Sábado 20 Abril 2024

O CSIC pide á Xunta que levante "o veto" para acceder ás súas axudas

Financiación captada polo CSIC Galicia
Financiación captada polo CSIC Galicia entre 2008 e 2013.

Menos persoal, menos cartos e menos proxectos. Malia o papel estratéxico que xoga o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) para os intereses socioeconómicos e culturais de Galicia, a actividade deste organismo freouse e vive momentos “sombríos” e de regresión, como recoñece o seu coordinador institucional Eduardo Pardo de Guevara y Valdés na ‘Memoria 2012-2013′ que acaba de publicar o CSIC Galicia. O documento demanda á Xunta que reactive a participación do organismo nas convocatorias públicas destinadas ó fomento da investigación. De feito, a financiación captada polo CSIC en Galicia caeu estrepitosamente desde o ano 2011 tras pecharse a billa dos programas da Xunta, ao que hai que sumar os recortes no propio Consejo.
“Como é coñecido, os anos 2012 e 2013 non foron fáciles para o CSIC, a causa fundamentalmente dos sucesivos recortes orzamentarios que se sumaron ós todavía máis graves que se sufriron en anos precedentes”, expón Pardo de Guevara. As consecuencias negativas son evidentes: “Isto impuxo a necesidade de aparcar algunhas iniciativas estratéxicas, como o proxecto a executar na antiga Escuela de Transmisiones Electrónicas de la Armada (ETEA), en Vigo, ou a construción da sede do Incipit [Instituto de Ciencias del Patrimonio], en Santiago de Compostela”, concreta o coordinador institucional.

“Desde comezos de 2011 temos vedada a nosa participación nas convocatorias públicas da Xunta”

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas debuxa un escenario xeral de “tintes máis sombríos e preocupantes” causado polo “veto” que, din, sofren por parte da Xunta “os cinco centros de investigación do CSIC en Galicia” e “todos os demais centros e fundacións que conforman o ámbito da investigación non universitaria”.
“Desde comezos de 2011 temos vedada a nosa participación nas convocatorias públicas da Xunta de Galicia destinadas ó fomento da investigación, tal como as referidas a proxectos sectoriais de investigación aplicada, proxectos de investigación básica e outras actuacións (congresos, reunións e demais), consolidación e estruturación de grupos de investigación ou recursos humanos (etapa predoctoral, postdoctoral 1 e 2, estabilización de investigadores, cofinanciación dos subprogramas nacionais Ramón y Cajal e Juan de la Cierva ou as vinculadas ós programas europeos do European Research Council)”, enumera o representante da delegación galega.

Evolución do gasto do CSIC Galicia
Evolución do gasto do CSIC Galicia.

Porén, si recoñece que malia que esta circunstancia “limitou gravemente a capacidade para captar fondos externos competitivos”, o chamado contrato-programa que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) inaugurou en 2013 “moderou nunha pequena parte esas consecuencias”. Mais a posición do CSIC mantense “moi clara e precisa neste punto e así llo transmitiu con insistencia ós distintos responsables da Xunta de Galicia”, aseguran. “Neste momento, pois, non cabe agardar máis que unha solución rápida e razoable”, demanda Pardo de Guevara.
O escenario podería empeorar, segundo o CSIC, se non se toman medidas correctoras, pois se ben “as dificultades e problemas que este cúmulo de circunstancias adversas xeneraron son evidentes e mesmo se agudizaron”, o seu reflexo “aínda non é moi patente nalgúns indicadores”, avisa.
Por todo isto, o CSIC considera que “o único razoable é perseverar máis e mellor nos obxectivos perseguidos, confiando ó tempo en que os aludidos problemas e dificultades que se afrontaron deberán revertir nun horizonte próximo, ou non lonxano”, conclúe nas súas demandas o seu coordinador institucional.

Publicidade

Os datos do CSIC Galicia

A evolución dos datos dos últimos anos evidencian as dificultades que atravesa o CSIC en Galicia. O organismo vén perdendo persoal contratado e proxectos. Dunha plantilla total de 463 persoas contratadas no ano 2011 –nas áreas de Investigación, Técnicos e Apoio, Xestión e Formación—pasouse a 426 en 2013. Os proxectos activos reducíronse un 30 por cento no mesmo período; os novos, un 50%. E mentres os contratos/convenios activos pasaron de 43 a 39 nese trienio, os novos subiron de 14 a 18.
Máis detalladamente, obsérvase desde o ano 2008 unha gran perda de investigadores contratados de case a metade, pasando de 50 naquel ano a tan só 26 investigadores en 2013. Tamén é moi notable a redución no número de científicos en formación, que nese sexenio pasaron de 116 a 58.
Con todo, o CSIC Galicia aumentou a produción de publicacións científicas e a actividade docente e divulgativa, ademais das patentes activas. O organismo tamén recuperou investigadores visitantes. Porén, o número de tesis/tesinas, traballos fin de master e outros caeu respecto a 2012, aínda que foi maior que en 2011.
O gasto viuse asimesmo reducido nun 16,5 por cento en tres anos, pasando de 26 millóns de euros no ano 2011 a 23,7 en 2012 e 20,9 en 2013.

Datos do CSIC en Galicia
Datos do CSIC en Galicia.

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) –o maior e máis importante organismo público de investigación de España, terceiro de Europa e sétimo do mundo– ten en Galicia unha considerable estrutura e actividade. A delegación institucional conta con cinco institutos ou centros de investigación: a Misión Biológica de Galicia, o Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, o Instituto de Investigaciones Marinas, o Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia e o Instituto de Ciencias del Patrimonio. A estes súmanse a sede atlántica da Unidad de Tecnología Marina e diversas iniciativas nas que o CSIC Galicia ten participación ou presencia institucional: o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou os campus de excelencia internacional das universidades galegas: o Campus do Mar (Universidade de Vigo) e o Campus Vida (Universidade de Santiago de Compostela).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións