Xoves 28 Marzo 2024

O botánico Baltasar Merino protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

O botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román será o homenaxeado este ano con motivo do Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co primeiro centenario do falecemento do investigador, foi aprobado unanimemente polos académicos a conta do papel de Merino como o autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega, á que se suman os primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.

Flora de Galicia de Baltasar Merino

Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 4 de outubro, a RAGC xa iniciou os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e aos seus campos de coñecemento para comezar a organizar nos próximos meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Merino, unha tarefa para a que xa se conta co compromiso habitual da Fundación Barrié.

Publicidade

Baltasar Merino naceu en 1845 en Lema (Burgos) e, con 15 anos, ingresou na Compañía de Xesús, onde se formou en Filosofía, Humanidades e Retórica e foi ordeado sacerdote. Foi enviado a Cuba, Estados Unidos, Francia e Porto Rico, destinos nos que iniciou o labor docente que o levaría en 1880 a Galicia, onde viviu ata o seu falecemento en 1917 (Vigo) e desenvolveu toda a súa faceta científica.

Durante vinte anos, Merino impartiu docencia no Colexio Apóstolo Santiago (A Guarda, Pontevedra), fundado polos xesuítas en 1876 e orixe da Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comiñas. O centro contaba cun avanzado observatorio meteorolóxico do que Merino foi director na súa época de maior esplendor. Un dos seus alumnos naquela época foi o astrónomo Ramón María Aller.

No ano 1900, con 55 anos de idade, deixou a docencia para dedicarse en exclusiva á investigación, faceta na que se iniciou pouco tempo antes. Os seus traballos en botánica caracterizáronse por un grande esforzo empírico de recollida de mostras e observación, nun momento no que a carencia de medios e de bibliografía sobre o tema eran limitacións que el supliu con iniciativa e co apoio de destacados botánicos da época como Carles Pau.

Merino foi un defensor do barómetro para predicir as borrascas atlánticas

A obra máis destacada de Merino foi a Flora Descritiva e Ilustrada de Galicia, publicada en varias entregas entre 1905 e 1909. Trátase do primeiro inventario exhaustivo do manto vexetal galego, cun total de 1.845 especies, moitas delas descoñecidas ata entón, que serían ampliadas en sucesivas Adicións. Segundo a catalogación feita pola Real Sociedade Española de Historia Natural, trátase da primeira flora rexional completa de España. Para elaborala, ademais de realizar numerosas expedicións por toda Galicia, contou coa colaboración de antigos alumnos, curas das parroquias rurais e outras persoas que lle facilitaban informacións e mostras.

Ademais de varias remesas que foron parar ao Xardín Botánico de Madrid, as súas coleccións consérvanse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra), no IES Sánchez Cantón de Pontevedra e no Museo de Historia Natural Luís Igrexas da Universidade de Santiago.

Merino foi membro fundador, en 1909, da sección de Santiago da Real Sociedade Española de Historia Natural, da que foi presidente honorario. En 1915 foi elixido director honorario da Académie Internationale de Géographique Botanique.

Foi director honorario da Académie Internationale de Géographique Botanique

O seu interese pola meteoroloxía non só o levou a relacionala de maneira pioneira coa botánica, senón que achegou visións innovadoras para a época merecedoras do recoñecemento dos expertos. A el débenselle os primeiros traballos de climatoloxía aplicada que se realizaron en Galicia, tomando como referencia datos obtidos na Garda entre 1881 e 1890, con avanzadas gráficas de evolución de temperatura, humidade e precipitación.

Ademais de ser un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España, a súa recomendación de usar o barómetro para predicir as borrascas atlánticas valeulle os encomios do director do Observatorio Meterolóxico de Lisboa. Esta recomendación foi publicada pola prensa española e portuguesa por mor da traxedia que provocou un temporal costeiro en Póvoa de Varzim en 1892, co falecemento de máis de cen persoas, e que Merino propoñía evitar cara ao futuro xeneralizando o uso do barómetro, principalmente entre os pescadores. “En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante custo, de esperar é que os que se confían case diariamente ás ondas e ós ventos se fagan con tan precioso aparello”, escribiu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

A Academia de Ciencias e GCiencia lanzan unha nova edición da revista ‘A Ciencia en Galicia’

A publicación presentarase este mércores co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en honor ao economista Manuel Colmeiro y Penido