Xoves 18 Abril 2024

O desafío matemático da Galiciencia

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. “Atrévete coas matemáticas!” está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.

Desde agora e ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono –obxecto plano con forma de polígono creado mediante o pregue dunha peza de papel que, debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala– construído por eles mesmos. Quen demostre máis habilidade nesta proba poderá enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.

Publicidade

Para chegar á final, haberá que superar varios desafíos

Os gañadores dos sucesivos retos anteriores decidiranse a votación dos centros escolares galegos, que serán invitados a valorar as probas, e do público en xeral a través da web de Galiciencia.

Durante a última xornada de Galiciencia, que contará co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior.

Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia máis alá dos tres días que dura o evento central. En 2015, con motivo da celebración do décimo aniversario da feira, realizouse unha xira de espectáculos científicos e cursos para docentes por toda Galicia.

Búscase estimular a curiosidade científica dos escolares

O concurso pretende estimular a creatividade e a curiosidade científica de escolares de centros das catro provincias. En concreto, as probas están deseñadas para cultivar o pensamento abstracto a través da xeración de imaxes a partir de conceptos matemáticos. Grazas á elaboración do flexágono e o anamorfismo aprenderán sobre a relación das matemáticas coa xeometría e a arte e, os que cheguen á final, adestrarán as súas habilidades na aplicación das matemáticas á análise e resolución de  problemas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Estas son as mellores fotografías científicas de 2023

O corte transversal dunha casca de ovo, a simetría do brócoli e un nobelo de anisakis, entre as imaxes gañadores de FOTCIENCIA