da vida pero aínda máis se ve no caso dunha pandemia. É unha necesidade para poder seguir. Temos que gastar diñeiro en ciencia para poder finalmente sobrevivir.

—Viuse moi restrinxida a investigación a causa da pandemia?

—Pois si, sobre todo nos momentos máis complicados da pandemia estivemos como tres ou catro meses totalmente fóra do laboratorio. Eu tiven sorte porque empecei tamén un proxecto relacionado co coronavirus, entón simplemente estiven como 15 días ou un mes fóra e logo traballei en coronavirus. Tíveno máis sinxelo ca outra xente que pasou catro ou cinco meses na casa traballando vía telemática, que non é o mesmo que moverse e poder vir ao laboratorio e facer a túa rutina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.