Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.
Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.

O CSIC inicia en Galicia sete proxectos de excelencia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia captou preto de 700.000 euros de financiamento a través das convocatorias en concorrencia competitiva do ano 2017 dos programas Retos e Excelencia do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación (2013-2016) co que inicia sete proxectos de I+D+i na Misión Biolóxica de Galicia, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Instituto de Investigacións Mariñas e Instituto de Ciencias do Patrimonio. A duración dos proxectos é de entre dous e catro anos.

Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra)

Na convocatoria Retos, a MBG obtivo un financiamento de 108.900 euros a través do proxecto “Xenómica e mellora xenética do desenvolvemento do froito da xudía común: maduración e dehiscencia da vaina”, cuxa investigadora principal é Marta Santalla Ferradás, investigadora científica do CSIC no Grupo de Xenética do Desenvolvemento de Plantas.

A investigación ten como obxectivo incrementar o coñecemento acerca dos factores xenéticos e os mecanismos implicados en procesos agrónomicos de particular relevancia no desenvolvemento da xudía, como son a maduración e ehiscencia, e a súa conservación en diferentes especies de anxiospermas de froito seco e dehiscente, como é a leguminosa modelo, xudía común. En conxunto, a información xenética obtida fará posible deseñar estratexias para mellorar o desenvolvemento da vaina de xudía común en aspectos craves da maduración e a dehiscencia, o que redundará en incrementos do rendemento da colleita no caso do xudía gran, e da calidade da vaina como hortaliza verde, reducindo as fibras nas suturas e valvas da vaina, e aumentando o seu valor para a produción como vaina fresca.

É un proxecto na modalidade individual no que colaboran grupos de investigación das universidades de Almería, Granada, Tasmania e do Instituto de Bioloxía Molecular e Celular de Plantas (CSIC).

IEGPS (Santiago de Compostela)

Na convocatoria Excelencia o IEGPS captou 26.136 euros para a execución do proxecto “A casa señorial en Galicia (séculos XIII-XVI). Materiais para o seu estudo”, cuxo investigador principal é Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, científico titular do CSIC no Grupo Historia Social do Poder desde a Idade Media.

O presente proxecto aspira a revitalizar, a través do traballo heurístico, unha liña de investigación non suficientemente explorada no Noroeste peninsular, a pesar de que nos últimos anos goza de singular aceptación noutros espazos xeográficos. O seu obxectivo, por tanto, é avanzar no coñecemento do sentido histórico da casa señorial na Galicia dos séculos XII ao XVI como coordenada explicativa e vertebradora do sistema señorial baixomedieval galego. Para iso, abordarase a procura, localización e estudo de novos materiais no marco metodolóxico da historia social do poder.

Contempla desde a preparación dun repertorio documental debidamente estruturado -pezas documentais inéditas- que sirva de apoio aos estudos sobre a casa señorial á elaboración de repertorios de formas, imaxes, obxectos e arquitecturas da casa señorial, así como a análise do fenómeno da cristalización da casa señorial atendendo ás súas bases económicas e patrimoniais ou do protagonismo das mulleres na casa aristocrática.

O equipo do proxecto está composto por unha vintena de especialistas en historia e arte medieval, paleografía e heráldica medieval e tecnoloxías da información e comunicación de diferentes institucións, entre outras do CSIC, USC, UDC e das Universidades de León e Porto (Portugal).

IIM (Vigo)

O Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM obtivo na convocatoria Excelencia 157.300 euros para desenvolver o proxecto individual “Aplicacións antivirais derivadas da reprogramación epixenética, familias multixénicas, e crossreactividades relacionadas coa immunidade innata adestrada en peixes”, cuxa investigadora principal é Beatriz Novoa García, profesora de investigación do CSIC.

Os obxectivos desta investigación pasan por entender a participación de xenes do sistema inmune e do metabolismo no adestramento e a actividade antiviral de rodaballo e peixe cebra, estudar os lncRNAs (RNAs non codificantes) e microRNAs asociados coa posible memoria da resposta inmune innata ITI e comprender a reprogramación epixenética nestes procesos.

O Grupo de Patobioloxía Molecular Acuática inicia no marco da convocatoria Excelencia o proxecto “Un xenoma para dous deseños corporais: estudos de xenómica funcional e transcriptoma a nivel de xenoma completo para comprender as bases xenéticas da metamorfose en peixes”, financiado con 200.000 euros e cuxo investigador principal é Josep Rotllant Moragas, científico titular do CSIC, e na convocatora Retos “Acuicultura do polbo: cara a unha produción exitosa mediante a interación de estudos nutrigenómicos e epixenéticos”, financiado con 145.200 euros e cuxa investigadora principal é Camino Gestal Mateo, científica titular do CSIC.

O primeiro proxecto propón abordar a cuestión fundamental de como un xenoma crea dous deseños corporais completamente diferentes nun mesmo animal. Para iso, propón investigar a “deconstrución” do armazón de xenes reguladores (EGR) responsables da remodelación metamórfica no rodaballo (Scophthalmus maximus) como un modelo de estudo. A identificación e caracterización do EGR do devandito proceso no rodaballo levará a cabo mediante a combinación e integración de diferentes tecnoloxías de vangarda.

O segundo proxecto pretende profundar no cultivo do polbo común investigando os seus estadios temperáns de desenvolvemento (desde embrións a paralarvas), mediante estudos nutrixenómicos e epixenéticos. O obxectivo principal é lograr unha mellor comprensión dos procesos biolóxicos que ocorren nas primeiras etapas de desenvolvemento da especie baixo condicións de cultivo. Trátase dun proxecto coordinado polo CSIC, composto por dous subproxectos no que ademais participa o IEO, a Universidade de Granada, a Universidade de La Laguna e o Instituto de Acuicultura Torre La Sal, tamén do CSIC.

Incipit (Santiago de Compostela)

O primeiro proxecto, proxecto “Agricultura, comunidade e deserto. Prácticas agrícolas e organización comunitaria na Atacama prehispánica”, financiado con 36.300 euros, oriéntase ao estudo arqueolóxico dun dos ambientes máis extremos do planeta: as terras altas do deserto de Atacama (Chile) ao longo do período chamado Intermedio Tardío (900-1450 d. C.) e na posterior expansión Incaica (1450-1533 d. C.). O investigador principal é César Parcero Oubiña, científico titular do CSIC.

Os seus principais obxectivos son analizar as formas de vida, manexo do medio e os recursos nun contexto ambiental altamente limitante, así como os efectos da expansión do imperio incaico nas poboacións locais desta rexión periférica. Ademais do propio interese para a arqueoloxía da rexión, o proxecto pretende tamén obter datos e conclusións sobre problemas máis xenéricos, como poden ser a sustentabilidade e o impacto humano en ambientes extremos ao longo da historia, ou as relacións de coexistencia e dominio entre poboacións locais e grandes imperios.
O proxecto continúa unha liña de traballo iniciada en 2010 e conta coa colaboración de investigadores e estudantes das universidades de Chile e New Mexico.

O segundo proxecto, que recibiu 33.880 euros, e con Xosé Lois Armada Pita, investigador Ramón e Cajal do CSIC, como investigador prinicipal, ten como obxectivo xeral analizar unha manifestación particularmente enigmática do rexistro arqueolóxico da Europa atlántica: os grandes depósitos de machadas sen utilizar e con aliaxes pouco funcionais (altas cantidades de chumbo e/ou estaño) que aparecen en diversos lugares da devandita área xeográfica durante a transición Bronce Final – Idade do Ferro. Entre os obxectivos específicos figura determinar a procedencia do chumbo utilizado nas aliaxes, avanzar no coñecemento da tecnoloxía metalúrxica ou afinar a cronoloxía deste fenómeno de produción e deposición masiva.

O proxecto, de modalidade individual, conta cun nutrido equipo de investigadores pertencentes ao CSIC, ás universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona, Coimbra e Cambridge, ao Museo Arqueolóxico Nacional e ao Museo Británico, en cuxos prestixiosos laboratorios desenvolveranse algúns dos traballos.

As convocatorias Retos e Excelencia

Retos” ten como finalidade promover a xeración de coñecemento científico orientado á procura de solucións aos problemas presentados nos retos da sociedade identificados na Estratexia Española de Ciencia e Tecnoloxía e de Innovación e no Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación.

Excelencia” pretende promover a execución de proxectos de investigación consistentes en traballos experimentais ou teóricos emprendidos co obxectivo primordial de adquirir novos coñecementos acerca dos fundamentos subxacentes dos fenómenos e feitos observables, aínda que non existan perspectivas inmediatas de aplicación práctica e directa, e deben supoñer un avance importante no ámbito no que se encadren.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.