Imaxe captada polo telescopio VLT en 2019, cando o Borisov pasou preto do Sol. Foto: ESO.
Imaxe captada polo telescopio VLT en 2019, cando o Borisov pasou preto do Sol. Foto: ESO.

O cometa interestelar Borisov, unha alfaia das orixes do Sistema Solar?

Novas observacións do obxecto indican que podería ser o obxecto máis prístino xamais observado, xa que nunca pasara preto dunha estrela

En agosto de 2019, un astrónomo da península de Crimea, Guennadi Borisov, observou o primeiro cometa interestelar que se detectou desde a Terra. Como o seu descubridor, correspondeulle darlle nome, e foi bautizado como 2I/Borisov. O corpo celeste sumouse, deste xeito, á selecta lista de obxectos interestelares detectada nos últimos anos, na que tamén hai que incluír o controvertido Oumuamua, un asteroide que chegou de fóra do Sistema Solar, e sobre o que se manteñen moitas incógnitas. Desde entón, o cometa Borisov está a ser obxecto de estudo por parte de astrofísicos de todo o mundo, e novas observacións, difundidas esta semana na revista Nature Communications, revelan que podería ser o máis prístino xamais observado. Isto é, que nunca pasara preto dunha estrela ata que se achegou ao Sol no 2019 e, por tanto, conservaría unha composición moi semellante á da nube de gas e po na que se formou o Sistema Solar 4500 millóns de anos atrás.

Na investigación participaron expertos de varias institucións, entre as que están as universidades de Barcelona e Alacant. As novas análises de Borisov realizáronse co Very Large Telescope (VLT), do Observatorio Europeo Austral (ESO), e constataron unhas propiedades polarimétricas distintas ás doutros cometas que visitan o Sistema Solar.

“2I/Borisov (nome completo do obxecto) podería representar o primeiro cometa verdadeiramente prístino nunca observado”, sostén Stefano Bagnulo, do Observatorio Planetario de Armagh, en Irlanda do Norte, autor principal do estudo.

Borisov e Hale-Bopp, parecidos razoables

Deste xeito, Borisov só é comparable a outro cometa que puido ser observado nas últimas décadas desde a Terra: o Hale-Bopp, visible a ollo nu en 1997. O traballo publicado esta semana conclúe que Borisov ten propiedades polarimétricas distintas a todos os cometas, agás Hale-Bopp. Mais parece que o obxecto descuberto no 2019 é incluso máis prístino có que nos visitou a finais do século XX. Crese que Hale-Bopp xa pasara unha vez preto do Sol e, por tanto, viuse apenas afectado polo vento solar e a radiación. Pero a análise de Borisov suxire que é aínda máis prístino có outro cometa, o que significa que contén trazas sen alterar da nube de gas e po na que se formou, nas orixes do Sistema Solar.

“Un resultado interesante foi comprobar que 2I/Borisov é moito máis azul ca Hale-Bopp, o que suxire que as partículas expulsadas polo cometa interestelar poderían ser máis pequenas”, apunta outro dos autores, Toni Santana-Ros, do Instituto de Ciencias do Cosmos da Universitat de Barcelona e Alacant, que realizou medicións fotométricas de este primitivo obxecto.

“Polo feito de tratarse do primeiro cometa interestelar nunca observado, é un obxecto único. Descoñecemos a frecuencia con que estes obxectos atravesan o noso sistema solar, e, por tanto, quizais estamos a falar dunha ocasión única durante xeracións de observar un obxecto deste tipo. É por este motivo que ten unha gran importancia analizar todas as observacións de que dispoñemos para poder estudar a natureza deste obxecto. Poder dispoñer de observacións polarimétricas deste corpo, como as que obtivemos, ábrenos a porta para estudar con detalle a súa composición e, sobre todo, a cantidade de erosión espacial que recibiu ao longo da súa historia”, engade Santana Ros.


Referencia: Unusual polarimetric properties for interstellar comet 2I/Borisov (Publicado en Nature Communications).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.