Foto de familia tras a cerimonia de ingreso de Senén Barro.
Foto de familia tras a cerimonia de ingreso de Senén Barro.

O catedrático de Computación Senén Barro entra na Academia de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o acto de ingreso de Senén Barro Ameneiro, catedrático no Departamento de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Matemáticas e Física do Cosmos. A súa completa a rolda de incorporacións á institución neste ano, no que entraron seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento. O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titulouse “Poden pensar as máquinas?”. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma polo reitor da USC, Juan Viaño.
Ao acto asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e a valedora do Pobo, Milagros Otero.
Senén Barro é catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial desde 1995. Foi director do Departamento de Electrónica e Computación da USC desde 1993 até xuño de 2002 e reitor entre 2002 e 2010, etapa na que promoveu a internacionalización e a aposta emprendedora da USC, conseguíndose o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional para o proxecto do Campus Vida na primeira convocatoria deste tipo en España, celebrada en 2009. Desde maio de 2008 é presidente de RedEmprendia, a Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas, que conta con 20 universidades iberoamericanas asociadas, ademais do portal Universia e o Banco Santander.

Barro fundou un dos primeiros grupos de Intelixencia Artificial de España

Fundou e dirixe o Grupo de Sistemas Intelixentes, que conta na actualidade con 40 membros e, de acordo co seu nivel de publicacións científicas, é o primeiro grupo de Intelixencia Artificial de Galicia e un dos primeiros de España. É investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación internacionais, nacionais e autonómicos. Realizou estancias de investigación no Departamento de Informática Médica do Royal Free Hospital en Londres (Reino Unido); no Departamento de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Maryland (Estados Unidos); nos Departamentos de Enxeñaría e Ciencias da Computación das Universidades de South Florida e California; e no Departamento de Enxeñaría Matemática da Universidade de Bristol (Reino Unido).
Presidiu o grupo de TIC da Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) desde xuño de 2003 até outubro de 2005. Incorporouse ao Comité Permanente da CRUE en maio de 2005 e en maio de 2008 foi nomeado vicepresidente da entidade, cargo que ostentou até xuño de 2010.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.