Venres 29 Marzo 2024

O colisor LHCb pon en cuestión o Modelo Estándar de física de partículas

O gran experimento do CERN, no que participan científicos da USC, difunde novos achados que, de confirmarse, violarían o modelo máis aceptado

Un achado realizado polo Large Hadron Collider beauty (LHCb) do CERN, no que toman parte investigadores da USC a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), pode achegar novas respostas sobre as incógnitas que persisten arredor do Modelo Estándar de física de partículas, a teoría máis aceptada pero que, con todo, non achega polo momento evidencias experimentais suficientes para se confirmar. Científicos do LHCb presentaron nas coñecidas como conferencias de Moriond, unhas xornadas sobre física, unhas análises que, de confirmarse, suxerirían indicios dunha violación do Modelo Estándar. Esta teoría predí que as desintegracións que involucran diferentes sabores de leptóns, deberían acontecer coa mesma probabilidade, unha característica coñecida como universalidade do sabor de leptóns que xeralmente se mide pola relación entre as probabilidades de desintegración.

Desintegración moi rara dun mesón b (beauty) que involucra un electrón e un positrón observada no experimento LHCb. Fonte: CERN.
Desintegración moi rara dun mesón b (beauty) que involucra un electrón e un positrón observada no experimento LHCb. Fonte: CERN.

No Modelo Estándar de física de partículas, a relación debería ser moi próxima a un. A medición realizada pola colaboración LHCb compara dous tipos de desintegracións de quarks “b” (beauty). A primeira desintegración involucra ao electrón e a segunda ao muón, outra partícula elemental similar ao electrón, pero aproximadamente 200 veces máis pesada. O electrón e o muón, xunto cunha terceira partícula chamada tau, son tipos de leptóns e a diferenza entre eles coñécese como “sabores”. Os resultados que acaban de ver a luz, de confirmarse, implicarían un novo proceso físico, como a existencia de novas partículas ou interaccións fundamentais.

Publicidade

Ademais, os novos achados determinan a relación entre as probabilidades de desintegración con maior precisión que as medicións anteriores e utilizan todos os datos recompilados polo detector LHCb ata o de agora, por primeira vez.

Alén deste relevante achado, no marco da conferencia tamén se presentaron novas medicións dunhas desintegracións raras de mesóns “b” que contan cunha participación importante de Paula Álvarez, investigadora da Universidade de Cambridge, que fixo a súa tese no IGFAE e que agora coordina o grupo de Rare Decays (Desintegracións raras) do LHCb. A análise destas desintegracións é un vello coñecido do IGFAE, no que anteriormente estiveron moi involucrados os investigadores Diego Martínez Santos, Xabier Cid Vidal e Jose Ángel Hernando Morata e, actualmente, Titus Mombacher.


Referencia: Improved measurement of Bs0→ μ+μ decays.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos