O investigador Carlos Salgado, do IGFAE.

O físico Carlos Salgado da USC gaña unha Advanced Grant de 2,5 millóns

O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías investiga sobre estados da materia inmediatos ao Big Bang

A luz tarda tres ioctosegundos en atravesar un protón. Se un segundo fose tan grande como toda a idade do universo, ese tempo sería un millón de veces máis rápido que un chiscar de ollos. Sendo un intervalo de tempo tan efímero, non obstante é aparentemente suficiente para que en certo tipo de colisións do Gran Colisionador de Hadróns (LHC), os quarks e os gluóns que forman os protóns perdan a súa coherencia cuántica, interaccionen entre eles e formen un novo estado da materia coñecido como plasma de quarks e gluóns, o estado de todo o universo tan só unhas millonésimas de segundo despois do Big Bang.

Estudar aspectos fundamentais na formación deste plasma primixenio nos aceleradores de partículas é o obxectivo do proxecto que lidera o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o profesor de Física Teórica da USC Carlos A. Salgado, co financiamento do European Research Council (ERC) que acaba de outorgarlle a axuda Advanced Grant, dotada con 2,5 millóns de euros para un período de cinco anos. O proxecto leva por título ‘Yoctosecond imaging of QCD collectivity using jet observables’ (YoctoLHC).

As axudas Advanced Grant están deseñadas para apoiar científicos “líderes excepcionais en termos de orixinalidade e significado das súas liñas de investigación”. O ERC achega financiamento para o desenvolvemento de ciencia de fronteira coa excelencia como principal requisito de selección.

Como explica Carlos Salgado, varias das propiedades do plasma de quarks e gluóns son coñecidas despois de dúas décadas de intenso estudo experimental. Así, sábese da súa “baixísima viscosidade, a máis baixa de calquera material coñecido, ou a súa temperatura, centos de miles de veces maior que a do interior do Sol”.

Salgado traballa co seu equipo no maior experimento do mundo: o Gran Colisionador de Hadróns do CERN

Non obstante, pese a estes avances, descoñécese o mecanismo físico que describe a creación desta nova fase da materia tan rapidamente a partir dos constituíntes fundamentais dos protóns e neutróns. O proxecto YoctoLHC propón utilizar de maneira novidosa un tipo de sondas, os jets ou chorros de partículas producidos a alta enerxía, para realizar unha imaxe temporal dos primeiros 10 ioctosegundos da colisión e entender, deste xeito, o proceso de emerxencia da complexidade a partir dos elementos máis fundamentais  da natureza, as partículas do Modelo Estándar (a teoría que describe as partículas fundamentais e as súas interaccións).

O proxecto desenvolverase no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, e contará ademais coa participación de persoal investigador do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas de Lisboa (LIP) e da Universidade de Jyväskylä en Finlandia.

Advanced Grant

Esta é a segunda axuda Advanced Grant concedida a persoal investigador da USC, logo da xestionada polo profesor José Luis Mascareñas para a aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. Esta nova concesión a Carlos Salgado, súmase á axuda Starting Grant que xa recibira en 2011 para estudar estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. O proxecto, esencialmente teórico, pretendía comprender as propiedades destes medios creados no LHC.

Carlos Moedas, comisionado europeo para Investigación, Ciencia e Innovación, explica que o programa Advanced Grant respalda “a investigadores destacados en toda Europa. O seu traballo pioneiro ten o potencial de marcar unha diferencia na vida cotiá das persoas e brindar solucións a algúns dos desafíos máis urxentes”. Neste senso, engade, “o ERC brinda a estas mentes brillantes a posibilidade de seguir desenvolvendo as súas ideas máis creativas e xogar un papel decisivo no avance de todos os dominios do coñecemento”.

A esta convocatoria do ERC concorreron un total de 2.052 propostas de investigación, aínda que unicamente foron seleccionadas para recibir financiamento un 11% das solicitudes. As axudas Advanced Grant, ademais de permitir desenvolver investigación nas fronteiras do coñecemento, está dirixida “a investigadores recoñecidos de calquera nacionalidade ou idade, que sexan cientificamente independentes e teñan un historial e perfil de investigación de alto nivel e actual que os identifique como líderes nos seus respectivos campos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.