O CiQUS afonda na estrutura molecular do petróleo

Estrutura dunha das moléculas modelo obtida mediante a técnica AFM (microscopía de forza atómica).
Estrutura dunha das moléculas modelo obtida mediante a técnica AFM (microscopía de forza atómica).

«Malia a relevancia económica do petróleo, a estrutura molecular dalgunhas das súas fraccións pesadas continúan a ser unha incógnita, pola complexidade nas mesturas e a falta de patróns e técnicas axeitadas para o estudo dalgúns dos seus compoñentes». Quen así se expresa é Diego Peña Gil, investigador principal do CiQUS e responsable da liña de colaboración que o centro mantén aberta co IBM Research en Suíza; unha prolífica relación integrada por físicos (IBM) e químicos (CiQUS), que xa deu lugar a numerosas publicacións colectivas entre ambas as dúas institucións. Froito desta interacción multidisciplinar, no ano 2015 os científicos conseguían determinar a estrutura molecular dunha das fraccións máis intrigantes e problemáticas deste combustible fósil: a composta por un tipo de moléculas coñecidas como asfaltenos.

Os asfaltenos son compoñentes sólidos do petróleo, que causan graves problemas na industria petrolífera ao bloquear tubaxes e canalizacións; de feito, coñéceselles como ‘o colesterol das refinerías‘ (en clara alusión ao efecto que esta sustancia provoca nas nosas arterias). Consecuentemente, coñecer a estrutura molecular dos asfaltenos é clave para combater os seus efectos prexudiciais en pozos petrolíferos e refinerías.

Os asfaltenos son coñecidos como ‘o colesterol das refinerías’

A primeira aproximación dos investigadores en Santiago e Zurich serviu para resolver un debate clásico neste campo, valéndose para iso da técnica de Microscopía de Forza Atómica (AFM); así, o equipo responsable do traballo de 2015 concluíu que a maioría de asfaltenos teñen un único núcleo aromático, rodeado de diferentes cadeas de átomos de carbono.

Agora, de novo un traballo conxunto do CiQUS e IBM, en colaboración coa compañía petrolífera ExxonMobil, foi un paso máis aló no estudo desta intricada mestura molecular, preparando e caracterizando a nivel atómico moléculas modelo de asfaltenos, con diferentes cadeas de carbono na súa periferia.

Os resultados desta investigación facilitaron a análise de mostras naturais de asfaltenos mediante a comparación con estas novas moléculas modelo, o que permitirá dispoñer dun maior coñecemento sobre a estrutura real do petróleo. Un avance que, como recoñece o propio Peña Gil, «posiblemente terá importantes implicacións na industria do petróleo, tanto á hora da súa extracción como durante o proceso de refino».

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.